martes, setembro 15, 2009

Hoxe, 15 de Setembro, o Concello de Ferrol presenta publicamente o "Plano de Mobilidade e Espazo Público Sustentábel" da cidade


O Concello presenta hoxe á cidadanía o Plan de Mobilidade que fará de Ferrol unha urbe do peón
Martes, 15 de setembro de 2009

O acto marcará o inicio da oferta de actividades deseñada polo goberno local para celebrar a Semana da Mobilidade. A edil María López anuncia a posta en marcha dunha web para fomentar o uso do coche compartido entre a cidadanía. O edil Gerardo López avanza a peatonalización simbólica da rúa Magdalena para amosar un anticipo do proceso

O Concello de Ferrol deseñou un completo programa de actividades para celebrar a Semana da Mobilidade que, baixo o lema “Mellora o clima da túa cidade”, comezará na cidade naval o 15 de setembro. Segundo explicaron os concelleiros de Tráfico, Gerardo López Castrillón, e Medio Ambiente, María López, o acto central e un dos máis trascendentais da axenda terá lugar coa presentación do Plan de Mobilidade e Espazo Público Sostible de Ferrol (Plan MOB). Unha ferramenta pensada para transformar nas vindeiras décadas a configuración da cidade e construíla á medida do peón, eliminando a primacía actual do vehículo. Outras propostas para lograr a implicación da cidadanía nesta semana serán a posta en marcha dunha web para fomentar o uso do coche compartido, o sorteo de 1.000 viaxes gratuítas en autocar, campañas de información sobre horarios, frecuencias e ventaxas do transporte público, camiñatas colectivas pola cidade ou a peatonalización simbólica dunha rúa do centro para exemplificar o camiño a seguir nun futuro moi próximo. Ao detalle, estas son as actividades cada día.

Martes 15 de setembro. Presentación do Plan de Mobilidade e Espazo Público Sostible de Ferrol. Elaborado pola Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona a instancias do Concello, permitirá establecer unha nova xerarquía no uso da cidade, na que o peón sexa o protagonista, seguido dos medios de transporte non motorizados e o transporte público e, en último termo, o vehículo privado. Tamén, asegurar a convivencia entre as diversas formas de moverse na cidade, apostar por unha cidade segura e accesible, menos contaminante e ruidosa, buscar solucións á mobilidade que non consuman chan, integrando a mobilidade dentro das políticas urbanísticas, e procurar un espazo público que acolla a vida social e económica e integre comercios e locais de ocio e servizos, e que albergue frecuentes actividades colectivas para grupos pequenos. Para materializar estes obxetivos se propoñen medidas concretas que nacen dun análise concienzudo da realidade de Ferrol. Así, algunhas delas serán a creación de novas cédulas urbanas, denominadas supermazás, que se configuran como un espazo multifuncional onde se limita o tráfico de paseo e se manteñen o resto de funcións urbanas, ou se propón incrementar do 32 ao 63% o espazo público viario destinado ao peón, creando unha rede de sendas peonís que interconectarían os distintos barrios. A presentación do Plan terá lugar ás 19 horas na Fundación Caixa Galicia.

Mércores 16 de setembro. Da man da Fundación RACC, o Concello de Ferrol quere lograr que os cidadáns pasen da conducción á ecoconducción. Para iso, se iniciará nesta xornada unha campaña de difusión de consellos prácticos para lograr unha mobilidade máis respetuosa co medio. Ferrol se adhire a este movemento tras Madrid e Barcelona e, ao longo da semana, se irán unindo outras cidades como Granada, Murcia, A Coruña ou Xerez. En todo caso, Concello e Fundación darán os detalles da mesma o mércores.

Xoves 17 de setembro. Arranque da campaña de fomento do transporte público “Atoparás sitio á primeira”. Fundamentalmente, o goberno local quere promover o uso do autocar e tamén da bicicleta entre os cidadáns de Ferrol. ¿Como? Facilitándolles toda a información sobre horarios, frecuencias e rutas. Gerardo López explicaba esta mañá que a campaña se centrará no complexo hospitalario Arquitecto Marcide e na zona portuaria, xa que son núcleos de especial afuenza de xente. E, aínda que recoñeceu que resta moito por facer para lograr un transporte público de calidade, tamén xustificou en gran medida a falta de uso á desinformación. No caso concreto das liñas de Tranvías e Monbús ao hospital, indicou que cada 5/7 minutos hai un autocar, co que non se entende a falta de usuarios se non é polo descoñecemento das rutas ou horarios.

Venres 18 de setembro. O Concello reedita, xunto ao Club de Montaña, a súa aposta polas camiñatas colectivas. Este ano, cun valor engadido: unha visita ás instalacións de MeteoGalicia no CIS, onde aqueles cidadáns que se sumen á iniciativas recibirán cumprida información sobre a estación, o seu funcionamento ou a calidade do aire.

Luns 21 de setembro. Coa colaboración de Monbús e Tranvías, as empresas de transporte de Ferrol, o Concello sorteará 1.000 viaxes gratuítas de autocar entre os usuarios das liñas de autocar de Ferrol que utilicen o servizo durante a semana anterior.

Martes 22 de setembro. Ferrol celebra o Día Sen Coche cunha iniciativa simbólica: a peatonalización completa da rúa Magdalena. Será un anticipo do futuro, xa que o proceso de peatonalización é un obxetivo irrenunciable para o Concello de Ferrol.

A maiores das medidas descritas, ao longo destes días, María López anunciou outras dúas accións importantes:

A posta en marcha dunha web para fomentar o uso compartido do coche. A concelleira explicou que dende o portal municipal (www.ferrol.es) se habilitará un enlace a unha web onde as persoas interesadas poderán inscribirse e entablar contacto para compartir os seus vehículos en traxectos habituais. Deste xeito, López asegurou que o obxetivo é evitar a práctica de “un turismo, un conductor”, de tal maneira que se reduza o impacto medioambiental do uso abusivo do vehículo a motor e tamén se alivie a falla de aparcamento. ¿Posibles destinatarios? A edil puxo algúns exemplos, como estudantes universitarios que se despracen a diario a A Coruña ou traballadores do Polígono de Río do Pozo.

A Concellería de Medio Ambiente tamén editará unha publicación dirixida aos máis pequenos da casa en torno ao uso do transporte colectivo, as súas vantaxes e a necesidade de recurrir a el como práctica habitual. Neste senso, María López avanzou a intención do seu departamento de fomentar lecturas colectivas na Aula de Ecoloxía Urbana no Parque Municipal Raíña Sofía.

Por último, os representantes do goberno municipal lembraron que a Semana da Mobilidade se celebra en toda Europa dende o ano 2000 co obxeto de favorecer a concienciación sobre a necesidade de preservar o medio e cambiar patróns de conducta que afectan moi perniciosamente á natureza. En Ferrol este será o terceiro ano que se celebre e, ao igual que nas edicións anteriores, o goberno municipal busca, sobre todo, a implicación activa da cidadanía.

Fonte: web do concello de Ferrol

_________________

Enlace de interese:

Mobilidade Urbana Sustentábel

Boletín de Traballo do Colectivo Ártabra 21 sobre a Mobilidade Urbana Sustentábel - Documentos, Enlaces, Noticiario - Estacionamentos Soterrados - O caso da Praza de Armas de Ferrol - Praza do Concello - Casco Histórico

____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon