martes, agosto 19, 2008

Pola unidade de acción contra o Plano Acuícola da Xunta de Galicia

Pola unidade de acción contra o Plano Acuícola da Xunta de Galicia
A Rede Galiza Non Se Vende, ven debatindo, durante todo este mes con propostas concretas, a necesidade de mobilizar-se, para o 28 de Agosto, data na que se preve que o Consello Xeral da Xunta de Galicia aprobe o Plano Acuícola. A organización ecoloxista ADEGA, tamén ven manifestando publicamente a súa oposición ao Plano Acuícola e agora chama á mobilización. Non debemos desaprobeitar a situación e clamar pola unidade para rexeitar na rúa este Plano Industrial que legalizaría e permitiría a construción e ampliación de grandes piscifactorias no noso litoral que empobrecen e contaminan as nosas costas.

[Para ampliar clicaracima da foto]

Noticia de Interese publicada no xornal dixital Anosa Terra Diario

CACELORADA O 28 DE AGOSTO EN SANTIAGO
ADEGA dille ao BNG que o culpará do Plan Acuícola

Redacción. A asociación ecoloxista, próxima aos nacionalistas, asegura que se o Consello da Xunta aproba o Plan Acuícola 'deixará de ser responsabilidade de Pesca [controlada polo PSdeG] e converterase nun proxecto de todo o goberno'.
Reloxo 18.08.2008 | 07:00

ADEGA, a principal asociación ecoloxista do país, responsabilizará tamén ao BNG se finalmente a Xunta aproba o polémico Plan de Acuicultura de Galicia. "Se o aproba o Consello deixará de ser responsabilidade de Pesca [controlada polo PSdeG] e converterase nun proxecto de todo o goberno", advirte o secretario executivo Fins Eirexas.
O BNG non aclarou a súa posición

O ecoloxista, en declaracións a ANT, quere "lanzar unha mensaxe moi clara ao BNG: se o apoian vai haber críticas para todos". Dende ADEGA, organización moi próxima ao nacionalismo, explícase que xa se reuniron con parlamentarios do PSOE e do Bloque para advertirlles das consecuencias de aprobaren o documento en época prelectoral.

Foi a oposición do Bloque a varias granxas o principal factor que impediu a Pesca aprobar o Plan antes do verán, como comprometera no Parlamento o presidente Touriño. Con todo, o BNG non aclarou se as súas reticencias son fortes abondo como para votar en contra do proxecto dos seus socios de goberno no Consello da Xunta.

Manifestación o 28 de agosto

Malia os rumores de adianto electoral, Eirexas está convencido de que o Executivo tentará darlle luz verde ao Plan Acuícola o 28 de agosto, na primeira reunión do Consello. De feito, ADEGA comezou a organizar unha cacelorada de protesta para esa data en San Caetano.

A organización conta con que acudan moitos colectivos veciñais coordenados na plataforma Galiza non se Vende. Eirexas insiste en que se os conselleiros aproban o proxecto de Pesca "vailles chover críticas de todos os lados".

Agricultura ecolóxica como alternativa

O ecoloxista pensa que, malia que a Xunta aprobe o Plan, moitas granxas non se porán en marcha por problemas legais e pola oposición veciñal. En particular, sinala o proxecto de Quilmas, no que unha cooperativa, a Raíña Lupa, lanzou un proxecto de agricultura ecolóxica co apoio da consellaría de Medio Rural.

Noticia orixinal no xornal "A Nosa Terra Diario"
____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon