martes, outubro 26, 2010

Fundamentos e motivos que levaron, á Delegación de Ferrol da SGHN, a desvincularse do Manifesto dado a coñecer recentemente sobre o carbón e as térmicas por parte dun importante número de entidades ecoloxista

O pasado 17 de Outubro, Ártabra 21 publicou un recopilatorio comentado do posicionamento histórico sobre as centrais térmicas que queiman carbón que fixeron público un sector importante das organizacións ecoloxistas deste País, cun manifesto que denominaron “Dez razóns para pechar as térmicas de carbón”, tamén publicamos o posicionamento de ADEGA e o posicionamento particular da delegación comarcal da SGHN que se desvinculaba do manifesto de "Dez razóns ...". Agora esta Delegación de Ferrol quere facer público para fundamentar os motivos que a levaron a desvincular-se do Manifesto dado a coñecer recentemente sobre o carbón e as térmicas. Posicionamento que transcribimos a continuación.

Con respecto da polémica creada pola aprobación do chamado decreto do carbón, a Delegación de Ferrol da SGHN quere dar a coñecer a argumentación na que se basea a nosa postura.

Se o Estado Español quixese regular, e cremos que debera, o mercado (enerxético) en base á seguridade de garantía de subministración, tería que facelo empregando enerxías primarias renovables. Segundo datos aportados por Greenpeace, son as materias primas enerxéticas nas que o Estado Español é rico, e sería posible a curto-medio prazo acadar o obxectivo do subministro eléctrico baseado nas renovables.

Isto debera facerse no contexto dunha planificación a nivel estatal de cara a acadar o obxectivo do abastecemento enerxético a partir de renovables a curto-medio prazo de xeito progresivo.

Pola contra, o Decreto que se presenta provoca o efecto contrario ao desexado, chegando incluso a frear a tendencia das renovables e o gas a desprazar o carbón (autóctono ou importado). Precisamente é este o motivo que impulsa ao goberno español a protexer o carbón autóctono, xa que as nove empresas que vai reactivar estaban practicamente paralizadas pola competencia das renovables e máis do gas.

É absurdo utilizar o argumento de “interese estratéxico e garantía de subministro” desta materia prima, por que inicialmente este obxectivo tería que servir para subministrar a materia prima no momento que se necesita, ou sexa, nas circunstancias nas que non haxa abastecemento por outros medios. Polo tanto, carece de lóxica facer uso desas reservas no momento actual en que non hai problema ningún de subministración de materias primas.

O auténtico motivo sería librarse dos excedentes de carbón que non poden ser absorbidos polos produtores de enerxía. A forte redución da demanda de carbón autóctono débese, entre outras cousas, á importante contracción da demanda de electricidade e ao desenvolvemento doutras tecnoloxías de produción, sobre toda as renovables.

Pódese entón falar dunha decisión política encamiñada a favorecer un sector produtivo concreto. Serían decisións políticas que non teñen nada que ver coas motivacións que se declaran, que non teñen en conta o que van significar as axudas ao carbón autóctono en canto ao aumento de emisións de CO2, xa que a adxudicación no uso do carbón autóctono nunha porcentaxe do 15% da cantidade total de enerxía primaria significaría a substitución nalgunhas horas cada día dos ciclos combinados polo carbón autóctono.

Así se recolle no INFORME 29/2009 DE LA CNE SOBRE LA PROPUESTA DE REAL DECRETO POR EL QUE SE CREA EL PROCEDIMIENTO DE RESOLUCIÓN DE RESTRICCIONES POR GARANTÍA DE SUMINISTRO:

5.2 Impacto en el nivel de funcionamiento de las tecnologías

(…) De acuerdo con el balance eléctrico registrado en 2008 y el previsto de cierre de 2009, y teniendo en cuenta una relación de orden de mérito de carbón y del ciclo combinado en línea con la registrada en 2009, la producción esperada de carbón importado podría situarse en el entorno de los 25 TWh en 2010. De estos, unos 4,3 TWh tienen que resultar despachados necesariamente para resolver restricciones técnicas en la red3, por lo que el número de horas en las que sería necesario retirar ciclos combinados para incorporar la producción de 27 TWh de centrales de carbón autóctono podría ser significativo. (…)

Ademais, e segundo o mesmo organismo, “A rixidez do sistema impedirá en moitas horas do día a entrada das renovables”, considerando que aumentarán as emisións de CO2 como mínimo un 20%.

As modificacións que no sector da enerxía se van producir, como consecuencia da posta en marcha da nova normativa, pode determinar unha desestabilización no mercado do gas, introducindo cambios non desexados. A baixada da demanda vai producir unha alza nos prezos do gas, facéndoo menos competitivo con respecto a outras fontes de enerxía. Isto pode rebaixar a porcentaxe de utilización de gas para xerar electricidade, que na actualidade é de 24% fronte ao 13% do carbón autóctono ou importado e o 35% de enerxías renovables.

Por último, non debemos esquecer o que esta medida suporía no aumento de emisións de SO2 e NOx, mesmo fronte ás emisións de carbón importado, e non digamos fronte ao gas e as renovables.

As consecuencias destas medidas danarían enormemente ás economías das comarcas afectadas. Así, desprazarase a produción dunhas centrais a outras, e sen dar alternativas á problemática laboral que se orixina. Todo isto sen obter a cambio o beneficio da redución das emisión do sector, máis ben ao contrario, e sempre que sexan desprazadas as industrias con centrais con ciclo combinado ou renovables, significará un aumento das emisión de SO2, NOx e CO2, hipotecando o futuro, xa que a regulación na forma en que se articula no decreto provocará a ralentización do proceso cara a eliminación da produción de enerxía eléctrica a base de combustibles fósiles.

As empresas multinacionais que operan no sector pouco van sufrir estas medidas, xa que as que resulten desprazadas recibirán unha compensación económica en concepto de lucro cesante, calculado restando ao prezo de mercado o custe dos combustibles e dos dereitos de emisión de CO2.

Cremos imprescindible conxugar as nosas análises, baseadas na protección ambiental, con outros criterios centrados nos intereses sociais, sempre que isto sexa posible. Para elo faise tamén necesario un compromiso dos distintos sectores sociais cos intereses medio ambientais, xa que todos e todas navegamos no mesmo barco e xa chegou o tempo de conseguir esta harmonización. Non queda outra!

Sociedade Galega de Historia Natural
Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o medio natural galego
Delegación de Ferrol
Apartado de Correos n1 356 ; 15480 FERROL (A Coruña)
Tfno. (24 horas) e fax 981 35 28 20
mobil 616 388 935
web: http://www.sghn.org
correo-e: sghnferrol@terra.es
Blog da Delegación de Ferrol:
http://sghnferrol.blogspot.com

________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon