martes, novembro 16, 2010

A extrema dereita que vén

Por Miguel Anxo Fernán Vello [*]
12.11.2010

Estamos a asistir, como é ben notorio, a un crecemento -escura mancha de aceite que se estende- da extrema dereita en Europa e, en xeral -véxase o caso particular dos EE UU-, en todo o espazo político occidental. Asombra, por exemplo, comprobarmos como un partido de extrema dereita con claras adherencias neonazis obtén 20 escanos no parlamento de Suecia, país este emblemático como modelo de democracia con calidade social, e non deixa de abraiar en certa maneira tamén o feito de que o partido de extrema dereita húngaro Jobbik teña unha representación de 26 deputados. Esta formación política húngara, que colleita votos nas zonas obreiras máis deprimidas do país, declárase publicamente antisemita e define a minoría xitana (arredor do 6% da poboación) como "etnia criminal". Xa me dirán vostedes. A extrema dereita neofascista medra visibelmente tamén en Italia (8,3%), Francia (11,9%), Noruega (22,9%), Dinamarca (13,9%), Suíza (28,9%), Austria (28,2%), Bulgaria (9,4%) e Holanda (15,5%), entre outros países, e ten presenza na actualidade en 13 parlamentos europeos. Digámolo doutra maneira: a extrema dereita neofascista europea obtivo en 8 países da UE o mellor resultado dende a II Guerra Mundial, ao mesmo tempo que a dereita tradicional consolida á alza as súas posicións e a socialdemocracia retrocede en apoio popular. Como di Sami Naïr, catedrático na Universidade de París VIII, "estamos sobre un campo de ruínas e a esquerda está completamente desorientada, o que abre a vía para as aventuras e calquera demagogo pode aproveitarse da situación". E así acontece. Ou dito con absoluta contundencia, gravidade e ollándomos cara á historia: a ausencia de política de esquerda nun contexto de crise leva ao apoxeo da extrema dereita. E son responsábeis aquí, en primeira instancia, aqueles gobernos socialdemócratas que abrazaron políticas económicas neoliberais. Como en Hungría: o Partido Socialista Húngaro pasou do 43,2% ao 19,3. Recortou o gasto público e ligou co FMI. E así lle foi. A esquerda en Babia.

Publicado en Caderno Aberto - Galicia Hoxe

[*] Miguel Anxo Fernán Vello, Cospeito en 1958, é un escritor e editor galego
___________________________________

1 comentarios so far

Estimado Anxo, coincido co que dis, mais como? resolves esta situación. Na Galiza non hai xeito. O BNG non responde. Algún intento, de organizar outra forza, quedou en nada. E agora no asunto este da refundación da esquerda, non creio que respecten, o principio de autorganización política, nin o derito de autodeterminación nacional.

Antón do Roxal


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon