- ESQUERDA UNIDA ÚNESE ÁS REIVINDICACIÓNS DO FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN NO DÍA MUNDIAL DAS MIGRACIÓNS
- ESQUERDA UNIDA LAMENTA OS COMPORTAMENTOS XENÓFOBOS E RACISTAS QUE AFECTARON Á POBOACIÓN MIGRANTE EN GALICIA NOS ÚLTIMOS TEMPOS
- ESQUERDA UNIDA INSISTE EN QUE A LEI DE ESTRANXEIRÍA DEBE SER DERROGADA, AO TRATARSE DUNHA LEI QUE CRIMINALIZA E QUE AMPARA O XURDIMENTO DE ACTITUDES RACISTAS E XENÓFOBAS
O 18 de decembro quedou instituído como o Día Mundial das Migracións, un concepto abstracto que non debe agocharnos que detrás del hai persoas, persoas que se ven na obriga de migrar polas circunstancias que sexan: por necesidade económica, para sobrevivir á violencia, para reagruparse cos seus seres queridos, para fuxir dos conflitos, por estudos ou pode que por unha combinación de todas elas. As facianas do imperialismo e do intercambio desigual son múltiples.
Este 18 de decembro de 2009 será o primeiro despois da aprobación por parte do Goberno do Estado da cuarta reforma da Lei de Estranxeiría. Reforma que endurece aspectos básicos para o día a día das persoas migrantes. Reforma que nega dereitos. Reforma que non contempla o sentido común de xustiza e dignidade de incorporar unha regularización ordinaria, en España. Reforma que non é máis que a expresión policial e securitaria que transforma en medo o que debera ser curiosidade, en intolerancia o que debera ser respecto, en insolidariedade o que debera ser fraternidade.
A política española, apéndice cruel dos desexos de bunquerización de Europa, amais doutros aspectos, endureceu os requisitos para o reagrupamento familiar (ata 5 anos) e permitirá encarcerar inocentes –porque outro nome non cabe a quen simplemente comete unha falta administrativa- ata 60 días en centros de internamento para estranxeiros (CIE). CIE’s que non son máis que unha triste prolongación dos campos de concentración. Espazos onde os DD.HH. son vulnerados e onde a dignidade humana está en mans da arbitrariedade. Espazos onde se incumpre a propia Directiva de Acollida asinada polos propios países europeos.
Esquerda Unida reafirma o seu compromiso para coa poboación migrante, a que xa está aquí e se ve na obriga de resistir todo tipo de atropelos para manter os “dourados” papeis, e a que está en situación irregular administrativa (a de nova incorporación ás rúas deste país democraticamente subvertido e a que permanece nunha situación irregular sobrevida).
Reiteramos a necesidade de que se deixe de perseguir ás persoas migrantes nas estacións de tren, de autobuses, nos aeroportos ou nos centros de saúde ou mesmo nos cursos de español para estranxeiros. Persecución que atende, por riba, ás connotacións étnicas, o cal manifesta racismo institucional. Negámonos a que en nome da democracia se converta nun inferno o día a día ás persoas migrantes.
Esquerda Unida insiste en que a Lei de Estranxeiría debe ser derrogada. Trátase dunha mala lei. Trátase dunha lei que criminaliza e que ampara o xurdimento de actitudes racistas e xenófobas como xa se reflicte nos últimos estudos, onde se sinala que España é o país da UE onde máis medra a percepción negativa das persoas migrantes. E nesa percepción inflúe unha mala xestión do tratamento informativo sobre as persoas migrantes, unhas leis anti-inmigración que desprenden un cheiro racista e xenófobo, e a redución das persoas migrantes ao seu valor mercantil ou económico.
A dinámica migratoria insírese na lóxica do neoliberalismo que emprega todas as tácticas posibles para confrontar e atomizar a clase traballadora en autóctonos e “alóctonos”. Esquerda Unida alenta á unidade da clase traballadora e que fagan fronte común contra os intereses da gran patronal e oligarquías dominantes.
Contra unha mala lei non debera caber mais que desobediencia civil: axudar ás persoas migrantes en situación irregular é cuestión de solidariedade, nada mais. Negámonos a que nos criminalicen ou a que nos reteñan como fixeron coa compañeira do Foro Galego de Inmigración, Laura Bugallo.
Denunciamos o discurso politicamente correcto que, de seguro, empregarán os partidos políticos dominantes o 18 de decembro e as estratexias publicitarias que divulgarán unha falsa imaxe de “respectuosos cos dereitos das persoas migrantes”. Por iso, desde Esquerda Unida, dicimos alto e claro que a loita polos dereitos humanos, pola igualdade de dereitos para todas as persoas, sexan de onde sexan, comeza no día a día, non nos discursos dun día. E iso comeza por revisar a política de concesión de asilo político, hoxe desvirtuada. E tamén, como non, por poñer por riba dos intereses mercantís, comerciais ou migratorios, a defensa radical dos Dereitos Humanos.
Esquerda Unida, ao carón das persoas migrantes e dos colectivos sociais dedicados a paliar os desastrosos efectos da Lei de Estranxeiría, traballamos para acadar unha sociedade diferente, máis xusta, simple e realmente democrática, onde a discriminación por razóns étnicas non exista, onde traballar non sexa o único valor real dunha persoa. Unha sociedade que se pecha sobre si mesma está condeada a morrer.
En todas as cidade e vilas de Galicia o berro será o mesmo: dereitos iguais para todas as persoas. Esquerda Unida traballará coas súas forzas para que esta nova utopía se realice o máis pronto posible.
Gabinete de Prensa
Secretaría de Comunicación
Executiva Nacional de Esquerda Unida
Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
Prezad@s amig@s: achegamos un comunicado de Esquerda Unida na véspera do Día Internacional das Persoas Migrantes, o primiero tralo endurecemento dunha lei de estranxeiría que a nosa organización traballa para derrogar. Mantén un concepto securitario e mercantilista sobre as persoas que viven e traballan con nós, privadas de dereitos políticos e civís, que se recollen na Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
Grazas pola vosa atención.
Saúdos, Ramiro Marier
___________________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon