martes, agosto 18, 2009

A necesidade da comunicación alternativa: Da reflexión á acción

Por Xosé Antón
17.08.2009


Podía poñer como exemplo para este artigo unhas imaxes dun dos artigos anteriores, mais escollo o vídeo de Cubatelevisión ( 3 partes) por ser moi gráfico sobre a terxiversación que os grandes medios fan da realidade. Poder aplicarse na Galiza e noutros países con outros actores, donos de medios de (in)comunicación
.

  • Zoé Valdés: el negocio del fascismo. Parte 1. Apoloxía do dictador Batista.

cubainformacion.tv


A necesidade da comunicación alternativa.
Da reflexión á acción.

Na Galiza e no resto do mundo necesitamos medios de comunicación alternativos eficaces. Estes medios non deben caer no “erro” que caeron os medios de comunicación tradicionais, e particularmente no xogo dos falsimedia da dereita e neoliberais imperialistas.

A ideoloxización de dereita nos medios de comunicación masiva chegou a niveis alarmantes nestes últimos anos. Esta circunstancia visualízase claramente nun dos medios de comunicación escrita máis vendidos do noso país, La Voz de Galicia. Están en mans de empresarios – editores que semellan afastados do interese xornalístico e máis comprometidos con intereses económicos de empresas foráneas, aspecto que tamén afecta o desenvolvemento profesional dos xornalistas deses medios.

Esta ideoloxización, verdadeiro veleno informativo con efectos devastadores para calquera país, permítelle, ás veces, á persoa (lectora, espectadora, oínte) saber a quen se vota, mais impídelle saber que se vota.

O caso das últimas eleccións ao Parlamento Galego foi considerado por moitas persoas un claro exemplo de golpismo mediático. Non só por ser considerada a campaña máis suxa da historia da democracia contra o nacionalismo, senón porque moi poucos supoñían que a dereita accionase inmediatamente o terrible programa de demolición de servizos públicos que está a aplicar agora o PP, a privatización dos Servizos Sociais, a marxinación da Cultura Galega, a aprobación dos ERE, derrogación do concurso eólico, a agresión contra o galego … É dicir, a xente sabía a quen votaba, mais non sabía que votaba!

Chegamos a unha nova e perigosa etapa histórica onde, como lembrou Suso Seixo na homenaxe a Moncho Reboiras, hai unha forte campaña de manipulación, ocultamento e desprestixio do nacionalismo, a través dos medios de comunicación do sistema, controlados polo españolismo, tanto de dereitas como de esquerdas, destacando especialmente nesta laboura La Voz de Galicia.

Iso lévanos comprender a necesidade da existencia e consolidación de medios independentes ou alternativos (algo que sempre se avaliou como necesario polo nacionalismo) como algúns que se publican na internet, que abran o abanico de oportunidades de acceder a información non manipulada, desde a diversidade e a pluralidade, garantindo o equilibrio informativo, a veracidade e a contextualización da información para permitir que o receptor descubra a realidade e non a garde temporalmente como unha simple recepción de noticias.

Non se trataría da imposición da súa verdade, alternativa aos falsimedia, pois chega con publicar unha información veraz que chegue sen distorsións ao receptor e que lle permita descubrir e comprendela criticamente a través da reflexión para crear un novo coñecemento.

O nacionalismo, igual que o movemento bolivariano en Suramérica ou as forzas políticas transformadoras en xeral, necesita de altofalantes en todos os seus ámbitos de actuación que difundan a súa laboura. Dese xeito a sociedade, concienciada, podería ter clarificado, entre as diferentes alternativas políticas existentes, cal é a que traballa en beneficio dos intereses das galegas e galegos, de Galiza.

Tamén é necesario que a militancia nacionalista, cunha boa orientación, traballe na eliminación da pasividade social que propicia a adaptación sumisa a unha situación de opresión social. Ben formada, debe profundar na orientación á acción e a reflexión, sendo impermeable á intensa chuvia ácida da campaña mediática de acoso e derrubo contra o nacionalismo.

Como dicía Paulo Freire, as mulleres e os homes non se fan no silencio, senón na palabra, no traballo, na acción, na reflexión. No noso caso, como dixo Suso Seixo no seu discurso en Ferrol, para transformar a realidade social, económica e política, desta nosa nación que é Galiza.

Publicado o 17/08/2009 por Xosé Antón en subiela.org

Fonte: subiela.org
O Mundo que vexo: Un Blogue de Xosé Antón de la Fuente Subiela
_____________

Enlace de interese:
_________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon