luns, marzo 30, 2009

Segundo o BNG Irisarri perdeu a mellor das oportunidades para rehabilitar o barrio de Recimil

BNG -bng@ferrol.es-
30 de março de 2009 12:07


  • O BNG valora positivamente o Convenio para o Bambú Club.
  • Xoán Xosé Pita, afirmou que Irisarri perdeu a mellor das oportunidades para rehabilitar Recimil.
Ferrol, 28 de marzo de 2009. A proposta de convenio de colaboración entre a Consellería de Vivenda e o Concello de Ferrol é valorada positivamente polo grupo municipal do BNG. Para o portavoz nacionalista, Xoán Xosé Pita, “este convenio revela o compromiso do BNG co barrio de Recimil e demostra que a colaboración ofertada desde a responsabilidade nacionalista na Xunta non era unha oferta baleira de contido nin un exercicio retórico”. O portavoz municipal destacou que este convenio vaille permitir ao concello afrontar a redacción do proxecto básico e de execución das obras de rehabilitación do Bambú club.

Así mesmo desde o grupo municipal do BNG entenden que a rehabilitación deste inmoble debe servir de referente para a rehabilitación do resto do barrio. Xoán Xosé Pita indicou que con este convenio “ponse de manifesto que as reiteradas críticas que se fixeron ao BNG eran totalmente infundadas e respondían a estratexias de desgaste que só pretendían desprestixiar à Consellería de Vivenda que ten demostrado en numerosas ocasións a súa sensibilidade cos problemas de Ferrol e do barrio de Recimil en particular.”

Responsabilidade Municipal

Xoán Xosé Pita, é crítico coa xestión municipal na rehabilitación de Recimil e responsabilizou ao ao Alcalde da Cidade de ter deixado fuxir a mellor das oportunidades que tivo nunca o Concello para rehabilitar o barrio.

A indecisión do goberno de Vicente Irisarri e o retraso de máis de dous anos por tomar unha decisión firme sobre o futuro da barriada impediron materializar un acordo máis ambicioso. Pita afirmou que “Irisarri non estivo a altura das circunstancias”.

Pita indicou que o BNG gostaría dun convenio máis ambicioso pero lembrou que a Consellería de Vivenda, ao estar en funcións, fixo todo o que legalmente podía nestes momentos para colaborar co Concello de Ferrol.

O Concello por primeira vez en toda a historia do barrio coñecía a firme vontade da Xunta de colaborar activamente e inxectar os orzamentos precisos para contribuir a rehabilitación de Recimil. Pero o Concello de Ferrol por circunstancias que só o Goberno Local coñece demorou en exceso atender as chamadas á colaboración da Consellería de Vivenda.

A Nova Xunta debe asumir a rehabilitación

Para o BNG resulta evidente que a rehabilitación de Recimil, coa que estivemos e estamos comprometidos, require dun esforzo colectivo no que teñen que implicarse as administracións públicas que deben contribuir aportando os fondos económicos necesarios para esta tarefa.

Ese é un reto de toda a corporación municipal e da nova Xunta de Galiza, que debe asumir aqueles compromisos que redunden no beneficio da cidade de Ferrol e este é un deles.

Grupo Municipal do BNG no Concello de Ferrol
______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon