xoves, xuño 11, 2009

Manifestación Nacional en solidariedade coas persoas inmigrantes "Dereitos iguais para tod@s", o Sábado 27 de Xuño en Compostela

FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN

  • O FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN PROMOVE EN REXIMEN DE AUTOCONVOCATORIA UNHA MANIFESTACIÓN-CONCENTRACIÓN DE AMBITO GALEGO O DIA SÁBADO 27 DE XUÑO DE 2009 ÁS 12 DO MEDIODÍA EN SANTIAGO DE COMPOSTELA.
  • Partindo dende o Parque da Alameda e rematando en Praza de Praterias cun acto público. O lema é "DEREITOS IGUAIS PARA TOD@S" !!!
  • XUNTAMOS O MANIFESTO DA CONVOCATORIA

MANIFESTO EN DEFENSA DA SOLIDARIEDADE COA POBOACIÓN INMIGRANTE

Ante o acoso policial que están sufrindo a poboación inmigrante en situación irregular e as persoas que lles prestamos apoio solidario, afirmamos que a solidariedade con este colectivo é unha conduta que ennobrece a quen a practica e unha obriga moral por razóns de reciprocidade histórica. Lembremos que entre 1959 e 1973, dous millóns e medio de cidadáns e cidadás españolas emigraron a Europa, sendo a maioría emigrantes irregulares ou sen contrato de traballo.

Tampouco podemos esquecernos da débeda contraída cos países empobrecidos, que ten a súa orixe no período colonial, mais que segue perpetuándose a día de hoxe a través de políticas internacionais que poñen os intereses económicos das nacións desenvolvidas por riba do dereito das persoas a poder vivir e traballar dignamente, ensanchando desa forma a brecha de desigualdade entre os pobos.

Ao mesmo tempo as guerras, os conflitos armados e a persecución política xeran millóns de persoas refuxiadas e desprazadas no mundo (concretamente, 37,4 millóns no pasado ano segundo os datos de ACNUR). É, por tanto, un deber ético evitar que calquera persoa inmigrante sexa deportada e enviada de novo á situación da que vén fuxindo.

Rexeitamos que a Unión Europea se converta nunha fortaleza inexpugnable para aquelas persoas que, na procura dunha vida mellor, se ven obrigadas a abandonar o seu país. En épocas aínda recentes, era a cidadanía europea a que buscaba o sustento noutras latitudes. Científicos, cineastas ou escritores tan relevantes como Albert Einstein, Marie Curie, Alfonsina Storni, Charles Chaplin, Victoria Kent, Margarita Nelken ou Mario Benedetti, foron inmigrantes ou descendentes deles. En Galicia, nomes como Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro ou Daniel Castelao van unidos á emigración ou ao exilio.

Rexeitamos o Anteproxecto de Reforma da Lei de Estranxeiría que, aínda que presenta algúns aspectos positivos, incorpora puntos que representan un claro prexuízo para os dereitos fundamentais do colectivo inmigrante, como a posibilidade da repatriación de menores de idade; o endurecemento das esixencias para a reagrupación familiar; a criminalización da solidariedade ou o intolerable incremento do periodo de estancia nos centros de internamento.

Rexeitamos de igual modo a incentivación do retorno da poboación inmigrante mediante o pago acumulado das prestacións de desemprego. As e os inmigrantes debemos ser tratadas como persoas e non só como forza de traballo que interesa unicamente cando a situación económica nos necesita.

Finalmente, afirmamos con rotundidade que a inmigración é un proceso beneficioso. Non só supón unha gran aportación económica por tratarse dunha poboación moi nova que contribúe co seu esforzo laboral a financiar as prestacións sociais, senón que o contacto entre as sociedades de acollida e as culturas foráneas implica sempre un mutuo enriquecemento humano.

Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística, publicados en xaneiro de 2009, polo menos unha de cada 10 persoas que habitan no estado español é inmigrante. Estas persoas son nosas veciñas, compañeiras de traballo ou de estudos; comparten conosco unha grande variedade de espazos e polo tanto é máis que probable que na nosa vida cotiá escoitáramos da súa propia voz a reivindicación que hoxe impulsa este manifiesto:

As persoas inmigrantes somos partícipes activas desta sociedade, non buscamos ser máis nin menos que ninguén, soamente pretendemos que na nosa condición de cidadás e cidadáns teñamos os mesmos dereitos e oportunidades que os demais membros desta comunidade”.

E por iso queremos dicir ben alto: “Dereitos iguais para tod@s

Organizacións que conforman o Foro Galego de Inmigración:
Asociación Amarante, Asociación Amani-Galiza, Asociación Chambo, Asociación de inmigrantes Gondwana, Asociación de Argentinos en el Exterior, Asociación Plataforma polo Emprego, Asociación Puente Cultural Rumano-Gallego, Asociación Universia, Attac Compostela, Asociación de inmigrantes Casa Latinoamericana en Galicia, Cáritas Interparroquial Santiago, Cáritas Milladoiro, Cite-CCOO, Colectivo Brasileiro, Colexio Oficial de Educadores Sociais de Galicia, Comisión de Migración do BNG, Comité Óscar Romero de Santiago de Compostela, Coordenadora Diocesá de Acción Católica, Cruz Vermella, CUT, Departamento de Migración da CIG, Esquerda Unida-izquierda Unida, Foro Debate e Acción, Inzar, Juventudes Marianas Vicencianas, Mans Unidas, Misioneros Combonianos, Mulleres Cristiás Galegas, Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade de A Coruña, PsdeG-PSOE-Santiago, Seminario Galego de Educación para a Paz; Voluntariado Rogas. Uruguayos por el Mundo Carballo, Asociación de Venezolanos en A Coruña, Hermandad Venezolana de A Estrada, Asociación Equs Zebra, Asociación Batuko-Tabanka, AIDA, Cáritas de Lugo, Cáritas de Mondoñedo-Ferrol, Asociación Cultural para las Migraciones Colombianas “ACUMIC”, ACCEM, Ecos do Sur, Sindicato Labrego Galego, ASMIREFE., Asociación Renacer, Mediomundo Uruguayos en Coruña, Galicia Terra de Acollida de Ourense, AMESPA, Asociación de Venezolanos del Deza, ASCD Amigos de Venezuela de Vigo, Hermandad de Venezolanos das Rías Biaxas, Asociación Casa de Inmigrantes Oya de Arteixo. Asociación Banda Oriental, Asociación Centro Argentino de Carballiño-Asociación Latinoamericana, Cáritas de A Coruña, Asociación de Argentinos de Lalín, Fundación Juan Soñador, Asociación de Mulleres Anovar de Galicia, Asociación Venezolana do Salnés, Casa Argentina de La Coruña, Comunidade do Castiñeiriño de Santiago de Compostela,Parroquia Cristo de la Victoria de Vigo, Asociación Recandea, Agrupación de Inmigrantes Latinoamericanos Ntra Sra de Guadalupe de Pontevedra, Asociación de Emigrantes Retornados de A Mahía, Médicos do Mundo, Asociación de Venezolanos de Santiago, Cosior, Aseser Teranga, Asociación Ouresá-Venezolana, Asociación Ñane-Reta Paraguay, Asociación Multicultural de Mujeres de Vigo; Agra Humanista, Marineda, Orense Acoge, Federación de Anpas, Forum Propolis, Asociación 25 de Agosto de Uruguay, Asociación Fonte de Ourense, Cáritas Diocesá de Ourense., Asociación de Guineanos de A Coruña, Asociación Cultural e Intelectual de Santiago, Asociación de Senegaleses de Ourense.Somos Igrexa, Asociación Marusía. Movemento pola Base.

FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN


Enviado por:
lupe ces
-lupeces@gmail.com-
11 de junho de 2009 00:17


Lupe Ces Rioboo
981946412 - 652201003
http://lupeces.blogspot.com/

__________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon