martes, agosto 04, 2009

1 de Agosto de 2009: Cangas ergueuse en contra do Porto Deportivo

Tags

Erguéndose sobre os ombreiros dos seus mariñeiros, Cangas falou alto e claro: Porto deportivo non!

Máis de cinco mil persoas amosaron onte a súa firme oposición á construción do porto deportivo en Massó nunha das manifestacións máis numerosas da historia da vila do Morrazo. A inmensa maioría dos comercios e bares permaneceron pechados desde as 19:30 ás 21 horas, colgando nas súas portas un cartaz de apoio á mobilización.

Esta resposta masiva revela a inconsciencia e a indignidade das recentes declaracións do Delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, que aseguraba que os opositores ao porto deportivo eran “unha minoría moi minoritaria que non se presenta ás eleccións”.

De Louro e do Subdelegado en Pontevedra, Delfín Fernández, acordáronse onte @s manifestantes que abarrotaron as rúas de Cangas cando pediron en varias ocasións as súas dimisións así como a de Clara Millán, alcaldesa da vila (BNG).

A manifestación arrancou pasadas as oito da tarde, tras a intervención do patrón maior da confraría de Cangas, Evaristo Fernández: «Con respecto, con humildade, representando á confraría, ao mar, a este pobo. Queremos unir, sumar, ganar. Queremos que non nos emporquen a ría. Saímos á rúa polas nosas familias, para que teñan a seguridade de que imos loitar polo seu prato de sopa diario».

Entre as consignas máis repetidas escoitouse o “goberne quen goberne Massó non se vende”, “defender a ría non é delito” e “menos recheos e máis marisqueo”.

Despois de percorrer o centro da vila a manifestación dirixiuse a Massó. Cando a cabeceira chegaba á explanada da antiga factoría a cola aínda estaba máis alá da entrada do camiño de acceso, en Pedra Alta.

No ambiente notábase a indignación provocada polas accións policiais do pasado 20 de xullo, coa detención de 16 persoas, tres delas feridas, todas esposadas, maltratadas co seu traslado contundente, humilladas co trato recibido, obrigadas a permanecer como delincuentes nas deplorables dependencias da Garda Civil, seis delas separadas dos seus e da súa vida cotián máis de 24 horas, nunha actuación inxustificable.

A indignación alcanzou o seu límite ao chegar á zona das obras, onde debía concluír a manifestación. Catro axentes da Garda Civil foron incomprensiblemente obrigados polos seus mandos a permanecer no lugar, nun acto de provocación ridícula e irresponsable. Os axentes quedaron totalmente rodeados por miles de manifestantes entre abucheos e insultos, sometidos a unha humillación innecesaria e creando unha situación perigosa para todos, que afortunadamente non tivo consecuencias debido á responsabilidade dos presentes.

O primeiro en tomar a palabra foi Fernando Broullón, representante da asociación de navalleiros. Fernando foi un dos detidos e agredidos o pasado día 20. Na súa voz vibraba a indignación e unha fonda dignidade que foi quen de transmitir a tódolos presentes. Con sinxela elocuencia foi relatando a experiencia de quen vive do mar e vai vendo como, dende o poder político e económico, vaise desmantelando o sector pesqueiro galego, recurso básico e fundamento da identidade de Galicia, substituíndo todas as especies do país polas catro especies criadas en piscifactorías, ou importadas desde o outro extremo do mundo, roubando e destruíndo os bancos pesqueiros e marisqueiros tradicionais para poñelos en mans privadas, en beneficio do disfrute banal duns poucos privilexiados.

«Que lle quede claro á empresa e ao señor Delfín Fernández que aínda que mande a 500 guardias civiles imos impedir que fagan este porto deportivo». Os berros de “policía asesina” e “garda civil fora de Massó” atronaron o ar mentres algúns ovos voaban cara ao lugar que ocupaban os policías visiblemente alarmados. Rematou a súa intervención citando a tódolos mariñeiros o luns a primeira hora nese mesmo lugar para paralizar as obras.

Falou despois o patrón maior da confraría de pescadores. Empezou pedindo un aplauso para o Foro Social pola súa firme traxectoria de loita contra o porto deportivo. «Imos tratar de facer unha bola de neve tan grande que os arrolle a todos. Emprázovos a todos, mariñeiros, cidadás e cidadáns. Conto con vós para loitar contra toda esta xente. Coa vosa dignidade espero que poidamos impedir que nos emporquen esta preciosa ría que temos». Evaristo Fernández asegurou que non aceptarán ningunha indemnización, “pois esta desfeita rematará co traballo de moitas xeracións, polo tanto é algo non indemnizable”. Comprometeuse a mobilizar a todas as confrarías da ría, da provincia e de toda Galicia para defender o Salgueirón. Aludiu tamén á brutalidade policial dos pasados días e as súas palabras acenderon novos berros: “son mariñeiros, non terroristas”.

En representación de Galiza Non se Vende falou a continuación a actriz Mabel Rivera quen destacou a “gran afluencia de xente”, e agradeceu aos cangueses “a loita que desempeñan para defender os recursos mariños e unha explotación razoable do medio”. Rematou renovando o compromiso desta rede de colectivos no seu apoio ao pobo de Cangas na súa loita pola defensa do Salgueirón.

Os membros do Foro Social Antonio Cordeiro e Tiago Pérez encargáronse de ler o manifesto, que insistiu nas liñas que veñen defendendo desde que arrincaron as obras do porto deportivo. Acusaron aos tres partidos maioritarios de Cangas (PP, BNG e PSOE) e á Autoridade Portuaria de Vigo de estar detrás deste proxecto, para despois esixir do Concello que “pare as obras inmediatamente, pois son ilegais”.

Cando un pobo posto en pé se manifesta coa contundencia coa que o fixo Cangas este sábado sobran valoracións e comentarios. Os seus “democráticos dirixentes” deben tomar boa nota. Se, como a eles sempre lles gusta dicir, están ao servizo da vontade popular non lles queda máis que unha opción.

Corina Porro, Clara Millán, Delfín Fernández, Antón Louro e outros cantos parecidos non poderán disimular máis. A vontade popular quedou moi clara. Agora terán que explicarllo a Caixanova, non si?

A manifestación nos medios:

FARO DE VIGO
La manifestación contra el puerto deportivo de Massó moviliza a 5.000 personas en Cangas http://www.salvemosmonteferro.org/prensa/recorte1482.html

La cofradía se muestra "eufórica" con la "alta asistencia" a la manifestación http://www.salvemosmonteferro.org/prensa/recorte1487.html

LA VOZ DE GALICIA
Cinco mil personas salen a la calle contra el puerto deportivo de Massóhttp://www.salvemosmonteferro.org/prensa/recorte1485.html


Fonte:

http://www.salvemosmonteferro.org/

_________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon