martes, abril 13, 2010

Esquerda Unida crítica, de novo, o atraso na aprobación do regulamento para a adxudicación das vivendas de Recimil, e noutro asunto saúda a nova edición da Poesía Salvaxe.

Informacións do Grupo Municipal Esquerda Unida

  • ESQUERDA UNIDA CRITICA O NOVO ATRASO NA APROBACIÓN DO REGULAMENTO DAS VIVENDAS DE RECIMIL
  • A VOCEIRA DO GRUPO MUNICIPAL, YOLANDA DÍAZ, ESIXE CELERIDADE DO GOBERNO MUNICIPAL PARA PÓR EN VIGOR A INICIATIVA DO NOSO GRUPO

O Grupo Municipal de Esquerda Unida ten que criticar o novo atraso na aprobación do regulamento das vivendas de Recimil. Na convocatoria da Comisión de Benestar para o vindeiro xoves, 15 de abril, non se contempla na orde do día a aprobación do regulamento para a adxudicación das vivendas de Recimil. Morren semanas e meses sen que se produzan resultados positivos neste campo.

Foi unha proposta do noso Grupo Municipal a elaboración dun regulamento para a adxudicación das vivendas municipais. Con esta medida pretendemos garantir a meirande transparencia e obxectividade na concesión duns bens públicos de propiedade municipal. Esquerda Unida está certa do enorme potencial social que posúe o parque de vivenda municipal de Recimil e considera indispensable a súa ordenación e regulamento.

Lamentamos que unha vez máis se adíe levar a Comisión o texto do regulamento. Lamentamos a tardanza e lle preguntamos ao Goberno acerca das razóns da mesma. O Noso Grupo considera que o Goberno Municipal está a desatender esta fronte social e a deixar que a situación no barrio se degrade a causa da súa inacción e tardanza.

O noso Grupo Municipal achegou a proposta de elaboración dun novo regulamento e ten presentado no proceso unha serie de emendas para mellorar o contido final da proposta. Non entendemos que na actual situación de crise económica e social, este Goberno non acelere o remate do documento e a súa entrada en vigor.

Son moitas as necesidades sociais, demasiados os anos de abandono por parte do Goberno Municipal neste eido, e para Esquerda Unida é unha cuestión urxente e importante, que merece un tratamento prioritario polo Goberno Municipal. Xa que logo, a Voceira do Grupo Municipal de EU, Yolanda Díaz, reclama do Goberno celeridade para pór en vigor esta iniciativa.


  • O GRUPO MUNICIPAL DE EU SÁUDA UNHA NOVA EDICIÓN DA POESÍA SALVAXE
  • ESTA ANOVADORA FÓRMULA CULTURAL CHEGOU DA MAN DE ESQUERDA UNIDA ÁS RÚAS DE FERROL NO ANO 2008

O Grupo Municipal de EU quere manifestar a súa ledicia pola nova edición, a terceira xa, da poesía salvaxe, que se vai celebrar esta semana nas rúas da nosa cidade. Esta iniciativa anovadora no eido cultural comezou no 2008 da man da anterior responsable da concellería de cultura, Yolanda Díaz, en consonancia co programa de renovación do panorama de actividades culturais do noso concello emprendido entón.

Achegar á rúa as expresións da cultura, erguer voces veraces e ceibes no espazo onde vivimos as persoas, sacar á poesía dos redutos pechados, foron a motivación central para comezar esta xeira, que felizmente se mantén e consolida co paso das edicións, poética que imos gozar nestas datas.

Esta semana vanse misturar nas rúas de Ferrol a celebración insubmisa da palabra poética coa evocación dun porvir republicano ao redor do 14 de abril. Para Esquerda Unida non é casual aventurar poesía e república no abril ferrolá, senón que ambos elementos conxugan a determinación e esperanza nun abrente creador de liberdade e igualdade.

Esquerda Unida anima á cidadanía a gozar dos encontros súbitos coas palabras feraces, nun abril poético e republicano, porque lingua e pobo conforman un todo creador invencible. Máis que nunca a poesía semella necesaria para resistir aos bárbaros que agreden, parapetados nas institucións da Xunta de Galicia, a nosa cultura, cultura universal a pesares da ollada prexuízosa coa que é maltratada polo PP.

Ferrol, 13 de Abril de 2010
Grupo Municipal de Esquerda Unida

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/



Enviado por:
Grupo Municipal Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
13 de abril de 2010 15:11
Benquerid@s amig@s: achegamos dous Informacións do Grupo Municipal de EU. Nun primeiro Informacións facemos a crítica do novo atraso na aprobación do regulamento para a adxudicación das vivendas de Recimil, que se está a elaborar a proposta de EU e que acumula un retraso
inaceptable. O segundo Informacións saúda a nova edición, xa a terceira, da Poesía Salvaxe, anovadora iniciativa cultural que naceu no ano 2008 coa anterior responsable de cultura, Yolanda Díaz. Esquerda Unida vos anima a participar nela nestes días tinguidos de palabras veraces e ceos de tres cores, na conxunción afortunada que xungue Poesía e República, abrentes dun porvir emancipado. Un saúdo, Ramiro Marier
_____________

Enlace relacionado:

Ártabra 21: Os días 14,15,16 e 17 Abril 2010: Terceira Semana da Poesía Salvaxe de Ferrol
_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon