mércores, xullo 08, 2009

Greenpeace denuncia que máis da metade dos espazos naturais protexidos da costa están ameazados

Greenpeace publicou onte 7 de Xullo, o seu Informe sobre a situación da costa no Estado "Destrución sen Reservas", dedicando 30 páxinas do mesmo a Galiza, informe que podes consultar e mesmo baixa-lo en formato -pdf- do seu servidor cun só clic ou acceder ao mesmo de forma interactiva.

Por primeira vez en todo o territorio do Estado analizáron-se 233 espazos litorais protexidos. Deles, 120 están acosados polo urbanismo, as infraestruturas ou a contaminación.

Greenpeace presenta a novena edición do informe "Destrución custe o que custe". Por primeira vez no Estado Español, analizouse a situación de 233 espazos litorais protexidos, repartidos nos máis de 8.000 quilómetros de litoral. O informe pon de manifesto que nin sequera os Espazos Naturais Protexidos [ENP] da costa, supostamente amparados pola lexislación, están a salvo da destrución do litoral que imperou os últimos anos. Máis da metade, 120, sofren algún tipo de ameaza por urbanismo, infraestruturas ou contaminación.

As cifras do informe constatan como o desenvolvemento inmobiliario consumiu inxentes cantidades de recursos naturais insubstituíbeis, acosando ao pouco territorio virxe que queda no litoral. Estado e comunidades autónomas son responsábeis dun desenvolvemento urbanístico depredador, cualificado mesmo polo Banco de España como "economía suicida". Os casos de corrupción urbanística seguen sendo unha constante na práctica totalidade das comunidades autónomas costeiras. O informe tamén realiza un detallado estudo dos graves problemas de contaminación presentes

"Poida que a declaración dun espazo protexido sírva-lles aos políticos para por-se medallas sobre a súa aposta por salvar a costa. Pero cando, anos despois, descobren que esa protección é incompatíbel con algún proxecto urbanístico, intentan saltar-se a norma que eles mesmos elaboraron, convertendo a estes espazos en 'parques de papel', en papel mollado", declarou Pilar Marcos, responsable da campaña de Costas de Greenpeace.

A situación en Galiza

Até época moi recente, en toda a historia dos 86 municipios da costa galega construíron-se 816.000 vivendas. Agora, os concellos están recalificando chan para poder edificar outras 680.000 máis en só 13 anos.

Galiza, con 17 Espazos Naturais Protexidos [ENP] ameazados aínda que, na teoría, a Xunta recoñece que ten máis da metade da súa costa protexida. Pero de nada serve protexer baixo un marco legal se, como no caso dos ENP da Costa da Morte, preténdese construír unha piscifactoría de 300.000 metros cadrados, en pleno espazo protexido que forma parte da Rede Natura 2000 europea.

Galiza posúe 1.698,6 quilómetros de costa, dos cales 889 están preservados baixo algunha figura de protección, é dicir o 52,3% do seu litoral está protexido.

Principalmente son espazos da Rede Natura 2000 que distingue as contornas naturais máis valiosos da Unión Europea. Logo de Cataluña (57,8%), é a segunda Comunidade Autónoma con máis costa protexida, polo menos sobre o papel.

As afeccións e ameazas directas aos espazos naturais costeiro-marítimos de Galiza son incontábeis. Aos poucos, o formigón e o cemento van gañando terreo a espazos de indubidábel valor, non só ambiental, polos bens e servizos que provén, senón tamén económico, porque dun bo estado ambiental dependen directamente moitas familias, xa que é nos esteiros e augas costeiras onde se reproducen e recrutan un sinnúmero de especies comerciais pesqueiras.

De nada serve protexer a costa baixo un marco legal se esa normativa non se pon en práctica.

Sobre estes espazos supostamente protexidos crúzan-se unha maraña de Plans (de acuicultura, de portos, eólicos...) iniciados algúns fai máis dunha década e que supeditan as infraestruturas e un mal entendido crecemento económico de Galiza sobre o valor real dos Espazos Naturais Protexidos [EPN].


Fonte: greenpeace.org
____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon