domingo, abril 25, 2010

Primeira Andaina polo Clima para conmemorar o "Día da Terra" na Galiza, evento que se celebra en todo o Planeta desde 1970


Este Sábado 24 de Abril de 2010, tivo lugar, en Cerceda, a Andaina polo Clima, baixo o lema "O Clima non está á venda", comemorabamos o "Día da Terra 2010". Convocaban a maioría das organizacións ecoloxistas do País: Amarante, Amigos da Terra, Asociación cultural Lucerna de Cerceda, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza -ADEGA-, Federación Ecoloxista Galega -FEG-, Greenpeace, Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos -ISAP- e Verdegaia.

Pasadas as 5 da Tarde desde a Central Térmica de Meirama até as portas da incineradora de SOGAMA, un percorrido de máis de dous quilometros e que durou sobre unha hora con catro paradas para denunciar agresións á Nai Terra e reivindicar medidas paliativas e solucións. Reutilizar, Reciclar, Reducir, Reahabilitar, ... Soberanía Alimentaria, Agricultura Labrega, ... Decrecimento Sustentábel, ... Transporte Público, Ferrocarril de Proximidade, Andar, Pedalear, ... Enerxías Renovábeis, ... O Troco, ...

Como xa sinalamos fixeron-se varias paradas para denunciar situcións e feitos que agreden o medio e as alternativas propostas polos colectivos ecoloxistas:

A primeira parada sobre a Alimentación: "para subliñar o insustentábel do actual modelo industrial de produción e transporte de alimentos e as alternativas que para nós pasan por desenvolver e garantir a soberanía alimentar dos pobos, a agroecoloxía, a agricultura de proximidade e a produción biolóxica de alimentos".

A segunda parada sobre o Transporte: "moitas emisións de GEIs veñen do transporte por estrada e maítimo baseado no consumo de combustíbeis fóseis. Propugnamos un cambio de modelo baseado no transporte público, na intermodalidade, no ferrocaril de proximidade e nos sistemas non contaminantes".

A terceira parada sobre as Térmicas de carbón: "este tipo de electricidade é a máis perxudicial para o clima e a súa produción é en gran parte responsábel do cambio climático. As nosas alternativas pasan por diminuir o consumo enerxético, aumentar a eficiencia e promover as renovábeis como alternativas ás enerías suxas -incluida a nuclear-".

A cuarta parada sobre os Residuos: "a incineración de RSUs e un sistema tan ineficiente e contaminante como unha central térmica convencional. O actual modelo SOGAMA é insustentábel por contaminante, antiecolóxico, caro, insolidario e inxusto. Apostamos por unha forte redución na produción de residuos, pola reciclaxe e a compostaxe da materia orgánica en plantas descentralizadas e con tecnoloxías brandas".

Por último a escritora Teresa Moure, foi a compañeira que leu o Manifesto polo Clima consensuado polas organizacións convocantes e que transcribimos a continuación:

Manifesto
Andaina polo Clima
O CLIMA NON ESTÁ Á VENDA!

O exceso de contaminación e a sobrexplotación dos recursos naturais provocaron unha crise ecolóxica planetaria que non deixou de se agravar nas últimas décadas. A mudanza climática é a manifestación máis preocupante desta crise, moito máis decisiva para o futuro da humanidade que a actual crise económica. Non hai un “planeta B”. Se non paramos a deterioración da Terra, a diversidade da vida e as nosas posibilidades de benestar e de sobrevivencia veranse dramaticamente mermadas.

Coma o resto do mundo enriquecido, Galiza é corresponsábel da mudanza climática global, debido principalmente ao sobreconsumo de combustíbeis fósiles (petróleo, carbón, gas natural). As nosas emisións por habitante de gases de invernadoiro son moi altas. Non resulta sorprendente, se consideramos a presenza no noso territorio de grandes industrias emisoras –como as centrais térmicas, nomeadamente as de carbón-, o uso masivo do coche e do camión, a aposta pola incineración e os vertedoiros como principais formas de xestión dos residuos urbanos, ou o retroceso alarmante da agricultura labrega, que erosiona a soberanía alimentar e aumenta o risco de incendios forestais.

O fracaso estrepitoso do Cumio do Clima de Copenhague, motivado pola negativa dos países enriquecidos a asumirmos a nosa débeda climática cos países empobrecidos, non nos desanima. Sabemos que nos enfrontamos a un problema inaprazábel e fundamental, complexo mais resolúbel. Por iso, con motivo do Día da Terra, volvemos defender un modelo económico innovador, baseado no aforro e na eficiencia enerxética, as enerxías renovábeis e o emprego verde, afastado do produtivismo e do consumismo, que nos permita equilibrar, equitativamente co resto da humanidade, os nosos estándares de vida coa capacidade do planeta para soportalos, decrecendo o consumo de enerxía e de recursos naturais.

Esiximos que no Cumio do Clima que terá lugar en México en novembro próximo se logre un tratado climático xusto, vinculante e ambicioso, inspirado polos principios da xustiza climática e capaz de prevenir unha mudanza climática catastrófica.

Demandamos da Xunta e dos demais poderes públicos a aplicación urxente de políticas coherentes con este obxectivo, que posibiliten unha redución mínima do 30% das emisións galegas de gases de invernadoiro en 2020 a respecto de 1990. O seu desenvolvemento, alén dunha obriga moral coas xentes máis desfavorecidas, coas xeracións futuras e co resto dos seres vivos que partillan connosco o planeta, é unha oportunidade para mellorarmos as nosas vidas, pois comportaría múltiples beneficios para a nosa terra: menor dependencia enerxética e alimentaria, cidades e vilas máis habitábeis, xeración de emprego verde, menor destrución do territorio, aire máis limpo,...

As organizacións asinantes rexeitamos falsas solucións ao cambio climático, como a enerxía nuclear, a captura e almacenamento de carbono, os agrocombustíbeis insustentábeis, a incineración de residuos ou as plantacións de eucalipto, e reivindicamos:
  • O peche urxente das centrais térmicas de carbón de ENDESA nas Pontes e de GAS NATURAL-UNIÓN FENOSA en Meirama e un Plan Enerxético que decreza o consumo de enerxía e procure, non máis alá de 2050, o abastecemento do 100 % das nosas necesidades enerxéticas con renovábeis, minimizando o seu impacto ambiental e con prioridade para a xeración distribuída.
  • Unha moratoria na construción de novas autovías e autoestradas e na ampliación dos aeroportos e a aprobación dun Plan Director de Transporte e Infraestruturas que, respectando os espazos naturais máis vulnerábeis, potencie os modos de transporte sustentábeis: ferrocarril convencional, transporte marítimo, autobús, bicicleta e marcha a pé.
  • Unha aposta forte pola soberanía alimentar, estimulando a produción e o consumo locais de alimentos de agricultura ecolóxica e labrega.
  • O peche canto antes da incineradora de SOGAMA e o impulso dunha política de residuos urbanos que priorice a redución e aposte por un modelo de xestión descentralizado que cree unha rede de plantas comarcais de reciclaxe e compostaxe e desbote totalmente a incineración.
Galiza, Día da Terra 2010

Fonte: ADEGA
Detalle dunha foto de Vieiros
________

Un novo Movimento Internacional sobre o cambio climático nasceu en Bolivia. Na pequena localidaded de Tiquipaya no territorio de Cochabanba, foi asinada a Declaración "Acordo dos Pobos" sobre o "Cambio Climático e os Dereitos da Nai Terra" subscrita o Xoves 22 de Abril de 2010, logo de tres días de deliberacións na Conferencia Mundial dos Pobos.

Ártabra 21: Declaración da Conferencia Mundial sobre o Cambio Climático e os Dereitos de Nai Terra

Todo sobre o envento mundial -documentos, videos, fotos, noticias, conferencias-, na interesante web:

http://envivo.cmpcc.org.bo/
__________________

Enlaces relacionados:

Alianza Galega polo Clima

Galica Hoxe - Día da terra - Andaina en Cerceda contra a “venda do clima” e para reclamar o peche de Sogama - Os ecoloxistas pechan Meirama e Sogama e nos dous quilómetros que as separan esixen unha aposta polas renovables, un transporte limpo e un rural máis vivo.

Vieiros - ACTO SIMBÓLICO - Os ecoloxistas 'pechan' a térmica de Meirama - Representantes de diferentes colectivos participaron en Cerceda nunha xornada contra a mudanza climática.


_______________________

Informe Ramón Varela Díaz
Galiza contamina máis do que lle toca: "As grandes contaminantes na Galiza"

Análise de Ramón Varela Díaz sobre as compañías que máis gases tóxicos expulsan á atmosfera, facéndonos duplicar a media estatal de emisións por quilómetro cadrado.
[+ Info]
____________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon