venres, abril 10, 2009

ADEGA: o Concello de Valdoviño vén de acordar suspender a licenza de urbanización na zona de Punta Frouxeira

FERROL, a 8 de Abril do 2009

  • A REDE NATURA E ZONA RAMSAR EN VALDOVIÑO AGORA CON MÁIS VALOR
  • O CONCELLO DE VALDOVIÑO, EN SESIÓN PLENARIA CELEBRADA NO DÍA DE HOXE, ACORDOU, CON SÓ 2 VOTOS EN CONTRA E 3 ABSTENCIÓNS, A SUSPENSIÓN DUNHA LICENZA DE URBANIZACIÓN EN PUNTA FROUXEIRA POR ESTAR EN REDE NATURA E ZONA RAMSAR

En sesión extraordinaria do seu Pleno Municipal celebrada ás 10 da mañan do día de hoxe [08.04.2009], o Concello de Valdoviño vén de acordar suspender a licenza de urbanización na zona de Punta Frouxeira, ao final da praia e ao lado mesmo do Castro da Frouxeira (onde, incluso, se estaba iniciando a construcción das primeiras 17 vivendas unifamiliares) e iniciar o proceso de modificación puntual das Normas Subsidiarias de Valdoviño para adaptalas á normativa vixente en materia de protección ambiental e de protección do patrimonio, e tamén en materia de protección de costas e de protección urbanística.

Este conflicto tén a sua orixe nun acordo da Xunta de Goberno Local do concello de Valdoviño de 5 de marzo do 2005 no que se aprobou definitivamente o proxecto de urbanización da denominada Unidade de Actuación nº 2 de A Saiña (á que lle seguiría, ben pronto, a solicitude de licenza de municipal para a edificación, dentro da illa nº 4 da urbanización, das primeiras 17 vivendas, unifamiliares e adosadas) sobre un solo rústico de especial protección de espazos naturais, -por estar en Zona Ramsar e en zona da Rede Natura-, e tamén solo rústico de especial protección de costas, -por incluir terrenos a menos de 100 m do dominio público-, e solo rústico de especial protección do patrimonio, -por pertenecer boa parte do mesmo a zona 200 m de protección do Castro de A FROUXEIRA.

As obras de urbanización empezarían no verán do 2006 e inmediatamente (foi neste momento cando temos coñecemento da autorización de urbanización) ADEGA presenta a correspondente denuncia de ilegalidade ante o mesmo concello de Valdoviño e tamén ante a Dirección Xeral de Urbanismo, ante a Dirección Xeral de Conservación da Natureza e ante o SEPRONA. Como resultado destas denuncias conseguimos, -a pesar da oposición da anterior corporación municipal-, unha primeira paralización das obras que o promotor, amparándose na falta de Resolución Municipal, tentaría reiteradamente de ignorar, reiniciando por varias veces as obras de urbanización ata chegar ao momento de hoxe no que xa ven de acabar a explanación das rúas e tén xa instalada a rede de alcantarillado.

A denuncia que dende ADEGA presentamos en Agosto do 2006 fundamentábase nos mesmos argumentos con que hoxe o Concello de Valdoviño vén de aprobar a suspensión da licenza municipal e a revisión das Normas Subsidiarias: a calificación da parcela de AS SAIÑAS como solo urbano que se fai nas Normas Subsidiarias Municipais do ano 1.993 é unha calificación manifestamente ilegal por canto tiña que ser solo protexido ao formar parte da Zona Ramsar (acordada en consello de Ministros de 21 de Febreiro do 1.992) e carecía de calquer servizo urbanístico (nen rúas, nen alcantarillado, nen servizo de luz, nen auga potable), ilegalidade, ademais, que o concello estaba obrigado a correxir á vista das disposicións da Lei do solo do 1997 primeiro e da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, despois; e á vista tamén de ter sido incluída dita dentro da Rede Natura (LIC “Costa Ártabra”) pola existencia na parcela de importantes hábitats recoñecidos como prioritarios pola Directiva 92/43 da Unión Europea.

En informe de 28 de Xaneiro do 2007, a Axencia da Legalidade Urbanística, na súa contestación á nosa denuncia, viña a confirmar xa que “é evidente que o Estudo de Detalle de 1999 e a súa modificación de 2004 ao excederense da súa función subordinada e complementaria das Normas Subsidiarias, adoptando determinacións propias do planeamento superior (clasificación do solo) e infrinxindo as prohibicións impostas a esta figura de planeamento no artigo 73-2 apartados a), c) e d) da Lei 9/2002, en canto que altera o destino urbanístico do solo, modifica as superficies destinadas a viais e preve a apertura dunha vía de uso público que non está previamente recollida no planeamento que desenvolve, incorre en nulidade pleno dereito ao conculcar o principio de xerarquía normativa, segundo o disposto nos artigos 51-2 e 62-2 da Lei 30/1992 de Réxime Xurídico das Administracións Públicas”, propoñendo, en consecuencia, e en cumplimento do artigo 118-1 do Regulamento de disciplina Urbanistica:

1º.- Revisar as Normas Subsidiarias de Valdoviño que incorren en nulidade de pleno dereito ao clasificar os solos da UA-1 e UA-2 como urbano sen reunir os requisitos legais para merecer tal clasificación ..."

2º.- Requerir ao concello de Valdoviño para que, no exercicio das súas competencias, proceda á revisión do vixente Estudo de Detalle da UA-2 cuia nulidade radical ven determinada polas NN.SS que lle dan cobertura e por exceder amplamente a súa funcionalidade infrinxindo determinacións do propio PXOM e prohibicións do artigo 73-2 da Lei 9/2002…

Asi pois, o acordo do Pleno do concello de Valdoviño do día de hoxe non fai outra cousa que seguir as instrucións da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística de xaneiro do 2007. Para ADEGA trátase dun primeiro acordo (ao que terá que seguir aínda a revisión das NN.SS para adaptalas á lexislación vixente) de grande importancia para empezar a poñer un pouco de orde na ordenación urbanística do concello de Valdoviño e de todo o litoral. Un acordo, ademais, que beneficia a todos os veciños do núcleo urbano de Valdoviño e do concello en xeral ao poñer en valor o seu litoral, o seu patrimonio natural e o patrimonio arqueolóxico do Castro da Frouxeira, e que, en última instancia, tamén vén a beneficiar ao propio promotor que, de continuar coas obras, non faría máis que incrementar as cargas económicas ante unha segura Resolución xudicial de derribo do edificio.

ADEGA, a pesar dos tres anos e medio transcurridos e de non poder ter evitado a explanación de parte da parcela coa consecuente destrución dos hábitats prioritarios nela presentes, non pode menos que sentirse satisfeita deste acordo, expresando a súa confianza de que o camiño que se empeza con este acordo municipal poda ter continuidade coa restauración e recuperación da parcela ao seu estado anterior e que esta recuperación poda completarse con outras accións de posta en valor do propio castro e de maior respecto polo dominio público marítimo-terrestre e polo xa escaso patrimonio natural do litoral. Agardamos, en todo caso, que este camiño poda continuarse coa próxima administración e que, no que á protección do litoral e aos obxectivos da Lei de Medidas urxentes para a protección litoral se refire, non poda haber retroceso algún: “o litoral constitúe, -como se di no borrador das Directrices de Ordenación do Territorio-, un ámbito territorial singular caracterizado polas diversidade e valor dos seus ecosistemas, paisaxes e valores culturais, pola súa importancia económica” que Galiza non pode permitirse o luxo de seguir destruíndo.

ADEGA
adegatrasancos@adega.info
___________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon