mércores, decembro 09, 2009

A chegada ao límite

Por Manuel Miragaia Doldán [*]
09.12.2009


Cando se é neno ou mozo todo está por vir, todo é porvir. Aínda que o presente sexa deficitario ou mesmo frustrante sempre se mantén a esperanza de que co que falta de vida agromarán tempos mellores. Característica intrínseca da mocidade é a súa riqueza en ilusións e proxectos máis ou menos realistas. Ao cumprir anos vanse realizando algúns dos antigos soños, mais tamén experimentando as posibilidades persoais e os límites establecidos pola continxencia vital. Co paso do tempo e, sobre todo, cando se chega á idade da vellez, despois dos numerosos golpes que nos depara o existir, alcanzamos en maior ou menor grao o realismo atroz da desilusión.

O mesmo pasa coas sociedades, que pasan da mocidade a unha etapa de madurez, para remataren alcanzando a Terceira Idade. O mesmo sucede cando se accede do pasado máis escuro e ditatorial a enxergar os escentileos prometedores dunhas liberdades descoñecidas e se comeza coa tarefa de deseñar un réxime democrático. Avanzar o que é avanzar, avanzouse algo desde aquela etapa primixenia na que todo estaba por facer. A día de hoxe, por suposto, estamos un pouco mellor, mais moitas das ambiciosas espectativas de cambio e de progreso social foron pouco a pouco sendo laminadas e abandonadas polo camiño, até case quedármonos sen ningunha, instalándonos nun increíbel marasmo social máis propio da vellez.

O filósofo existencialista Jaspers escribía que as duras situacións-límite -morte, sufrimento e culpabilidade- axudan a que o ser humano realice a enorme transformación de reconsiderar a existencia persoal e o sentido da súa vida.

Do mesmo xeito, unha situación límite extrema para a sociedade, como a derivada da grave crise económica e social que padecemos, parecía que obrigaría a aplicar rápidas reformas estruturais que modificasen o sistema. Mais iso non ocorreu. Nin tampouco que se evitase a situación-límite de descrédito da democracia que está a producir a corrupción cunha radical rexeneración ética da actividade política.

Nos trinta últimos anos fómonos achegando aos límites infranqueábeis da facticidade. E xa diante dos nosos narices vemos un altísimo muro co que batemos a cotío. Que llo pregunten senón aos cataláns, a quen os cavernícolas da Vila e Corte non lles permiten ser nación dentro dunha federación estatal. Que llo pregunten aos cidadáns laicos que desexan que a Igrexa católica non siga querendo controlar a toda a sociedade civil. Que llo pregunten desempregados e aos subempregados. Que llo pregunten aos que queren que se faga memoria histórica, aos que buscan un aumento das liberdades civís e un progreso socio-económico para as maiorías sociais.

O oligopolio de ideas dos insípidos, repetitivos e abundantes articulistas constitucionalistas favorece o pensamento único, o único posíbel. Máis do mesmo como receita. E o peor: unha sociedade avellentada que non se entera ou non se quere enterar.

Artigo publicado en varios medios de comunicación entre os que están: Galicia Hoxe e Diario de Ferrol.

[*] Manuel Miragaia Doldán [A Coruña, 1958], Profesor, Filósofo e Escritor. É Licenciado en Filosofía pura pola Universidade de Santiago de Compostela e diplomado en Maxisterio por Ciencias Sociais, é especialista en lingua galega e diplomado en galego pola Escola Oficial de Idiomas da Coruña. Na actualidade, traballa como profesor no IES “Alfredo Brañas” de Carballo. Realizou diversos traballos de investigación e innovación educativa, impartiu cursos e actuou en diversas ocasións como conferenciante e en recitais de poesía.

Desde 1976 escribe habitualmente artigos en galego en diversos medios de comunicación: El Ideal Gallego, El correo Gallego, A Nosa Terra, Man Común e fundamentalmente en La Voz de Galicia, xornal no que leva colaborando desde 1979. Escribiu crítica literaria e política, comentarios sobre eventos históricos e temas de educación, entrevistas, etc. Durante varios anos, mantivo neste xornal a sección humorística “A Revolta” e posteriormente o epígrafe “Xanela aberta” ata o ano 2000. Na actualidade escribe semanalmente no xornal “Galicia hoxe”, baixo o epígrafe “Vento fresco”, artigos que tratan sobre aspectos destacables da sociedade contemporánea desde unha perspectiva galega e de crítica intelectual. Publicou os libros Xénese e apocalipse, Edicións do Castro (1981, poesía) e Manual para escritores e outras sátiras, Ed. Toxosoutos (1997, narrativa). Ademais, traduciu sete libros ó galego e publicou ensaios en diversas revistas como “Arco da vella” (“Nós, os heterodoxos”) e “Agalia” (“A realidade portuguesa no pensamento galeguista”). Continúa producindo obra poética e narrativa.

Fonte: galegos.info



Enlace de interese:

Esta é unha entrevista actual datada no mes de Xuño deste ano 2009, onde se pode apreciar o compromiso e o pensamento do Profesor, Filósofo e Escritor: Conversas Contemporáneas
____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon