mércores, maio 06, 2009

O Colectivo Ártabra 21, organiza un Foro Cidadán de Reflexión e Debate sobre Deporte, Lecer e Tempo Libre, no Concello de Ferrol

O Colectivo Ártabra 21, organiza un Foro Cidadán de Reflexión e Debate sobre Deporte, Lecer e Tempo Libre, no Concello de Ferrol, este Xoves, 7 de Maio, ás 7 da Tarde no Ateneo Ferrolán, onde están previstas as seguintes intervencións:

  • Xan Ramírez que participa na asociación "Ferrol Deporte" como membro do "Clube de Montaña de Ferrol"
  • Mel Sanxoán que participa na "Escola Deportiva Inferniño"
  • Miguel López Pérez que preside a "Asociación Veciñal -Fontelonga- de Esteiro"
  • Juán Martínez Montero que participa na ANPA do "Colexio Público Recimil"
  • Manuel Santiago Pérez que é o Concelleiro de Deportes e Participación Cidadán
  • Inácio Martínez Orero do "Colectivo Ártabra 21" como coordenador do foro.
O acto consistirá en respostar as seguintes preguntas:
  • Pensas que en Ferrol faltan infraestruturas deportivas e de lecer ?
  • Pensas que hai unha demanda social destas infraestruturas deportivas e de lecer ?
  • Que é o que lle falta a Ferrol, no campo deportivo e de lecer, segundo a túa opinión ?
  • Pensas que as instalacións d'O Montón deberían estar abertas a toda a veciñanza en xeral ?
  • Pensas que hai unha infrautilización das instalacións deportivas dos centros públicos de ensino ?
  • Pensas que é necesario a contrución do proxectado "Centro Deportivo e de Lecer da Praza de España" e por que ?
Exposición dos motivos:

Desde o Colectivo Ártabra 21 queremos facer un pequeno foro de debate e reflexión sobre deporte, lecer e tempo libre no Concello de Ferrol, partindo dun feito polémico como é o proxectado "Centro Deportivo e de Lecer da Praza de España".

Nos últimos tempos, tanto con este goberno municipal como no anterior, e mesmo desde o conxunto da oposición política, apoiados co voto ou abstendo-se, percebe-se un apoio total a unha costosa infraestrutura que supostamente responde a unha demanda cidadá. Estamo-nos referindo ao "Centro Deportivo na Praza de España", de 5.325,40 m2, de superficie a construír, segundo anteproxecto aprobado. Unha infraestrutura soterrada de dúas plantas, dentro das cais están previstos espazos para actividades deportivas [entre as que o goberno municipal destaca salas de musculación e de exercicios cardiovasculares] e 897,70 m2 para unha piscina de 25X12 m, spa e relax. A maiores trata-se dunha infraestrutura deportiva e de lecer que a súa xestión e explotación vai ser privatizada, será unha empresa privada a que faga, supostamente, negocio coa prestación deste servizo.

Desde o Colectivo Ártabra 21, isto leva-nos a unha reflexión que queremos trasladar a sociedade e debater neste foro cidadán:

As obras de construción e remodelación da Praza da Porta Nova [Praza de España], comezadas en Maio de 2002 foron todo un cúmulo de despropósitos, dun proxecto inicial que parecía cumprir todas as espectativas de mellora da contorna, dedicando unha maior superficie da praza a zona peonil, soterramento do tránsito rodado, ..., pasou-se ao intento de facer un grande centro comercial "plantificado" nun edifio de 21 m de altura no medio da Praza. Pasou de todo perante este proceso: tres gobernos municipais, intervencións da inspección da Xunta, tres ou catro proxectos, denuncias xudiciais con imputacións graves, mobilizacións, ... O asunto foi toda unha "epopeia" e o das obras pasan xa de seis anos [Maio de 2002]. Podemos falar do túnel toda unha obra-despropósito que "aos dous días" da súa inauguración tivo que ser pechado, para súa reforma ... e pechado de novo por inundacións e outra vez máis, e sigue e seguirá ... ao facer o centro de "Lecer e Deportivo", esta-se hipotecando a posibilidade futura de reformar o túnel e regular o tránsito soterrado, como estaba deseñado todo o conxunto nun principio dentro dun modelo de cidade. Está iso reflexionado ou este asunto vai-se pechar en falso ? ... E ao final cos cartos de tod@s [a cidadanía] indemnizamos con varios millóns de euros á empresa ABECONSA, cando tiña que ser esta xunto aos concelleiros responsábeis de semellante despropósito os que pagaran co seu patrimonio tanta irresponsabilidade. Mais agora o que nos interesa non é o asunto da remodelación en superficie que parece ser que o que se vai facer é o mellor posíbel nas circunstancias actuais cunha praza case rematada a nivel estrutural. O que nos interesa é o proxectado "Centro Deportivo e de Lecer da Praza de España".

En primeiro lugar, desde o noso ponto de vista non entendemos os elevados gastos en infraestruturas de "lecer e deportivas" soterradas baixo cemento!, nos tempos de crise, non haberá outros investimentos necesarios ?. Nunha cidade coa poboación tan envellecida como a de Ferrol [*], non haberá que pensar en infraestruturas de atención as persoas maiores ? O deporte e o lecer pode-se praticar nas múltiples instalacións deportivas infrautilizadas que hai nas escolas e institutos, nas praias e parques. Ese proxecto que nós non compartíamos nen compartimos, mais dentro da súa [a deles] lóxica do imaxinario do pensamento único, era para tempos de bonanza económica, mais agora que aínda non se sabe o alcance da crise, pensamos que compre unha maior reflexión ao respecto, pois non cremos que estexamos para malgastar os fondos que haxa, independentemente de quem poña o diñeiro, nen para hipotecar-se ... Tampouco estamos de acordo coas privatizacións dos servizos públicos, ... Fai falta un seguimento e unha posición do movimento social e veciñal ao respecto. Consideramos que non hai que ter tanta presa ...

En segundo lugar, non entendemos que se pode falar de déficit en infraestruturas deportivas e de lecer, claro está que ao mellor é que non se teñen en conta a cantidade de medios que hai na cidade, os dos centros escolares, os privados dos diferentes clubes como os do "club del Campo" ou os públicos de uso clasista, exclusivista e privado como son os d'O Montón con canchas de Tenis, Baloncesto, Fútbol, Mini-golf, Ximnasios, Squash, Padel, Piscinas [no número de 6], Aulas Multiusos, Embarcacións, discotecas, restaurantes, cafeterías, lavado de Vehículos, porto deportivo, ... e un sinfín de servizos, con miles de metros cuadrados pagados co diñeiro de tod@s, mais que só poden utilizar uns poucos. Isto vai seguir sendo así ?

En terceiro lugar, consideramos que se confunde "progreso" con construír máis, máis crecimento, máis productividade, ter máis, e máis, ... ao principio do su mandato o Alcalde Sr. Irissarri soñaba cunha cidade de máis de 100.000 habitantes como obxectivo, aínda teñen que estar esas palabras nas hemerotecas, Sr. Alcalde, progreso non será aumentar a calidade de vida das persoas, acadar un maior benestar, ter saúde, ser mais feliz, ... ter máis convivencia entre a veciñanza, aprender a vivir mellor con menos, aprender a gozar da natureza, da nosa contorna, da nosa Ría. ..., progresar en relacións humanas, en convivir, en compartir, en benestar social, en saúde, en solidariedade, en vivenda digna para tod@s, en traballo digno para tod@s, en atencións ás persoas maiores, nunha cidade con menos coches, con menos contaminación, con máis transporte público: suficiente, ecolóxico e eficaz ...

En cuarto e último lugar, saudamos a política do Concello pola instalación de parques biosaudábeis, polo servizo de bicis públicas, pola construción de paseos saudábeis, ... mais falta un apoio decidido a mellorar e reparar as infraestruturas deportivas existentes nos centros educativos e abrir estas á cidadanía fora de horario escolar, reparar e reformar as prazas públicas lugar de reunión e lecer, que esta non sexa unha política transversal, senon a principal.

O Colectivo Ártabra 21, convida a participar neste Foro, en especial, ás persoas vinculadas ao movimento asociativo e veciñal da cidade, ainda que está aberto a todas as persoas interesadas no tema sobre o que debatiremos e reflexionaremos.

[*] Algúns datos Estatísticos:
  • En 2007 índice de envellecemento: 151,9.
  • Por cada 100 persoas de menos de 15 anos hai 152 maior de 6.
  • En 2008 a poboación de Ferrol era de 74.696 persoas, das cais maiores de 65 anos eran: 16.920 persoas.
  • O 22,65 % dos habitantes de Ferrol teñen máis de 65 ano.
Fonte: Instituto Galego de Estátistica
____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon