O insaciable "Deus Mercado" pide máis sacrificios humanos aos gobernos europeos, estes, sen cuestionar-se nada, tanto dá que sexan socialdemócratas ou populistas de dereita, deciden, seguindo ordes de quen provocou a crise, que o cinto ten que apreta-lo a Clase Traballadora.
Os Gobernos europeos, seguindo directrices do FMI, Banco Central Europeo, Axencias Certificadoras da fiabilidade económica dos diferentes países, e outras lerias neoliberais, que non elexiu ninguén, e que non se poden controlar democráticamente, ditan decretos restritivos de dereitos contra a Clase Traballadora: millóns de persoas van sufrir recortes salariais, conxelacións das pensións, merma dos servizos e prestacións públicas, e desemprego.
Diante desta situación os sindicatos da Función Pública estan-se mobilizando e chaman a secundar a Folga Xeral en toda a Administración Pública, para este Martes 8 de Xuño de 2010. Mágoa que non haxa unidade sindical nas mobilizacións, o resultado da Folga sería moito mellor, cando os obxectivos son os mesmos:
- Non aos recortes salariais.
- Na defensa do emprego e dos Servizos Públicos.
- Que a crise a pague o Capital.
Os gobernos europeos, entre eles o español, aplican medidas que supoñen recortes laborais e sociais de embergadura. Estas medidas son inxustas e innecesarias e serán ineficaces para os obxectivos que se din perseguir.
Se queren reducir o déficit público hai outras medidas, unhas de menos gasto e outras de máis ingresos:
- A anulación do Plus dos Altos Cargos, un privilexio denunciado mil e unha vez.
- Abordar unha reforma fiscal ou artellar mecanismos administrativos para acabar co fraude fiscal e a economía somerxida.
- Reformar a estrutura administrativa do Estado eliminando as deputacións provinciais. Institucións obsoletas que só serven para aumentar o gasto público e nas que as maiorías partidarias exerce abertamente o caciquismo e amiguismo político.
- Recuperar o imposto de patrimonio e aumentar os impostos de transmisións e doazóns, e o de sociedades. Non como fixo o goberno en complicidade coa dereita populista, que eliminou o primeiro e os outros reduciunos.
- Limitar por lei os insultantes salarios, pensións e comisións dos executivos das grandes empresas e bancos.
- Deixar de participar na guerra de Afganistán. Non aos gastos militares.
- Supresión do réxime especial que bonifica nun 99% os beneficios das Sociedade de Inversión de Capital Variable (SICAV)[*].
- Eliminación do Senado, baleiro de funcións reais. Facer o mesmo coa Casa Real.
- E moitas máis, que aumenten o capítulo de ingresos do estado, para poder aumentar o gasto social e reducir a débida pública. Que pasa con todas as empresas enerxeticas e de telecomunicacións que antes eran públicas e revertian os seus benefícios nas arcas do estado e agora están nas maos dos grandes imperios financieiros?
Ainda que se está negociando o facer piquetes conxuntos e unha só manifestación, polo de agora o asunto está así.
En Ferrol haberá dúas manifestacións:
- CIG | Ferrol. Saída: ás 12 do mediodía desde Esteiro - Esquina Avda de Esteiro - Rúa Eduardo Pondal [Local CIG].
- UGT-CCOO-CSIF | Ferrol. Saída: 12 do mediodía desde a Praza Amada García diante do Edificio Administrativo da Xunta. Remata na Praza de Armas.
Centrais Sindicais na Galiza:
- Central Obreira Galega - COG
- Confederación Galaica da - CNT/AIT
- Confederación Intersindical Galega - CIG
- Confederación Unitaria de Traballadores - CUT
- Confederación Xeral do Traballo en Galicia - CGT
- Sindicato Nacional de CCOO de Galicia - CCOO
- Unión Xeral de Traballadores en Galicia - UGT
- Unión Sindical de Traballadores Galegos - USTG
- Federación Sindical Mundial - FSM
- Confederación Sindical Internacional - CSI
- Asociación Internacional dos Traballadores - AIT
________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon