venres, xuño 18, 2010

A Comisión Provisional de Control do Regulamento de Participación Cidadá somete a aprobación a normativa que regulará o seu funcionamento interno






O concelleiro Manuel Santiago presidiu o encontro deste órgano consultivo, que poderá presentar iniciativas para a súa discusión nas comisións informativa.

O Regulamento establece as súas obrigas e funcionamento, sendo os seus cometidos o control , seguimento e presentación de propostas en materia de participación cidadá.


O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, presidiu no Concello a reunión da Comisión Provisional de Control do Regulamento de Participación Cidadá na que se aprobou o regulamento de funcionamento interno da dita comisión, un órgano transitorio e provisional ata a constitución do Consello da Veciñanza e posterior elección polo mesmo da Comisión Permanente para o control e seguimento dos procesos participativos.

Esta Comisión, integrada por 12 membros, na meirande parte por representantes sociais e veciñais do antigo Grupo de Análise e Propostas (GAP), é o órgano impulsor do Regualmento de Participación Cidadá e realizará funcións de control e seguemento, estudo, proposta e suxestións en materia de participación cidadá.

Así mesmo, terá como cometido activar, seguir e avaliar o desenvolvemento de obxectivos, liñas e actuacións recollidas e programadas desde o departamento de Participación Cidadá, como son os plans de accións ou cronogramas de actuación.

O regulamento aprobado recolle as funcións, facultades, integrantes e funcionamento desta Comisión Provisional de Control. Neste senso, o concelleiro Manuel Santiago explicou que esta se constituirá como un foro de debate e canle de participación e enlace coa cidadanía e tecido asociativo en materia de participación cidadá e poderá presentar iniciativas e suxestións para a súa discusión nas comisións informativas correspondentes.

Tamén colaborará e asesorá na elaboración de programas e proxectos da actuación municipal dentro da súa área, discutirá o programa anual de actuación e o orzamento na materia que lle corresponde presentando unha proposta de orzamento anual ao departamento de Participación Cidadá e establecerá canles de relación coas entidades cidadás, plataformas, organizacións e axentes sociais.

No só iso, tamén fomentará a consolidación de procesos participativos do Concello e promoverá os procesos de participación cidadá no seo das entidades cidadás e nos barrios.

A dita Comisión provisional en pleno reunirase, en sesión ordinaria, alomenos unha vez cada trimestre e con carácter extraordinario cando así o solicite a maioría absoluta dos membros.

Os acordos adoptaranse por maioría simple dos membros presentes e para que sexa válida a celebración das sesións, deliberacións e toma de acordos requerirase a presenza da metade dos membros da comisión.

Por outra banda, e para executar o seu labor, a Comisión poderá constituír grupos de traballo abertos nos que participen outros cidadáns e cidadás, persoal experto, entidades cidadás e axentes sociais. Crearanse para o estudo de temas puntuais e concretos relativos á posta en marcha do Regulamento de Participación Cidadá.

Os ditames da Comisión, ao ter esta un carácter consultivo e de control, terán unha importancia singular constituíndo directrices, co rando de recomendacións para os órganos de goberno municipais e órganos de participación.

Finalmente, o edil Manuel Santiago explicou que para o cumprimento dos seus fins e obxectivos, a Comisión Provisional servirase dos medios persoais e materiais do Concello de Ferrol.

O dito regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación definitiva no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Na reunión abordouse así mesmo a proposta do fórumcidadán, un espazo ao que se destinará un dos edificios da superficie da superficie da Praza de España.

Este será un punto central para a participación cidadá, unha plataforma de información sobre a cidade, sobre as actividades de entidades sociais e sobre o Concello, acollendo tertulias, exposicións, concertos, teatro infantil ou comparencias do alcalde, Vicente Irisarri, e dos concelleiros.

ferrol.es

Xoves, 10 de xuño de 2010
--
comision.gap@gmail.com

www.participacion-ferrol.blogspot.com

Enviado por:

Comision veciñal
-comision.gap@gmail.com-
18 de junho de 2010 00:17
________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon