mércores, xuño 16, 2010

Defendendo o Galego nos centros de ensino -Carta e Vídeo-

O Colectivo Sociocultural "A Revolta de Trasancos" que formamos parte da "Plataforma Cidadá Queremos Galego", manifestamos o nosso apoio à campanha que esta Platorma está desenvolvendo nos centros de ensino. Pois estes dias as nais e pais estám chamados a cubrir um tramposo formulário que suporá a morte do Galego no Ensino Infantil, em aplicaçom do "Decretaço contra o Galego no Ensino", mal chamado Decreto para o Plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, aprovado pola Xunta de Galicia desoindo e contra a opiniom quase unánime do conjunto da comunidade educativa e cultural da Galiza [sindicatos, organizaçons estudantís, associaçons de nais e pais, instituiçons culturais como a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, e mesmo contra o ditame jurídico do Consello Consultivo de Galicia].

A Revolta de Trasancos

Plataforma Cidadá Queremos Galego
Rúa do Vilar, 15 - 1º dereita Santiago de Compostela
Tel. 981 563 885 - Fax. 981 583 782
queremosgalego@acogalo.net
www.queremosgalego.org


Ao Coidado da ANPA DO CENTRO

ESCRITO PARA ENTREGAR COMO NAI/PAI/TITOR-A DUN NENO OU DUNHA NENA NA EDUCACIÓN INFANTIL, PARA GARANTIR O DEREITO Á EDUCACIÓN EN GALEGO

A Xunta aprobou, a pesar do rexeitamento da comunidade educativa, un novo decreto que, entre outros problemas, non garante que un neno ou unha nena poida recibir ningún ensino en galego na etapa de infantil.

Esta norma foi promulgada de forma unilateral, sen ter en conta a opinión de sindicatos, organizacións estudantís, asociacións de nais e pais, institucións culturais como a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, ou un informe de altísimo nivel xurídico do Consello Consultivo. Este último organismo advertiu á Xunta de que este decreto conculca dereitos na educación infantil.

Que un neno ou unha nena poida recibir ningún ensino na lingua propia até que faga os seis anos de idade é unha situación que non se produce en ningunha outra comunidade do Estado español e que leva o galego a unha situación preautonómica, alén de conculcar o dereito a un ensino igualitario e de calidade.

Por iso, desde Queremos Galego animamos a todas as nais, pais ou titoras e titores de nenas e nenos na etapa de educación infantil a que cubran o seguinte formulario e o remita ao enderezo da nosa plataforma cívica: Queremos Galego, Rúa do Vilar, 15 – 1º dereita, 15705 Santiago de Compostela.

Desde Queremos Galego entregaremos todos os escritos (que serán compilados de acordo coa Lei de protección de datos) no rexistro da Xunta, dirixidos ao Conselleiro de Educación, e achegarémoslle tamén as copias correspondentes a cada centro de ensino á dirección do mesmo, para que teñan constancia.

Este documento está pensado para todas as familias que, falen galego ou castelán, desexen que o seu fillo ou a súa filla teña as garantías para unha educación en galego. Subliñamos isto porque o actual decreto non só dificulta que unha familia falante de galego poida ter ensino neste idioma para o seu fillo/a, senón que imposibilita que un neno dunha familia falante de castelán poida adquirir competencias comunicativas en galego.

Ademais pedimos a todas as nais e pais que respondan á pregunta formulada pola Consellaría de Educación: EN GALEGO. A pregunta está formulada de tal xeito que non se quere ter en conta en que lingua se quere escolarizar ás fillas e fillos, senón en que lingua falan as nais e pais.

O escrito tamén se pode descargar: nos doc-google de "Queremos Galego"



Xunta de Galicia, á atención do Conselleiro de Educación

Dona/Don ....................................... ,

nai/pai/titor-a de ..............................,

alumna/o do curso ......... ,

no centro ........................................ ,

con enderezo a efectos de notificación en ................. .

Comunícolle a miña solicitude para que se me comuniquen as medidas pedagóxicas que se van adoptar para que a miña filla / o meu fillo aprenda en galego, reforzando e afianzando o noso idioma propio.

A escola segue a ser unha institución fortemente castelanizante e a experiencia indica que, sen unha atención específica, as nenas e nenos falantes de galego perden o seu idioma, mesturándoo caoticamente nun xeito de castrapo que afecta gravemente á fixación da lingua. O resultado é que a nena ou o neno infravalora o seu idioma e acaba por abandonalo.

Pola súa banda, todos os estudos oficiais demostran que os nenos que entran na escola falando castelán non conseguen as competencias comunicativas en galego, pois a lingua propia continúa a estar desfavorecida a nivel social. Se xa antes existía este problema, co decreto 79/2010, esta situación agrávase, pois non se ofrecen as garantías para unha docencia mínima na lingua propia da nosa sociedade.

A Lei de normalización lingüística, que desenvolve o artigo 5 do Estatuto de Autonomía, sinala que o galego é tamén lingua oficial do ensino en todos os tramos educativos (art. 12) e que as autoridades arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego (art. 13). Ademais, a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, ratificada polo Estado en 2001 e que forma parte do noso ordenamento xurídico constitucional, sinala no seu artigo 8 que os poderes públicos deben promover un modelo educativo con garantías para a lingua propia. Así mesmo, aínda que o decreto 79/2010 vulnera o dereito a unha formación escolar en galego, conculcando así dereitos lingüísticos individuais e colectivos, sinala no seu artigo 5 que se “procurará” que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento das dúas linguas oficiais, mais sen determinar como.

Por todo isto, SOLICITO:

1. Que se me informe por escrito das medidas pedagóxicas que se van adoptar para que a miña filla / o meu fillo aprenda en galego, reforzando e afianzando o noso idioma propio.

2. Que se me garanta o dereito a dispor dun ensino en galego na etapa educación infantil, de acordo coa art. .8.1.a.i da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias e co disposto no art. 13.1 da Lei de normalización lingüística.

3. Que se me informe das medidas concretas de atendemento individualizado que a miña filla / o meu fillo vai recibir en lingua galega, de acordo co que o artigo 5.3 do decreto 79/2010 estipula.

Non reclamo estas medidas exclusivamente en beneficio da miña filla / do meu fillo. Teño en consideración que a lingua galega é patrimonio de todas e todos e, por tanto, tamén dos seus compañeiros e do profesorado. O esforzo especial que se faga desde a escola en favor da nosa lingua propia perseguirá un beneficio colectivo e non individual.

Atentamente. Asdo.



Queremos Galego chama a nais, pais e familias á “rebelión cívica” contra a “pregunta trampeada” sobre a lingua no proceso de matriculación en infantil

Carlos Callón: “É indecente que o presidente da Xunta malgaste 5 millóns de euros de todas e todos en atacar o galego

A plataforma cidadá pide responder “galego” á pregunta introducida no sobre de matrícula “como única vía de non facer desaparecer o idioma propio das aulas desta etapa




Enviado por:
A Revolta de Trasancos
-a.revolta.de.trasancos@gmail.com-
16 de junho de 2010 09:10
http://a-revolta-de-trasancos.blogspot.com/
_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon