xoves, setembro 10, 2009

Solictude ao Concello de Ferrol do levantamento do Porto Carboeiro do interior da Ría e rexeneración da mesma


A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza -ADEGA- solicita ao Concello de Ferrol que comece a dar os pasos para o levantamento do porto carbonero unha vez terminada a súa función e rexenear a ría de Ferrol nesa espazo natural

  • Na actualidade, e trala construción do denominado “porto exterior”, a descarga de carbón estase realizando nas dársenas do porto exterior de Ferrol

  • O “obxectivo” co cal se creou o porto carboeiro deixa de existir unha vez trasladadas as operacións de descarga do carbón ás dársenas do porto exterior
ADEGA solicita ao Concello de Ferrol que se realicen as xestións pertinentes para que unha vez cumprida a súa función, o porto carboeiro do porto interior de Ferrol, sexa levantado e intentar que a Ría volte na zona da Malata, a unha situación similar a antes da construción da devandita estrutura.


AO PLENO DO CONCELLO DE FERROL

Xesús Andrés López Piñeiro (Presidente de ADEGA-Trasancos; DNI 32.588.858), Ernesto López Díaz (Secretario de ADEGA-Trasancos; DNI 32.656.095) e Serxio Perille Seoane(Vogal de patrimonio de ADEGA-Trasancos DNI 32.683.404), actuando en representación de ADEGA -delegación de Trasancos (CIF G-15044811) con enderezo-para os efectos de notificación- Apdo Correios 481; 15480 Ferrol, comparecemos e como mellor proceda en dereito,

EXPOÑEMOS:
  • Que fai anos construíuse no interior da Ría de Ferrol, o denominado “porto carboeiro” para dar servizo á descarga de barcos con carbón con destino á central térmica de As Pontes.

  • Que a construción do devandito porto carboeiro dentro de ría de Ferrol, supuxo en principio a privatización dunha parte importante da Ría, xa que implicou unha gran ocupación de superficie da mesma, afectando de forma determinante á zona da Malata. Isto supuxo a desaparición dos mellores bancos marisqueiros da Ría, naquel momento, e que a día de hoxe segue a ser foco de contaminación para toda a Ría.

  • As correntes deste esteiro da Malata, víronse modificadas pola execución deste porto carboeiro, sendo un problema a acumulación de fangos en certas áreas do esteiro e a súa consecuencia, os malos olores.

  • A nivel de saúde non son poucos os cidadáns que se senten afectados polas descargas neste porto.

  • Por outro lado os cidadáns de Ferrol, víronse privados dunha zona de lecer para a práctica de deportes axeitados a unha zona como a Malata, así como de praias como a de Copa Cabana, que foron arrasadas.

  • O tal porto, supuxo un recheo moi importante no interior da ría de Ferrol, o que sumado aos máis de 3 millóns de metros cadrados dos recheos da Ría, implica que estamos a converter a Ría de Ferrol nunha cloaca, cuxa manifestación son os fangos e os cheiros que se acumulan por toda a Ría onde houbo recheos.

  • Que na actualidade, e trala construción do denominado “porto exterior”, a descarga de carbón estase realizando nas dársenas do devandito porto exterior. Que por certo é outro atentado ecolóxico e á intelixencia.

  • Que o “obxectivo” co cal se creou o porto carboeiro deixa de existir unha vez trasladadas as operacións de descarga do carbón ás dársenas do porto exterior.
SOLICITAMOS

Que o pleno do Concello de Ferrol e no seu nome o Alcalde Presidente realice as xestións pertinentes para que unha vez cumprida a súa función, o porto carboeiro do porto interior de Ferrol, sexa levantado e intentar que a ría de Ferrol volte na zona da Malata, a unha situación similar a antes da construción da devandita estrutura.

Desta forma, se “devolvería” á ría e á cidadanía ese espazo de dominio público que foi ocupado no seu momento para descarga do carbón , e que de novo sirva como medio de produción marisqueira, e lugar de lecer para os cidadáns.

Esta solicitude vai acorde coa solicitude de colectivos interesados como poden ser colectivos de mariscadores, como o caso da Cofradía de Barallobre, e outros colectivos

Ferrol, 10 de Setembro de 2009

Atentamente:
  • Xesús Andrés López Piñeiro
    Presidente ADEGA-Trasancos; spinheiro@terra.es - Tlf 639288263
  • Ernesto Lopez Diaz
    Secretario ADEGA-Trasancos : lodergz@gmail.com - Tlf: 649779774
  • Serxio Perille Seoane
    Vogal de Patrimonio ADEGA-Trasancos. serxiocanido@yahoo.es - Tlf 66242897
Enviado por:
Antonio Garcia J
Adega-Trasancos
-angaji@yahoo.com-
10 de setembro de 2009 12:51
_____________________

Enlace relacionado:

http://www.adega.info/index.php
________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon