martes, marzo 16, 2010

Manifestación Nacional en Compostela "Contra a destrución do territorio": Domingo 21 de Marzo de 2010, ás 12 do mediodía na Alameda

Este 21 de Marzo de 2010, ás 12 do mediodía, desde a Alameda de Compostela, sairá unha Manifestación Nacional baixo o lema "Contra a destrución do territorio", convocada pola Rede Galiza Non Se Vende.

Cando se cumpre un ano do cambio de goberno da Xunta, comprobamos que goberne quen goberne, gaña o produtivísimo. O goberno do PP, como os anteriores, segue o imposíbel camiño do crecemento indefinido: producir máis para consumir máis, quimera inviábel nun planeta con recursos limitados.

Os recursos naturais son postos ao servizo dos intereses económicos e das grandes empresas, subvencionadas con cartos públicos, mentres que aumenta o desemprego e pechan os pequenos negocios.

Intentan manter un modelo que non serve, que nos espreme como persoas, destroza o medio ambiente e agranda as diferencias económicas entre os pobos e entre as persoas.

A nosa lingua e a nosa cultura son menosprezadas e atacadas por un goberno que se avergoña e renega delas. A Sanidade vai camiño da privatización total. O transporte público é escaso, caro, ineficaz e está en mans privadas. As infraestruturas viarias baséanse no transporte privado contaminante e insustentábel. O noso litoral entrégase ás construtoras para o seu grande negocio especulativo. As nosas rías seguen acumulando recheos e naves industriais en primeira liña de costa e uns alarmantes niveis de contaminación. Grandes zonas costeiras son cedidas ás multinacionais piscícolas, ao mesmo tempo que a pesca industrial arrasa os océanos e o marisqueo e a pesca de baixura tradicionais van sendo desmantelados. Cultívanse transxénicos nas nosas leiras, mentres se fomenta a desaparición do noso agro. A ordenación do territorio é inexistente, o que provoca graves diferencias entre o interior e a costa. Louseiras e mineiras estragan as zonas mellor conservadas. A política forestal promove os cultivos de especies alóctonas e invasoras que sementan o país de incendios. O urbanismo caótico proxectase en función dos intereses económicos. A xestión de residuos basease na contaminante incineración. Industrias perigosas e contaminantes seguen funcionando irresponsabelmente...

  • É o tempo de unirnos todos e todas e paralizar as agresións á vida e á Terra!
  • É o tempo de esixir a participación da sociedade nos procesos de decisión que lle afectan directamente. É hora de que se teñan en conta aos colectivos sociais e á cidadanía.
  • É hora de saír á rúa e reclamar outro modelo económico e social.
  • Tod@s a Compostela o domingo 21!!!
  • Pola defensa do litoral.
  • Por unha ordenación racional do territorio
  • Pola soberanía alimentaria e enerxética
  • Por outro modelo de transporte
Ese mesmo día ás 17:00 da tarde na Sala Nasa de Compostela, última parada da II Caravana reivindicativa de GNSV, na que actuarán: Pallasos en Rebeldía, Pandereteiras Bouba, Sacha na Horta e O Sonoro Maxín.

GALIZA NON SE VENDE!!!

Terra viva e vida digna para tod@s

http://galizanonsevende.org/
info@galizanonsevende.org
____________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon