xoves, xuño 25, 2009

400 persoas concéntranse diante do Parlamento en contra da modificación da Lei da Función Pública

Tags

Para a CIG a medida supón “un golpe de morte” para o noso idioma

Coincidindo co debate na Cámara galega da modificación do artigo 35 da Lei da Función Pública, máis de 400 persoas participaron na concentración desenvolta diante do Parlamento para rexeitar “o golpe de morte ao noso idioma” que vai supor a aprobación desta medida. O PP da así un paso adiante na súa obsesión por “exterminar e desprestixiar” o noso idioma, vulnerando os dereitos de todos os galegos e as galegas, que coa modificación da Lei da Función Pública nin sequera poderán exixir ser atendidos na nosa lingua diante da administración.

Arredor duns 400 delegados e delegadas de CIG, CCOO e UGT, participaron na concentración desenvolta diante do Parlamento Galego esta mañá, para rexeitar o atropelo contra o galego que vai supor a modificación da Lei da Función Pública. A protesta contou coa presenza do Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, e coa participación de A Mesa pola Normalización Lingüística e varios deputados nacionalistas, que tamén quixeron amosar o seu rexeitamento a esta medida.

A modificación do artigo 35 desta norma pretende a eliminación da obriga de realizar en galego, como mínimo, unha das probas das oposicións, de xeito que se está a furtando aos galegos e galegas o dereito a poder ser atendidos no seu idioma nas administracións públicas. “É un retroceso preautonómico”, lamentou o secretario da CIG-Ensino, Anxo Louzao, quen asegurou que “esta é a suma doutras medidas contra o noso idioma. O PP ten unha obsesión co galego e todas as decisións que está a tomar van encamiñadas a exterminar, infravalorar e desprestixiar a nosa lingua”.


Obriga dos gobernos

Dende a CIG lémbrase que a obriga de calquera goberno pasa por valorar os dereitos dos cidadáns e do seu patrimonio, polo que xa se advertiu ao goberno do PP que vai ter enfronte á central, porque “non estamos dispostos a que se lexisle en contra do noso idioma”. “As decisión do PP están cargadas dun españolismo a ultranza destinado a pór en tea de xuízo o noso idioma e acabar co noso sinal de identidade máis importante”, lamentou Louzao.

Por esta razón, a central reclama á Xunta de Galiza que asuma políticas de protección e promoción do noso idioma, en lugar de deseñar estratexias cuxo único obxectivo consiste na involución lingüística e na supresión dos escasos avances neste eido acadados nos últimos anos. “A única preocupación do PP é lexislar en contra do galego”, sentenciou o secretario nacional da CIG-Ensino.

A modificación do artigo 35 é contraria tanto á Lei de Normalización Lingüística como ao Plan Xeral de Normalización, así como ao Estatuto Básico do Empregado Público. A CIG non aceptará ningún paso atrás na normalización lingüística, polo que continuará opóndose frontalmente a calquera medida destinada a tal finalidade.


Recurso contra o Decreto de Educación Infantil

Dentro das medidas que a central vai levar a cabo en contra das políticas de ataque ao galego, a CIG-Ensino vai presentar recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contra o Decreto de Educación Infantil, publicado no DOG do 23 de xuño.

Tal e como se denunciou na Mesa Sectorial en que se debatía a Orde de avaliación de Educación Infantil, a única modificación introducida polo actual goberno do PP neste Decreto elaborado pola anterior Consellaría de Educación, é precisamente un ataque máis a nosa lingua, pois non recolle o que establece a actual lexislación en vigor, ou sexa o Decreto 124/2007, que si recollía o borrador modificado polo Consello da Xunta.

O borrador do Decreto de Educación Infantil que pasara pola Mesa Sectorial no seu día dicía que: “Na etapa de Educación infantil o profesorado utilizará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará que o alumnado progrese no coñecemento da outra lingua oficial de Galicia. No caso de contornos castelán falantes, a utilización nesta etapa da lingua galega como lingua de comunicación e ensinanza será, como mínimo, igual á da lingua castelá.”

Fronte a isto o Consello da Xunta do actual goberno do PP, en que foi aprobado, modificou este apartado que segundo o publicado hoxe di soamente: “Na etapa de Educación infantil o profesorado utilizará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará que o alumnado adquira de forma oral e escrita o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia, dentro dos límites propios desta etapa.”


Infracción do actual Decreto de Normalización


A CIG considera que esta modificación infrinxe o actual Decreto de Normalización Lingüística, que continúa en vixencia e que emana do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade no Parlamento Galego en setembro de 2004. Esta é unha involución máis das moitas que o novo goberno está a perpetrar contra o noso idioma, cunha urxencia esaxerada, que non practican para pór en marcha medidas que no seu programa electoral figuraban como prioritarias, por exemplo a redución das rateos a 15 alumnos por aula. Ou que supriman as axudas aos programas de inmersión en galego, que cumpren con todos os requisitos establecidos, mentres gastan cantidades moito maiores nunha enquisa ilexítima e amañada para reducir a presenza do noso idioma no ensino.

Noticia nos xornais

Aprobada a libre elección de idioma nas oposicións con duras críticas de PSOE e BNG

A aprobación da reforma da Lei de Función Pública mereceu duros reproches de PSOE e BNG, que ven na medida un «18 de xullo» ou un intento de «exterminio» do idioma.

En defensa da reforma, a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, apuntou no pleno do Parlamento que con este cambio búscase salvagardar o dereito dos cidadáns a empregar calquera dos idiomas oficiais, «sen ningún tipo de discriminación».

Segundo a conselleira, non se trata de «desproteger» o galego, senón de «escoller aos mellores» nas oposicións e tampouco persegue, como argumenta o BNG, «abrir as portas aos de fóra», senón de garantir a seguridade xurídica dos procesos de selección.

«Todos queremos os mellores médicos, e non ten sentido que un excelente médico non pase un exame non polos seus coñecementos técnicos, senón por un deficiente manexo da lingua galega»,apuntou a conselleira.

Tamén hai que garantir, apuntou Marta Fernández, que a mobilidade da cidadanía por todo o territorio nacional «non se vexa limitada nin menoscabada por barreiras lingüísticas; as barreiras, nin sequera as idiomáticas, non son boas», manifestou.

Finalmente, insistiu en que se trata de fomentar a competencia lingüística e garantir a liberdade de elección, lonxe do «enfrontamento e o victimismo lingüístico».


Duras críticas da oposición

A oposición foi especialmente dura nos seus argumentos contra este texto lexislativo, que supón, para o socialista José Manuel Lage, un «ataque directo ao corazón do país e aos nosos acenos de identidade». Os populares, manifestou, intentan «en nome da liberdade, un 18 de xullo contra a lingua galega».

O deputado socialista sostivo que é a primeira vez que desde o Parlamento galego tómase unha decisión «contra o noso idioma», unha medida que cualificou de «involución», que retrotrae aos populares a cando o PP nin se constituíu.
«Van ser cómplices e vailles a pesar sobre a súa conciencia», argumentou José Manuel Lage, que insistiu na »tropelía« que supón a reforma lexislativa, para a que o PP «en nome da liberdade, falsea a realidade» e emprega a demagoxia.

Ademais, reprochou ao Goberno que chegue a falar de «barreiras», coma se o galego fose «un idioma estraño», á vez que considerou que, con esta medida, »tiran ao lixo« a lei de normalización lingüística.

Tamén o nacionalista Bieito Lobeira cualificou a reforma de «atentado» contra a lingua galega, e dixo dos populares que son «mercenarios ao servizo dunha causa que non se merece este país», pois os populares perseguen «o exterminio» do galego.

Delegados de UXT, CIG e CCOO concentráronse hoxe fronte ás portas do Parlamento de Galicia para mostrar a súa oposición á modificación do artigo da Lei de Función Pública que obriga a unha realizar unha proba en galego nas oposicións.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, manifestou a Efe que «a eliminación da proba de galego é un paso máis na escalada contra o idioma» do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, quen puntualizou que «non coñezo ningún país en que os seus dirixentes non defendan o seu propio idioma».

«Só na mentalidade de país colonizado que ten o PP pódese facer esta proposta, considerar que o idioma propio é algo de paletos e que o importante é falar inglés, coma se os galegos non tivésemos a capacidade para falar calquera lingua», engadiu Seixo.

Tamén estivo presente na manifestación membros da Mesa pola Normalización Lingüística, cuxo presidente, Carlos Callón, resaltou que «estamos aquí para recoñecer o labor de convocatoria das tres centrais sindicais maioritarias galegas, que se reúnen para defender o dereito dos traballadores da administración».

Callón denunciou que «hoxe o PP vai escribir a páxina máis negra na historia da lingua», e resaltou que se trata dun caso «de racismo lingüístico» que ten como obxectivo «converter aos galego falantes en cidadáns de segunda».
Pola súa banda, a responsable da federación de Ensino de CCOO, María Jesús Fernández, en declaracións a Efe, considerou que coa eliminación do artigo 35 de devandita lei «está en xogo o dereito dos cidadáns a ser atendidos en calquera dos dous idiomas de Galicia».

Así mesmo, o responsable de Administración Autonómica de UXT, Francisco Nuñez, criticou ao PPdeG «por facer as cousas deste xeito»e matizou que o artigo en cuestión «non debería molestar a ninguén», polo que denunciou a «falta de responsabilidade dos dirixentes políticos por darnos problemas no canto de solucións».


As centrais asinaron un manifesto conxunto no que esixen que non se modifique o artigo 35 da Lei de Función Pública e mantéñase a obrigatoriedade» de realizar unha proba en galego nos procesos selectivos.

O comunicado resalta tamén que a proposta de modificación exposta pola Consellería de Presidencia, pola que os examinandos poderán realizar a proba en calquera dos dous idiomas, para acreditar posteriormente o seu dominio do galego, «é un grave retroceso no proceso de normalización lingüística.

Imaxens da concentración nos blogs de: O´Barco é Vigo

--
CIG-Saúde Ferrol
981334566
www.cigsaudeferrol.blogspot.com

________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon