xoves, xaneiro 28, 2010

O Movemento polos Dereitos Civís apoia a Treme a Terra na súa queixa contra o Concello de Pontedeume

Tags



LIBERDADE DE ASOCIACIÓN

O MpDC apoia a “Treme a Terra” na súa queixa contra o Concello de Pontedeume

O Movemento polos Dereitos Civís vén de coñecer a queixa que fixo pública a asociación cultural “Treme a Terra” contra o Concello de Pontedeume por este non lle permitir desenvolver plenamente o seu labor.

Desde o Movemento considérase que a actitude do Concello de Pontedeume reduce enormemente a liberdade de asociación e tamén merma as posibilidades de execución de novas propostas culturais por parte de Treme a Terra na vila. A asociación leva uns anos vendo como a contía da súa subvención como asociación cultural diminúe, chegando ao punto de que aínda non cobraron a do ano pasado.

O MpDC ve este feito como unha medida de presión por parte do Concello de Pontedeume para indirectamente obrigar o colectivo a renunciar á súa actividade cultural. Como é ben sabido, as asociacións culturais teñen unha grande dependencia das subvencións municipais para poderen desenvolver as súas actividades. A desaparición da subvención podería levar consigo a desaparición da asociación dado as limitadas opcións de ingresos das que dispoñen.

O Concello de Pontedeume tén que ter en conta que Treme a Terra leva máis de trece anos dinamizando a cultura na súa vila, por medio de concertos, exposicións fotográficas, conferencias ou actividades que axudan a non esquecer as nosas raíces e a nosa verdadeira identidade e que axudan a pluralizar e aumentar as actividades culturais do municipio. Por todo isto e independentemente do carácter da asociación, o concello ten que apoiar as actividades desenvolvidas por este colectivo e non interferir na realización das mesmas negando o uso das instalacións municipais.

O Movemento polos Dereitos Civís confía en que Treme a Terra non teña que chegar a pedir responsabilidade patrimonial ao Concello de Pontedeume por limitar o dereito de asociación.

Enviado por:
Prensa MpDC
-prensa1@movemento.org-
28 de janeiro de 2010 12:42


O MpDC apoia a Treme a Terra na súa queixa contra o Concello de Pontedeume. Bo día, Desde o Movemento polos Dereitos Civís achegamos nota de prensa. Agardamos que a información sexa do voso interese. Sen máis, recibide un saúdo. En movemento - www.movemento.org
___________________

Comunicado de Treme a Terra en komunikando.net:

A Asociacion cultural, Treme a Terra de Pontedeume, que realiza o Festival Treme a terra que se celebra todos os anos por estas datas, enviou um comunicado que reproducimos a continuación:

Como moit@s de vós saberedes, Treme a Terra é unha asociación cultural que leva máis de 13 anos intentando dinamizar a actividade cultural da vila de Pontedeume. Ainda que traballamos en diferentes actividades (roteiros de sendeirismo, exposicións fotográficas, conferencias, concertos solidarios...) a máis representativa é o festival Treme a Terra, que o presente ano debería cumplir a súa XV edición. O obxectivo do festival, un dos de máis tradición da provincia, non é outro que o de fomentar a música en galego.

O motivo de facer este comunicado é o de denunciar o que consideramos un desprezo por parte dos que actualmente gobernan o Concello de Pontedeume.
  • Desde hai dous anos a subvención que se nos concede como asociación cultural vese reducida na súa contía nun 15%, non chegando a cubrir nin o 10% dos custos deste festival.

  • A subvención correspondente ao exercicio 2009 ainda non foi aboada.

  • Durante a organización do XIV Festival puxéronse todos os impedimentos para a súa realización na pista polideportiva, localización onde levamos máis de 10 anos celebrando esta actividade.

  • O 3 de abril presentamos un escrito para facer un festival solidario no que se solicitaba a carpa do concello e outra infraestructura e a actividade non foi realizada cando estaba prevista porque non obtivemos ninguna resposta.

  • Tres meses despois volvimos a solicitar a carpa para a actividade antes citada, e a base de insistir personalmente comunicounos Javier Crespo que a carpa non podía ser utilizada porque estaba en moi mal estado. O día da celebración de dito festival, a carpa atopábase na Urbanización Olmo. O festival celebrouse á intemperie, non sen antes ter que pedirlles aos veciños/as que retirasen os vehículos da praza (cousa que tampouco quixo facer o concello).

  • O día 8 de outubro presentamos outro escrito informando da nosa intención de celebrar o XV Festival Treme a Terra, pedindo a pista polideportiva para o día 22 de Xaneiro de 2010 e pregando unha resposta. De novo non houbo contestación, polo cal o día 4 de decembro solicitamos a Eugenio Pena unha reunión co alcalde. Citounos o día 10 de decembro ás 10 da mañá, presentámonos 2 membros da asociación pero esta vez a sorpresa foi que non fomos recibidos.
Dende Treme a Terra recoñecémoslle ao PP a lexitimidade para gobernar, xa que foi escollido polo Pleno Municipal para desenvolver esta labor. Respectamos que non se impliquen no eido cultural xa que non teñen a obriga legal de facelo. Pero esixímoslles que cando menos non boicoteen as iniciativas que abrollan dende as asociacións para dinamizar a vida cultural da vila. A riqueza dun pobo non se pode medir só dende parámetros estrictamente económicos, e unha sociedade culturalmente activa é unha sociedade con maior calidade de vida.

Para rematar, pedímoslles que abandonen as actitudes galegófobas que amosan tanto a nivel local como nacional. Pedimos que respecten os nosos sinais de identidade, sinais que nos fan únicos nun mundo cada vez máis uniforme. Non podemos esixir respecto cando nós mesmos/as non nos repectamos.
___________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon