Publicamos dous interesantes artigos do Catedrático de Economía Aplicada da UDSC, Xavier Vence. O investigador, escritor e analista político, Xavier Venze, aborda unha pequena análise dos orzamentos 2011 da Xunta de Galicia.
Feijóo, concesiones y contratas
Por Xavier Vence Deza [*]
24.10.2010
Os orzamentos da Xunta para 2011 consagran unha reducción da iniciativa pública dun 10,6%, ao redor de 1.120 millóns de euros menos –sen ter en conta a inflación. O retroceso é xeneralizado pero alcanza proporcións dramáticas nas consellerías que teñen que ver coa economía produtiva: cae un 34% en Economía e Industria; un 21% en Medio Rural; un 18% en Mar e un 33% Medio ambiente, territorio e infraestruturas. Educación, I+D+i e Sanidade experimentan recortes que están entre o 5-7%, que debido ao seu peso absoluto concentran grande parte da merma e, por outra parte, debido ao tipo de gasto que executan verán seriamente afectada a súa dotación de persoal e, polo tanto, na calidade dos servizos que prestan.
A Xunta e os seus múltiples valedores mediáticos dinnos que non cabe outra. Hai que reducir o déficit custe o que custe, aínda que este estea nun razoable 2,7% do PIB. Que hai reduccións de gasto que poderían realizarse sen que o benestar e o dinamismo económico se resentisen é algo que calquera estará disposto a admitir –sobre todo á vista de certas obras e gasto suntuario de dubidosa utilidade social– pero tamén haberá que admitir que as reduccións que se están a practicar en Galiza e no Estado español prodúcense nun contexto de alto paro e atonía da demanda que non aconsellan recortar gasto e, ademais, pola súa contía e tipo de servizos afectados van provocar un retroceso notable tanto no benestar coma na creación de recursos para impulsar actividades de futuro. Ninguén nos vai regalar a ciencia, os coñecementos e os equipamentos para participar nas actividades que xiran arredor do novo paradigma tecnolóxico que está a emerxer ao noso redor.
Nin a máis tépeda venda podería ocultar que o acento na reducción do gasto deriva da negativa dos financeiros e rendistas a falar dos impostos, é dicir, introducir ou simplemente recuperar impostos a aqueles grupos sociais que teñen capacidade de pago real e que nas últimas décadas conseguiron un réxime fiscal absolutamente privilexiado. Tan privilexiado como irresponsábel, por ter orientado a asignación de recursos cara as actividades máis lucrativas no curto prazo e con mellor trato fiscal: as financeiras e especulativas. Por iso é unha irresponsabilidade meter a tesoira en capítulos de gasto sen antes falar en serio dos ingresos e sen antes demostrar que todos ese gastos son prescindíbeis e non van ter efectos irreparábeis de cara ao futuro.
Pero a irresponsabilidade agrávase cando, por non querer gravar máis ás fortunas e negocios financeiro-especulativos, se propón suplir a falta de recursos públicos abríndolle as portas á participación do capital privado (504 millóns de euros), que se asegura por esa vía obras, concesións e rendas durante trinta anos. É unha inmoralidade que os gardiáns do déficit e da débeda pública sexan os mesmos que propoñen un mecanismo que incrementa os custes para a facenda pública e crea unha bola de débeda que todos haberemos de ir pagando ao longo de tres décadas. É difícil entender porque o déficit orzamentario é pecado e a débeda extraorzamentaria é fetén. A razón é clara: é un ilusionismo monetario que crea un fabuloso e seguro negocio para o capital financeiro durante trinta anos. É unha das vías a través da que o capital financeiro está tentando unha fuga cara adiante, derivando cada vez máis claramente nun modelo de “capitalismo rendista” –á moda do Antigo Réxime–, onde os pagadores de renda seremos todos os contribuíntes presentes e futuros.
En definitiva, estes orzamentos traducen en cifras unha política que renuncia a usar as pancas do autogoberno para afrontar a crise e liderar con iniciativa e estratexia un futuro para o país. Parece que Feijóo tomou ao pé da letra aquela vella consigna do liberalismo “laissez faire, laissez passer”. Pero “passa” tanto que a súa (in)acción de goberno produce unha estraña sensación onde se mestura a falta de iniciativa e falta de interese, coma se se tratara dun goberno con autoconciencia de estar de sobra. Mesmo parece entender que o orzamento non está tanto para prestar servizos públicos como para dar negocio á empresa privada. Sobre todo se forma parte do conglomerado no que funden os intereses privados, o poder e a acción política, a patria dos sacrificados apóstolos do partenariado público-privado.
xabier.vence@usc.es
Publicado no Xornal de Galicia
A I+D nas contas de Feijóo
Por Xavier Vence Deza [*]
29.10.2010
Posiblemente a cidadanía non alcance aínda a percibir en toda a súa magnitude o alcance dos efectos que os orzamentos da Xunta para 2011 van ter nas súas vidas e na marcha da nosa economía. Diría máis, vendo o grao de descoñecemento evidenciado por Feijóo no debate parlamentar cabe dubidar que el mesmo sexa moi consciente das consecuencias do que está a presentar. Unhas reducións de máis de 1.120 millóns de euros concentradas nas consellerías máis importantes van ter efectos devastadores sobre servizos públicos esenciais como a sanidade e nalgunhas actividades estratéxicas como a educación ou a investigación, a innovación ou o apoio a sectores produtivos en xeral. Para maior preocupación cómpre advertir que, á vista dalgúns capítulos de ingresos ficticios que aparecen pintados nos orzamentos e que de seguro non se materializarán, cabe agardar reaxustes sobre a marcha que levarán a que a redución real acabe sendo bastante superior ao 10,8% agora anunciado.
Pola súa importancia estratéxica merece a pena pararse no relativo á investigación e a innovación. Nesta materia as reducións alcanzan o 20%, baixando desde uns 154 millóns de euros en 2010 a 112 millóns para o ano vindeiro. É unha queda que se acumula aos recortes xa introducidos no presente ano e á non execución dunha parte dos programas de recursos humanos. Acentúanse, pois, os recortes nos programas de bolsas e contratos para persoal investigador e consolídase a supresión das convocatorias de persoal de apoio, mantendo tan só as renovacións obrigadas por compromisos anteriores. Con toda razón empezan a manifestar o seu desacougo todas esas categorías de xoves investigadores que non só son “precarios” hoxe senón que o seu futuro inmediato está seriamente ameazado e, polo tanto, a súa carreira como investigadores ou como técnicos truncada. Terán difícil explicarlles a situación a todos eses mozos e mozas que tomaron a serio o discurso oficial de que o futuro está na economía baseada no coñecemento.
Nestes dous anos volveuse aceleradamente á situación anterior á chegada do bipartito. Na lexislatura 2005-2009, o esforzo público en I+D pasara de representar o 0,94% do orzamento autonómico a un 1,4% e incluíndo o apoio á innovación acadara o 1,6%. Non colmaba os obxectivos pero foi un salto notable. Agora volta a un 1,2%. Isto significa que cae en maior proporción que o orzamento total, evidenciando unha menor prioridade para o actual goberno.
Esta opción ralentizadora pode constituír unha ameaza para a consolidación dos avances realizados e aboca ao sistema galego de innovación a unha seria crise. Con todo, esta crise non se limita ao volume de recursos senón tamén á alteración das prioridades e á continuidade dos instrumentos utilizados, en particular os relativos a estruturación e coordinación dos elementos do sistema de innovación.
Para comezar, desmantelouse a estrutura de xestión do Plan de I+D+i, despedindo aos mellores profesionais que tiñan experiencia acumulada; para seguir, continuamos á espera do novo Plan de I+D+i que ha remprazar o actual, cuxa vixencia remata. Iso si sabemos que para a súa redacción foi contratada recentemente unha asistencia técnica a unha consultora sen experiencia que acaba subcontratando o labor a unha equipa catalá. Con eses vimbios e con ese coñecemento das capacidades do noso sistema de I+D só cabe encomendarse ao noso apóstolo milagreiro para que aforre tales irresponsabilidades, pagadas do noso peto.
Todo ese desleixo esta levando, por exemplo, a un baixísimo aproveitamento e participación no Fondo Tecnolóxico aprobado pola UE para as rexións españolas de converxencia (300 millóns) que ven xestionando o CDTI: desde o seu inicio até abril de 2010 apenas foron financiados 52 proxectos empresariais de I+D, cunha aportación de 35,5 millóns de euros por parte do Fondo.
En fin, parece que o goberno Feijóo non está especialmente inspirado na forma de abordar a crise actual; tampouco parece que os seus desvelos estean centrados en identificar os retos que nos plantexa e o tipo de políticas públicas estratéxicas acaídas para superalos.
Como amosa a experiencia pasada e a comparación con outros países, o futuro non está na degradación das condicións de vida e de traballo para que as empresas máis ineficientes recuperen unha competitividade efémera. As bases dunha economía realmente innovadora non se sentan racaneando recursos para a educación e a investigación, imprescindíbeis para poder contar con recursos altamente cualificados, dos que non estamos sobrados. O que algúns gobernantes parecen non entender é que tanto na ciencia como na innovación non se producen saltos dun ano para outro. Os cambios son evolutivos e acumulativos; máis aínda, para consolidalos requírese certa perseveranza nos obxectivos e continuidade nos instrumentos. Porén, nos dous últimos exercicios rompeuse unha senda de avance e os orzamentos para o ano que vén non permiten albiscar unha reconsideración desa liña senón máis ben a confirmación dunha brusca freada.
Como son optimista quero pensar que a maioría desta sociedade xa non se conforma coa política de Q+D (que máis da).
Outros artigos en xornal.com
[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ... .
____________________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon