domingo, xullo 05, 2009

O goberno local acorda co tecido asociativo celebrar o próximo 9 de xullo o pleno para aprobar o Regulamento de Participación Cidadá

O edil Manuel Santiago avanza que a sesión incluirá intervencións dos cidadáns que participaron na elaboración

O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, anunciou que o pleno para aprobar o novo Regulamento Municipal de Participación Cidadá terá lugar o vindeiro día 9 de xullo, ás 20 horas. Así o acordaba Concello e tecido asociativo da cidade no encontro que mantiñan onte pola tarde no pazo municipal, logo de que se solventasen as dúbidas da Secretaría Xeral do Concello en torno ao sistema de elección do Defensor da Cidadanía. Nesta liña, o edil de área aseguraba que coa hora elixida se facilitará a asistencia dos cidadáns e as cidadás de Ferrol no que se espera sexa un pleno participativo e con gran afluenza veciñal.

Neste contexto, Manuel Santiago apuntaba que a cita de onte serviu non só para fixar a data, senón tamén para perfilar os contidos da sesión plenaria que terá como único punto da orde do día a aprobación do dito documento e que incluirá as intervencións dos cidadáns e cidadás que participaron no proceso.

Deste xeito, o concelleiro lembraba que co dictame favorable do documento na comisión do pasado luns, logo de recibir o último dos catro informes solicitados para dilucidar o sistema de elección do Defensor da Cidadanía, se salvaban tódolos obstáculos que existían para aprobar o novo Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Ferrol. Un documento que nace dun proceso participativo que contou coa implicación activa de máis de 70 asociacións a través dun foro cívico, do Grupo de Análise e Proposta (GAP) e da Comisión Política, na que estiveron representadas as cinco forzas políticas municipais. E, nesta liña, destacou que a aprobación do novo Regulamento suporá un cambio radical respecto ao vixente na actualidade, que data de 1998. Este, á súa vez, nace dunha reforma do primeiro Regulamento aprobado en 1986.

Así mesmo, outro dos asuntos que se tratou na xunta de onte, segundo explicou Santiago, foi o estado actual do primeiro proceso de orzamentos participativos que se vai implantar na cidade, así como das accións preparatorias que se están a levar a cabo como paso previo ás asembleas que se porán en marcha a partir do mes de setembro. Nesta liña, Santiago destacaba que hoxe venres, a partir das 17.30 horas, na praza de San Xoán terá lugar a presentación pública de todo o proceso.

03/07/2009

Fonte: web do Concello de Ferrol
_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon