martes, outubro 06, 2009

O TSXG anula a declaración de impacto ambiental da piscifatoría de Rinlo - Ribadeo



O TSXG ven de emitir Sentenza  no contencioso administrativo interposto por ADEGA contra a resolución da Xunta do último goberno Fraga, que aprobaba a piscifatoría de Foxo Longo en Rinlo (Ribadeo) promovida por ACUINOR S. L. Deste xeito, quedan invalidadas tanto a DIA (Declaración de Impacto Ambiental) feita pola Xunta como as licenzas de obra e actividade concedidas a ACUINOR polo concello de Ribadeo. Nos seus fundamentos, o tribunal estima unha “infracción relevante que vicia a DIA” por inobservancia da lexislación ambiental de protección da Rede Natura 2000. Trátase pois, dunha sentenza histórica para o ecoloxismo e a sociedade galega: é a primeira vez que a Rede Natura ve recoñecida a súa protección polo alto tribunal galego fronte ao proceder dalgunhas administracións e empresas para as que as leis ambientais son só papel mollado, e as avaliacións ambientais un incómodo trámite que completar con estudos de impacto e declaracións a medida.





[Obras de ACUINOR na Rede Natura. Amplía!]

No caso a piscifatoría de Rinlo, o tribunal recoñece afeccións ao LIC das Catedrais, por fragmentación e degradación dos hábitats protexidos alí presentes, mesmo hábitats prioritarios que por ameazados requiren medidas de especial conservación.

Na súa sentenza, o TSXG indícalle á Xunta que, na DIA non observou o establecido nos apartados 3 e 4 do artigo 6 da Directiva de Hábitats e do Real Decreto 1997/1995, no que coincide coa interpretación que sempre fixo ADEGA:

Art. 6. Medidas de conservación […]
  • 3. Calquera plano o proxecto que, sen tener relación directa coa xestión do lugar o sen ser necesario para esta, poida afectar de xeito apreciable aos citados lugares, xa sexa individualmente ou en combinación con outros planos ou proxectos, someterase a unha axeitada avaliación das súas repercusións no lugar, que se realizará de acordo coas normas que sexan de aplicación, de acordo co establecido na lexislación básica estatal e nas normas adicionais de protección ditadas po as Comunidades Autónomas, tendo en conta os obxectivos de conservación de dito lugar. Á vista das conclusións da avaliación das repercusións no lugar e supeditado ao disposto no apartado 4 deste artigo, as Comunidades Autónomas correspondentes só manifestarán a súa conformidade con dito plano ou proxecto tras asegurarse que non causará perxuizo á integridade do lugar en cuestión e, de proceder, tras sometelo a información pública.
  • 4. Si, apesar das conclusións negativas da avaliación das repercusións sobre o lugar e a falla de solucións alternativas, debera realizarse un plano ou proxecto por razóns imperiosas de interese público de primeira orde, incluidas razóns de índole social ou económica, as Administracións públicas competentes tomarán cantas medidas compensatorias sexan necesarias para garantir que a coherencia global de Natura 2000 quede protexida. No seu caso, as Comunidades Autónomas comunicarán ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación as medidas compensatorias que teñan adoptado e este, através da canle correspondente, informará á Comisión Europea.

No caso de que o lugar considerado albergue un tipo de hábitat natural e/ou unha especie prioritarios, unicamente poderanse alegar consideracións relacionadas coa saúde humana e a seguridade pública, ou relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para o medio ambiente, ou ben, outras razóns imperiosas de interese público de primeira orde. Neste último caso, através da canle correspondente, haberá que consultar, previamente, á Comisión Europea.




[Defendendo a legalidade. Amplía!]

O TSXG considera que, como amosan os informes do IBADER, do SEPRONA, e mesmo da propia D. X. de Conservación da Natureza da Xunta, “a execución do proxecto construtivo conleva unha afección significativa sobre o estado de conservación dos hábitats 1230 e 4040* [prioritario], con perxuizo para a integridade do lugar” polo que a DIA non resulta conforme a dereito por non observar os trámites previstos nos artigos 6, tanto da Directiva 92/43/CEE como Real Decreto 1997/1995 para un espazo da Rede Natura no que quedou abondosamente probado a presenza de hábitats prioritarios.




[Imaxes do xuizo civil. Amplía!]

Esta sentenza culmina un longo proceso xudicial iniciado trala denuncia de ADEGA contra as actuacións da Xunta e ACUINOR no caso da piscifatoría de Rinlo. Até hoxe, os tribunais viñeron dando sistemáticamente a razón a ADEGA: primeiro, absolvendo aos nosos activistas dunha denuncia penal por coaccións tras paralizar as obras ilegais da piscifatoría; a continuación, acordando unha decisiva -pois do contrario quedaría desvirtuada a anulación do DIA- paralización cautelar das obras; logo, desestimando a demanda civil interposta por ACUINOR reclamando a ADEGA unha indemnización de 30.000 € e, finalmente, anulando a DIA e as licenzas de obra e actividade do proxecto.

O caso da piscifatoría de Rinlo exemplifica o desprezo pola legalidade, polo noso patrimonio natural e pola cidadanía que practican algunhas empresas coa colaboración necesaria das administracións: declaracións ambientais á medida e fraudulentas; licenzas ilegais; sospeitas de corrupción por manexo de información privilexiada, deixación de funcións administrativas, modificacións lexislativas á medida e tramitacións “exprés”; inxustiza social e desprezo pola cidadanía ao permitir a algúns facer o que non poden os veciños…



[Afeccións de Touriñán á RN. Amplía!]

No entanto, as repercusións do fallo do TSXG van máis aló do caso concreto de Rinlo. A sentenza sinala na súa fundamentación, argumentos extrapolábeis a moitos outros proxectos e actividades que non foron obxecto dunha tramitación ambiental axustada ás leis que protexen a Rede Natura (como o escandaloso caso das turbeiras do Xistral, entre outros). O TSXG portanto, traslada a proba á administración, que debe demostrar de xeito obxectivo que non existe impacto negativo nin se perxudicará á integridade do LIC ou ZEPA. E de haber hábitats prioritarios, só poderá alegar consideracións relacionadas coa saúde e a seguridade pública ou relativas a consecuencias positivas no ambiente ou, previa consulta á Comisión, razóns imperiosas de interese público de primeira orde.

Tal podería ser tamén o caso da planta de acuicultura de Cabo Touriñán. Malia a estar incluida en Rede Natura e afectar a hábitats prioritarios (véxase o propio Plano Acuícola coa cartografía do Inventario Nacional de Hábitats, na que 1/3 da superficie da planta, 120.000 m2, sitúase sobre hábitats prioritarios), o último governo Fraga aprobou o proxecto sectorial de Touriñán cunha DIA favorábel. Apesar das afeccións críticas sinaladas no Estudo de Impacto e ao informe contrario da COTOP, a administración Fraga deciudíu saltarse os trámites que o TSXG sinala como preceitivos, a respeito da protección da Rede Natura, na súa fundamentación da sentenza de ACUINOR. Como se pode querer recuperar agora un proxecto cuxa tramitación foi tan fraudulenta como a de Rinlo? A que intereses serve o goberno Feijóo coa súa fixación con Touriñán?

Por último, ADEGA quere dar as grazas a todas as persoas e colectivos que apoiaron este proceso, mesmo arriscando a súa integridade e patrimonio. Primeiro e fundamentalmente, aos veciños e veciñas, compañeiros e compañeiras ecoloxistas que parando as obras iniciaron o camiño do éxito. Non esquecemos tampouco ás institucións e investigadores que amosaron a súa dilixencia, coherencia e compromiso ambiental malia ás presións. E, finalmente á equipa legal que, acreditando na causa ecoloxista, soubo defender brillantemente os intereses que non son só os de ADEGA, senón os de toda a cidadanía galega.

Compostela, 6 de outubro de 2009.

Documento de interese:
Fonte: adega.info
_________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon