sábado, setembro 26, 2009

Solidariedade cos traballadores do metal represaliados

  • A CIG crea un fondo de solidariedade coa loita do Metal da provincia de Pontevedra
  • Traballadores que participaron nos piquetes están recibindo multas que se achegan aos 1.000 euros


A CIG acordou, na última xuntanza do seu Secretariado, facer unha campaña de recollida de fondos en solidariedade coa loita do Metal da provincia de Pontevedra. Nestes momentos, traballadores/as que foron identificados durante as mobilizacións polo simple feito de participar nos piquetes están recibindo comunicacións de multas con contías de até 1.000 euros. A CIG prevé que estas notificacións cheguen a uns 400 traballadores e traballadoras. 

O conflito do Metal ten unha especial importancia porque está a pór en evidencia a existencia de dous modelos sindicais diferenciados: o que defende e practica a CIG e o promovido polas centrais sindicais estatais, CCOO e UGT, que están a actuar, en moitos casos, en clara connivencia coa patronal.

As mobilizacións protagonizadas polos traballadores e traballadoras do sector poñen ademais en cuestión o modelo de relacións laborais que quere impor a patronal, baseado na precarización das condicións de traballo, nos baixos salarios e o debilitamento do movemento obreiro, ademais do dumping social a través da contratación de empresas estranxeiras que incumpren o estipulado no convenio colectivo.

Por iso, a CIG entende que estamos diante dun conflito de especial importancia sindical. Algo que tamén sabe a patronal, o que explica a actitude de especial dureza que mantivo forzando unha folga de 30 días no sector, un conflito que aínda non rematou e ao que a CIG vai seguir dando o seu total apoio.

Política represiva do PSOE

A CIG denuncia ademais a política do PSOE, a través das subdelegacións do goberno e da fiscalía, pola vía de reprimir con dureza as mobilizacións dos traballadores/as e cando iso non é dabondo, pola vía do castigo impondo multas gubernativas, ou denunciando nos xulgados a dirixentes sindicais e traballadores, chegando mesmo a solicitar penas de prisión para os traballadores/as detidos durante o conflito.

Ante esta situación, que xa se ten dado en conflitos anteriores do Metal, pero tamén da Construción e outros, a CIG acordou abrir esta campaña de recollida de fondos para axudar a cubrir os gastos derivados do conflito.

Por iso, abriu unha conta en Caixanova baixo o nome de Fondo de Solidariedade coa Loita do Metal co número 2080 04 6390 0040120137, onde se poden facer as aportacións solidarias coas compañeiras e compañeiros.

Fonte: Publicación Sindical Dixita "Avantar"
__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon