mércores, marzo 11, 2009

Noticias de ADEGA sobre o Río Eume e o Proxecto de Plataforma Loxística de Mandiá

ADEGA denuncia que volven ser preocupantes os niveis de pH no río Eume. Tomaron-se mostras no encoro de Goente [As Pontes] e no lugar de Ombre [Pontedeume] esta semana, dando uns niveis que se situan en torno ao 5,3.

Por outra banda ADEGA Trasancos está elaborando as Alegacións ao Informe de Sustentabilidade Ambiental do proxecto da Plataforma Loxística de Mandía, para o cal elaborou un Borrador do escrito de Alegacións ao “Proxecto sectorial plataforma loxística, empresarial e portuaria de Ferrol e ao seu informe de sustentabilidade ambiental” que queira consulta-lo podeo facer nos Arquivos Ártabros do Colectivo Ártabra 21

No Diario de Ferrol de hoxe Mércores 11 de Marzo de 2009

Volven ser preocupantes os niveis de pH no río Eume
P.C.C. > FERROL
Os pescadores do río Eume [tal como denunciou ADEGA] alertan sobre un novo descenso do pH da auga do río Eume, cuxos niveis se situan en torno ao 5,3. Os datos son desta mesma semana e foron tomados tanto no encoro de Goente como no coto situado na poboación de Ombre.

O presidente da Asociación de Pescadores de Caaveiro, Adriano Paz Niebla, recoñece que a situación preocupa a un sector que ve como periga a campaña do reo que arrinca en menos de dous meses. Á marxe de pór en corentena os resultados das intervencións realizadas ata a data pola empresa Sogarisa e financiadas por Medio Ambiente (tres millóns de euros), o presidente dun colectivo ao que están vinculados uns 50 profesionais da pesca con cana entende que a situación do río é tan crítica que o cambio que debe producirse na Xunta "só fará empeorar as cousas". Este comentario obedece á vez que require o traspaso de poderes á fronte do Executivo autonómico e, neste sentido, o representante dos pescadores do coto de Ombre recoñeceu que "os pescadores temos medo de que neste mes de cambio siga empeorando a situación do río". Paz Niebla entende que de non porlle freo ao que a día de hoxe acontece no Eume só haberá que esperar a que se rexistre unha nova mortaldade de peixes, como a que se rexistrou o verán pasado e que foi denunciada polos pescadores. A campaña do reo arrinca o día 1 do próximo mes de abril e estará en vigor ata finais de setembro. Durante a mesma, era habitual que as capturas superasen os 600 exemplares, segundo Adriano Paz Niebla. O presidente apuntou que de non actuar de xeito urxente e eficaz para tratar de salvar o Eume "pronto asistiremos á morte do río".

Empresa > Pola súa banda, a empresa contratada por Medio Ambiente por mor da aparición de peixes mortos na canle do río, á altura do coto de Ombre, cuestiona os resultados das medicións realizadas polos pescadores, posto que sinala que as realizadas polos técnicos de Sogarisa arroxan outros datos. Segundo estes, os niveis están entre o 5,8 e o 6,4. Desde a empresa desméntese a interrupción das achegas de cal que desde fai máis de seis meses realízanse en distintos tramos do río coa intención de reducir os problemas que se rexistran no Eume desde a obra de construción da Autovía Ferrol- Vilalba.
___________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon