REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ
Venres, 29 de xaneiro de 2010
O edil Manuel Santiago destaca as súas funcións: defender os dereitos dos cidadáns e ser o cauce de diálogo coa Administración. Presentaron a publicación do Regulamento de Participación, do que se editaron 2.000 exemplares para distribuír entre a cidadanía
O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, compareceu ante os medios xunto con Xosé Manuel Sanxoán e Arcadio Ares, membros da Comisión Provisional de Control de Participación Cidadá, para informar dos seguintes pasos a dar de cara á implantación do Regulamento, así como do resultado das accións de difusión feitas a semana pasada. Neste senso, Manuel Santiago lembraba que o Concello editou 2.000 exemplares do regulamento, que se distribuirán nas vindeiras semanas entre o movemento asociativo, entidades e institucións. Así, o edil avanzou que entre as prioridades máis inmediatas figura a constitución da Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións e a designación do Defensor do Cidadán.
A primeira será creada polo Pleno e estará integrada polos concelleiros de todos os grupos políticos, de xeito proporcional, correspondendo a súa presidencia á Alcaldía, que poderá delegar nunha concellería. A súa misión, tal e como subliñou o edil, será defender os dereitos dos cidadáns e cidadás nas súas relacións coa Administración local, supervisar a súa actuación, propoñer accións de mellora e informar das queixas de conformidade co disposto no Regulamento. Así mesmo, poderá levar a cabo investigacións sobre o funcionamento dos servizos, inspeccións nas dependencias administrativas sen prexuízo das competencias atribuídas aos órganos de control do Concello. Todos os órganos de goberno e da administración municipal estarán obrigados a colaborar coa dita Comisión. Esta poderá tamén aprobar as recomendacións e suxestións pertinentes, se ben nunca poderá modificar nen anular resolucións ou actos administrativos e estas poderán ser presentadas por toda persoa física ou xurídica, con independencia da súa residencia ou nacionalidade.
Todas as suxestións e reclamacións serán rexistradas nunha Oficina que se integrará na Concellería de Participación Cidadá e examinará cada unha delas nun prazo de 10 días desde a súa presentación. As que resulten admitidas serán remitidas ao servizo municipal correspondente que, previo estudo, emitirá un informe preceptivo á Oficina de Suxestións e Reclamacións.
Pero esta non será a única ferramenta que se porá en marcha ao abeiro do Regulamento de Participación Cidadá. Así, tal e como anunciou o concelleiro Manuel Santiago, comenzarase a traballar tamén na definición da figura do Defensor do Cidadán, que terá como obxectivo ser o cauce de diálogo, estudo e seguimento dos problemas que viven os cidadáns e cidadás ante a Administración local. Este deberá cumprir as súas funcións con independencia e obxectividade, investigando e resolvendo os expedentes iniciados de oficio e aquelas queixas formuladas a petición da cidadanía. Será elixido polo Pleno do Concello e o seu mandato terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por outros cinco. Tal e como se recolle no Regulamento de Participación Cidadá, deberá reunir como condicións figurar no padrón municipal e ser maior de idade.
Por outra banda, Manuel Santiago avanzou a celebración dunhas xornadas de formación e intercambio de boas prácticas en experiencias de orzamentos participativos antes do verán, así como a continuidade do traballo do proceso dos orzamentos participativos relativo non só á elección dos novos barrios que serán obxecto de intervención desta experiencia pioneira en Galicia, senón tamén ás asembleas de barrio e sesións de traballo como a prevista en datas próximas co Grupo Motor, a Comisión Provisional de Control e as Mesas de Traballo. Neste encontro avaliarase o proceso levado a cabo no ano 2009 e idearanse as pautas a seguir no 2010, un reto para o que o edil de Participación Cidadá pediu a colaboración de toda a cidadanía.
A ela referiuse tamén Xosé Manuel Sanxoán, membro da Comisión Provisional de Control de Participación Cidadá, quen animou ás entidades e colectivos, así como aos cidadáns a título individual, a participar neste proceso e facer realidade o contido do Regulamento de Participación Cidadá, así como a posta en marcha dos organismos contemplados nel. Respecto a este, o concelleiro informou esta mañá de que se editaron 2.000 exemplares para difundir o seu contido entre a cidadanía. Os primeiros deles repartíronse no acto cidadán da súa presentación celebrado o pasado 23 de xaneiro e o resto distribuiranse nas asociacións inscritas no Rexistro Municipal, en todos os centros educativos, sindicatos, entidades culturais, etc.
O edil de Participación cidadá agradeceu a colaboración prestada polo Colexio Profesional de Politólogos e Sociólogos de Galicia na elaboración do glosario de termos sobre democracia que se incorpora na publicación do Regulamento, desde a óptica da Administración local e especialmente ligados á Área de Participación Cidadá. O seu coordinador e membro do dito Colexio Xaime Subiela Pérez, explicou esta mañá o traballo realizado no marco do convenio asinado co Concello de Ferrol e trasnsmitiu as súas felicitacións polo desenvolvemento desta “experiencia de innovación democrática” que está a ser observada moi de preto por cidadáns e cidadás de toda Galicia.
En canto á publicación, Subiela explicou que á elaboración deste glosario de termos se incorporou o saber de expertos coñecedores dos procesos de participación cidadá e das relacións entre as Administracións públicas e a cidadanía, así como en dinámica de grupos. Todo o vocabulario está moi vinculado ao proceso da participación cidadá e moitos dos termos se están incorporando pouco a pouco no noso vocabulario, como é o caso de “empoderamento” ou “tranversalidade”, entre outros, que se están empezando a empregar e dos que se explica o seu signficado. En total, 162 termos.
enderezo-e: comision.gap@gmail.com
www.participacion-ferrol.blogspot.com
Enviado por:
Comision veciñal
-comision.gap@gmail.com-
29 de janeiro de 2010 12:24
_____________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon