venres, outubro 15, 2010

Audio e repotaxe fotográfica da Conferencia que "O Capitâo de Avril”, Otelo Saraiva de Carvalho, deu en Ferrol o pasado 8 de Outubro - Artigo de Xosé María Dobarro Paz

O pasado Venres 8 de Outubro de 2010, tivo lugar en Ferrol unha conferencia "A Revolución dos Cravos en primeira persoa" de Otelo Saraiva de Carvalho, organizada pola Asociación Cultural Lefre de Caldereta de Ferrol. Otelo Saraiva de Carvalho, "O Capitâo de Avril”, era o responsábel da comisión coordinadora do MFA, e foi el, quen dirixiu o movimento das tropas que acabaron coa ditadura en Portugal en 1974. O interesante acto realizou-se no Salón de actos que Fundación Caixa Galicia ten no Cantón de Ferrol, presentado por Bernardo Maiz Vázquez e Xosé Mª Dobarro Paz, ademáis de Manuel Alonso Varela "Manolo Bacallau", acto que tamén foi acompañado coa voz de María Manuela e a música de Xurxo Varela.

Lefre de Caldereta enviou-nos un audio que foi publicado no xornal dixital "Diario Liberdade" a reportaxe fotográfica é de Suso Pazos da AC Fuco Buxán.




Reportaxe Fotográfica:


Asociación Cultural Lefre de Caldereta
www.lefredecaldereta.com
lefre@lefredecaldereta.com



Información baseada na enviada por:

Lefre de Caldereta - Asociación Cultural
-lefre@lefredecaldereta.com-
15 de outubro de 2010 10:24
____________________

Enlace relacionado:

Ártabra 21: A Revolución dos Cravos en primeira persoa: Conferencia de Otelo Saraiva de Carvalho en Ferrol - Venres 8 de Outubro
__________________________

Cravos

Por Xosé María Dobarro Paz [*]
10.10.2010


Hai uns días, nesta quinta feira (xoves) pasada cumprín a sexta década da miña vida. Os azares da vida trouxéronme un inmenso regalo, poder compartir mesa e mantel –para só catro persoas– cun dos vultos –que din os portugueses– máis interesantes que deu a política mundial no século XX: Otelo Saraiva de Carvalho. Ó seu carón a muller que practicamente coñece de toda a vida: María Dina.
O cuarto comensal era Manolo Bacallao, lider incombustible da Asociación Cultural Lefre de Caldereta, organizadora dos actos arredor da persoa que meticulosamente organizou o “25 de Avril”, a “Revolução dos cravos” para botar abaixo a xa moi lonxincua ditadura portuguesa: o salazarismo, o caetanismo ... Evidentemente, non foi el só quen conseguiu esa xesta incruenta, única no mundo. Saraiva de Carvalho poderá ter moitos defectos –como temos todos os humanos–, mais o que non ten en absoluto é o do divismo. É por isto que, cando relata esa historia, fala de moita outra xente que ficou nun plano menor. A vida é así.

Aínda que nunca tiven –que saiba– parentes moi directos militares, a miña condición de nado e criado en Ferrol levoume, inexorablemente, a compartir mil vidas con xente relacionada con esa profesión. E coñezo de todo, como tamén sucede na miña de profesor. As miñas experiencias no exército –fun sarxento de milicias en vida de Franco– non foron especialmente gratas. En varias ocasións vía como me ían largar de alí pouco menos que condenado a galeras. A sorte e a habilidade dialéctica impediuno. E, como xa dixen, había de todo. Pola Academia de Infantería toledana, onde estiven catro meses de su-boficial, andaban oficiais profesionais que acabarían sendo detidos por formaren parte da Unión Democrática Militar. Lembro un par deles.

Daquela xa tivera lugar a “Revolução dos cravos” e o franquismo seguía nas súas. Como dixen antonte, na miña breve intervención na sede de Caixa Galicia, recordo, se como fose de hai catro días, un episodio acontecido en Ribeira poucas semanas despois da caída da ditadura en Portugal. Tivo lugar mentres se toma un algo antes dun xantar de voda.

O meu amigo de toda a vida Vicente Araguas e máis eu estabamos conversando e, por un casual, aparece por alí un seu tío –acho que nesa altura tenente coronel artilleiro, o mesmo corpo que Saraiva de Carvalho– e este sóltalle con toda a naturalidade do mundo algo así como: “A ver se seguimos o exemplo portugués”. Non sei se polo fragor da batalla (unha festa, uns viños, certo barullo ...) ou pola sorpresa o artilleiro ferrolán non respondeu. Fíxolle graza.
Fóra dos actos, falando con Saraiva de Carvalho descubrín que hai militares excepcionais. El é un paradigma. A súa muller, que o coñecía antes, manifestou que non gustara da súa decisión de seguir esa carreira. Mais que o asumira e acabara casando con el. E aí seguen felices xuntos. E agardemos que por moitos anos e con tanta lucidez.

Escoitar a un militar de carreira –aínda que xa lle tiñamos lidas moitas cousas– contar con tanta precisión, con tanto distanciamento (poderiamos dicir obxectividade), a historia dun proceso tan limpo e impresionante é un luxo.
E Lefre de Caldereta é o que nos brindou este inmenso pracer. Parabéns.

[*] Xosé María Dobarro Paz (Ferrol, 1950), é catedrático de Lingua e Literatura Galega na Universidade da Coruña.

Artigo publicado no "Diario de Ferrol"
_____________________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon