venres, marzo 06, 2009

Que é o software libre (en só 59 segundos)

Por Suso Baleato
05.12.2008



Paseniño si, pero con firmeza, o software libre vai acadando cada vez máis presenza na sociedade. Resulta natural que esperte o interese da cidadanía e se cadra por iso, para darlle resposta a esa demanda, propóñenme dende o Diario Cultural da nosa Radio Galega o reto de explicar en menos dun minuto qué cousa é que vén sendo esa do software libre. Consciente da capacidade que a radio ten pra chegar a todos os recunchos do país atopeime inmerso na insospeitada aventura de –cronómetro en man– preparar un guión capaz de transmitir a cerna do conceito. Eis eiquí o resultado; xulguen vostedes se o conseguín e noutro caso fagan a súa achega, que as suxestións son sempre benvidas.

[Clicar pata ampliar. Cargando Mapa Conceptual das Licenzas do Software Libre Mapa Conceptual das Licenzas do Software Libre. Enrique Estévez Fernandez, OSL/ USC]

O software libre é ese conxunto de programas informáticos distribuídos baixo os termos dunha licenza que nos cede os dereitos de uso e de explotación desa obra permitíndonos legalmente facer cousas como descargar eses programas da internet, instalalos e utilizalos en calquera computadora, por suposto copialos e redistribuílos sen nengún tipo de restricións e sobre todo: entrar dentro do aplicativo –no seu código fonte– para ver como funciona exactamente, de tal maneira que se detectamos algún erro ou se queremos mellorar o seu funcionamento teñamos a posibilidade técnica e legal de facelo, podendo despois compartir esa mellora.

Estes dereitos que nos outorga o software libre teñen unha importancia vital para a nosa cultura porque nos permite facer cousas como traducir eses programas ao noso propio idioma e por tanto, facer viábel a nosa identidade nese novo contexto definido pola sociedade da información e do coñecemento, onde o que existe é o que temos diante da pantalla.

Socialmente xusto, economicamente sustentábel; esas son as características fundamentais do software libre


Enlace orixinal no Blog de Suso Baleato, na sección "Programas para levar", do sitio "A Nosa Terra Dixital", con interesantes comentarios.
______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon