Antidisturbios en Massó
Nova xornada kafkiana no Salgueirón. A presenza de antidisturbios de León en Cangas xa non pasou desapercibida dende a mañán. Perfectamente coordinados, agardaron a que chegaran tres camións de Excongal para intentar unha vez máis a entrada ás obras do pretendido peirao deportivo do complexo residencial Marina Atlántica, do que lembramos carece de licenza municipal, plan viario ou calquera outro tipo de eses pequenos detalles burocráticos que nos afectan ao resto dos mortais.
Chegaron os camións sobre a unha da tarde á entrada do camiño da cheminea acompañados de técnicos, obreiros da empresa, o avogado da mesma, a notario de Cangas, o capitán dos antidisturbios e unha patrulla do posto de Cangas. Chamaron á policia local que se personou inmediatamente e estiveron tomando nota da situación do camiño e dos coches alí aparcados que impedían o paso dos camións. Lembrar que no vial non hai sinal ningún de prohibido aparcar, que se atopa en casco urbano e polo tanto fora da xurisdición da garda civil e que é o único vial de acceso ao Salgueirón que aínda non ten restrición de peso, aínda que hai informes que aconsellan a limitación e probablemente a colocación do sinal que o limite será na próxima xunta de goberno local.
O capitán ausentouse prácticamente unha hora, e cando votou foise a parlamentar cos representantes da empresa e inmediatamente chegaron o camión celular e catro furgonetas de antidisturbios perfectamente ataviados coa súa armadura de faena.
A situación tensouse como anticipo dunha inminente carga, aínda sen saber ben se algún guindastre ía intentar retirar os coches aparcados no vial.
Ao parecer a policía local argumentou que non tiña claras as súas competencias sobre o vial e finalmente non apareceu ningún guindastre, retirándose sobre as catro os camións cargados de pedra e os antidisturbios, entre as afectuosas ovacións dos mariñeiros e veciños alí congregados, nun número de aproximadamente cen. Colorín colorado, o martes máis.
www.cangasnonsevende.org
Enviado por:
foro social de Cangas
-forosocialpoladefensadopobo@yahoo.es-
9 de outubro de 2009 19:57
________________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon