domingo, maio 03, 2009

Concentración o luns 4 de maio en protesta polo xuízo contra o secretario comarcal da CIG de Ferrol

A Executiva comarcal da CIG de Ferrol realizou un chamamento á participar na concentración convocada o vindeiro 4 de maio diante dos xulgados do Penal da cidade en contra do xuízo que se vai celebrar ese día contra do secretario comarcal, Xesús Anxo López Pintos. A concentración está prevista para ás 9:45 horas, media hora antes de que comece o xuízo.

A Executiva comarcal da CIG de Ferrol entende que “non se está a xulga só a unha persoa que ten dado e dá diariamente innumerábeis probas de compromiso cos traballadores e traballadoras da comarca de Ferrol, senón que é un ataque frontal contra ao lexítimo dereito de todos os traballadores/as á defensa real dos nosos intereses”.

Dende a CIG de Ferrol critican que as desorbitadas peticións de privación de liberdade de cinco anos e medio da acusación particular, a Xunta de Galiza, “esa mesma que ten que ser garante da defensa das liberdades”, e os dous anos e medio que pide a Fiscalía, “contrastan co criterio que aplican aos empresarios que coa súa neglixencia ou ausencia de medidas preventivas son responsábeis mesmo da morte de traballadores e traballadoras”, sinalan.


A central comarcal tamén apunta que o criterio para xulgar ao responsábel da CIG de Ferrol contrasta “co criterio aplicado ás grandes empresas financeiras que logo de ir á creba pola mala xestión e as enormes estafas realizadas por non se sabe quen, pois aínda ninguén foi detido por iso que se saiba, son saneadas cos nosos cartos... Semella que como sempre existen dúas varas moi distintas de medir, unha para os que máis teñen e outra para o resto da poboación”.

Dende a CIG de Ferrol lembran que “os traballadores e as traballadoras da comarca non podemos permitir que se persiga aos que defenden e loitan polos nosos dereitos, por iso temos que acudir a amosar a nosa solidariedade co compañeiro Pintos, todos xuntos pola defensa do común dereito a podernos defender da explotación laboral”.

Ás 9:45 horas, do Luns 4 de Maio de 2009, diante dos Xulgados de Ferrol

_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon