mércores, maio 27, 2009

O Grupo Municipal de Esquerda Unida vén de presentar unha moción a prol da lingua galega

Ferrol,27 de maio de 2009
  • O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA PRESENTA PARA O DEBATE DO VINDEIRO PLENO UNHA MOCIÓN A PROL DA LINGUA GALEGA
  • YOLANDA DÍAZ, VOCEIRA DO GRUPO, EXPLICOU O VALOR DAS POLÍTICAS DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA E O VALOR COMO FERRAMENTA DE INTEGRACIÓN SOCIAL DA LINGUA GALEGA
O Grupo Municipal de Esquerda Unida vén de presentar unha moción a prol da lingua galega, ao obxecto de conquerir no mes no que celebramos o Día das Letras Galegas un pronunciamento unánime do concello de Ferrol a prol da meirande creación cultural do noso pobo, a nosa lingua.

Esquerda Unida entende necesario manter e ampliar as políticas de normalización lingüística en curso - en demasiadas ocasións incumpridas - ; políticas que pretenden retellar os danos causados polas imposicións dictatoriais doutrora. As políticas de normalización son indispensables para recuperar a presenza real do galego en moitos ámbitos onde se atopa nunha situación de marxinación ou de clara desvantaxe: dende a xustiza até os medios de comunicación, pasando pola escola.

A nosa moción vai no rego que recoñece ao idioma galego como un patrimonio común do noso país e, xa que logo, ferramenta de integración social e espazo para o enriquecemento cultural.

Non podemos compartir os discursos e amezas de reducir que tentan rachar os acordos e consensos destes anos: Lei de Normalización Lingüística e o Plan de Normalización Lingüística, aprobados noutrora co acordo do PP. O galego é un ben común de todas e todos nós.

Moción ao Pleno

Á ALCALDÍA DE FERROL

Yolanda Díaz Pérez, Voceira do GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA, de conformidade co disposto no artigo 104 do Regulamento Orgánico do Concello de Ferrol, e co artigo 97.2 do vixente Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, presenta a seguinte Moción ao obxecto de ser incluída na orde do día do Pleno ordinario e debatida no mesmo coa seguinte,

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Na celebración que cada maio, no seu día 17, canta o valor das Letras Galegas, en lembranza da publicación na Habana, no ano 1863, da primeira publicación de Cantares Gallegos, a obra de Rosalía de Castro, que sirve para marcar de xeito convencional o comezo do noso Rexurdimento; nesta celebración, o Grupo Municipal de Esquerda Unida entende importante que o Concello de Ferrol exprese con rotundidade a súa vontade e compromiso de contribuír o avanzo e normalización do galego na nosa sociedade.

O Día das Letras Galegas expresa dende 1963, ao recoñecer e exaltar a obra e compromiso coa cultura galega desa relación de persoeiros ilustres que a partires de Rosalía de castro enxergan razóns e paixóns para afirmar o carácter universal e necesario da cultura galega e do noso idioma; diciamos que expresa a afirmación do conxunto da nosa sociedade cun valor universal da nosa cultura.

Para o Grupo Municipal de Esquerda esta celebración simboliza a determinación e consciencia da nosa sociedade para cun fito central da nosa identidade nacional como é o noso idioma. A lingua galega é unha riqueza fundamental que constitúe un patrimonio común de todas e todos os galegos, tesouro que nos permite expresar o noso estar no mundo e comunicarmos en pé de igualdade cos outros pobos, en particular achegándonos cun vencello fraternal á lusofonía.

Entendemos que o galego non pode ser empregado como arma na loita política e que vague a pena desenvolver todos os esforzos necesarios para fraguar un acordo social integrador a prol do uso, a dignidade e a continuidade do idioma. A lingua ten que unírmonos e non ser reducida a unha arma de división, división que non se produce na convivencia social. A convivencia lingüística e o pulo ao galego son fórmulas complementarias e de xustiza.

Os procesos de normalización lingüística en curso teñen suposto avanzos innegables na restauración e valoración do galego, mais distan de ter producido os efectos desexados: a consecución da igualdade social e real do galego nunha sociedade que - cómpre lembralo – afirma no Estatuto, no seu artigo 5 – que o galego é a lingua propia de Galicia. A lei 3/1983 de 15 de xuño de Normalización Lingüística e o Plan de Normalización Lingúística aprobado polo Parlamento de Galicia con data de 22 de setembro de 2004 son elementos indispensables cos que seguir a avanzar na xeira que supoña incrementar o uso e prestixio do noso idioma.

Hai aínda espazos da vida social galega que escapan ao efecto normalizador que a legalidade que recolle o Estatuto e as leis que o desenvolven prescriben. Os incumprimentos da normativa no eido educativo ( decreto 124/207 ), o uso moi minoritario nalgunhas administracións públicas, como é o caso da xustiza, a cativa presenza do galego na xeneralidade dos medios de comunicación privados, no ámbito produtivo e nas relacións laborais no sector privado, as actitudes que tentan instrumentalizar o galego para reducilo a ferramenta de imposición etc., nos están a dicir que resta aínda un longo camiño de esforzos e traballo, de compromiso e dignidade para achegarmos o estadio que corresponde a unha sociedade reconciliada consigo mesma, coa súa cultura e identidade propias. No entanto non debemos aforrar esforzos para acadar esa arela.

Xa que logo, o Grupo Municipal de Esquerda Unida propón para a súa aprobación polo Pleno do concello de Ferrol a seguinte proposta de ACORDO:

I.- Instar á Xunta de Galicia a manter e ampliar as políticas de normalización lingüísticas en vigor ao obxecto de facer real e operativa a igualdade social do galego no noso país.

II.- Instar a manter o noso idioma como patrimonio común, ferramenta de integración social, e espazo para o enriquecemento cultural da cidadanía galega.

III.- O Concello de Ferrol desenvolverá unha campaña específica propia para afirmar o valor de uso do galego, mais cando estamos na perspectiva que fai do ano 2010 o ano na que a nosa cidade xa comprometeu esforzos para forxar na Galicia o consenso necesario para adicarlle o Día das Letras Galegas a Ricardo Carvalho Calero.

Ferrol, 19 de maio de 2009

Asdo. Yolanda Díaz Pérez

Voceira do Grupo Municipal de EU

Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
27 de maio de 2009 16:41
Prezad@s compañeir@s: vandos dous novos arquivos en relación coa moción que mañá debatirase no Pleno a prol da normalización lingüística do noso idioma. Grazas de novo e un saúdo, Ramiro Marier

_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon