domingo, decembro 12, 2010

Desde o pasado 3 deste mes de Decembro, esta-se realizando en Compostela o Fórum 2010, un grande contedor de eventos e actividades a nível mundial que xiran ao redor da Cultura da Paz


O Fórum 2010 esta-se celebrando en Santiago de Compostela, capital da Galiza, desde o 3 até o 30 de Decembro, baixo este evento que leva o nome xenérico de "Fórum 2010 Compostela" desenvolve-se un Foro Mundial de Educación temático, tres congresos académicos, xuntanzas de alto nivel de Nacións Unidas e actividades artísticas e culturais.

O Fórum 2010 é unha iniciativa promovida orixinalmente polo Seminario Galego de Educación para a Paz e pola Fundación Cultura de Paz e conta, desde o seu inicio, co apoio de distintas organizacións sociais, institucións públicas e privadas, así como do Consello Internacional do Foro Mundial de Educación.

Desde a súa inauguración o pasado 3 de Decembro, levan-se realizando importantes encontros e actividades:

Entre o 4 e 6 de Decembro tiveron lugar "Xuntanzas de Alto Nivel de Nacións Unidas". Membros do Grupo de Alto Nivel das Nacións Unidas para a Alianza de Civilizacións, que preside Jorge Sampaio e do que forman Federico Mayor Zaragoza, Desmond Tutu, Mohamed Khatami, Mehmet Aydin, Hubert Vedrine, Karen Armstrong, ..., coa Comisión de Premios Nobel da Paz, con persoeiros como Adolfo Pérez Esquivel, Rigoberta Menchú Tum, Mijail Gorvachov, Kofi Annan, Óscar Arias, Wangari Maathai, Shirin Ebadi, Ramos Orta, Muhammad Yunus, entre outros, e cos coordinadores do "Decenio da Cultura da Paz e a Non Violencia, 2001-2010", de Nacións Unidas.

Entre o 7 e 8 de Decembro tivo lugar o "Congreso Internacional sobre Información e Dereitos Humanos". Este Congreso xorde do "I Encontro Mundial de Información para o Cambio Cidadán", organizado pola Fundación Ciencias da Documentación en Maio de 2008 na cidade da Paz (Bolivia), co que se pretende pór de manifesto a importancia do dereito e acceso á información, así como o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) para a defensa e promoción de todos os Dereitos Humanos.

Entre o 9 e 10 de Decembro tivo lugar o "Congreso Internacional sobre o Dereito Humano á Paz". O obxectivo do Congreso era debater e aprobar entre os representantes da sociedade civil o texto final dunha declaración universal do dereito humano á paz, que será presentado ante Nacións Unidas (Consello de Dereitos Humanos), para invitar aos Estados Membros a iniciar a codificación oficial do dereito humano á paz. Tamén se invitará á sociedade civil a aprobar os Estatutos do futuro Observatorio Internacional do Dereito Humano á Paz.

Mañá 13 de Decembro rematará o Foro Mundial de Educación Temático sobre "Educación, Investigación e Cultura de Paz" que comezara o pasado venres 10 de Decembro. O Foro Mundial de Educación (FME) é un movemento pola cidadanía planetaria e polo dereito universal á educación. Constitúe-se nun espazo de constante diálogo entre todos os que, no mundo globalizado, levan adiante proxectos de educación popular -formal ou informal- e de enfrontamento ao neoliberalismo, sexa en esferas públicas, gobernamentais ou non, colectivas ou de investigación. Está enmarcado no proceso do Foro Social Mundial. O Foro Mundial de Educación de Santiago de Compostela tem carácter temático, de xeito que as actividades autoxestionadas ao seu redor xirán en torno á educación, a investigación e a cultura de paz. É a primeira vez que un Foro Mundial de Educación temático chega a Europa, coincidindo co 10º aniversario do Foro Social Mundial.

O "Congreso Internacional sobre Memoria da Guerra, Reconciliación e Cultura de Paz", terá lugar do 14 ao 15 de Decembro de 2010. Especialistas mundiais no estudo histórico e xurídico dos procesos de paz e reconciliación analizarán as experiencias no referente á superación de conflitos bélicos e ditaduras, así como as políticas transaccionais dos gobernos. Tamén atenderá ao punto de vista das vítimas e as accións das asociacións de dereitos humanos. Prestarase especial atención ao fenómeno en Europa e Latinoamérica.

No transcurso do evento están-se realizando actividades autoxestionadas propostas polos colectivos participantes. As actividades realizan-se baixo o formato de mesas redondas, conferencias, testemuños, obradoiros, ... e están encadradas entre os 4 eixos temáticos do FME: Cultura de Paz, Educación para a Paz, Investigación para a Paz e Alianza de Civilizacións e Obxectivos do Milenio. Estas actividades son o contido fundamental do propio FME - Foro Mundial de Educación. Estas actividades están desenvolvidas nun extenso programa ao que se pode acceder desde a web oficial do Foro 2010 Compostela.

Veñen-se realizando actividades artísticas e culturais paralelas (Pintura, fotoxornalismo, cinema, banda deseña, videoxogos, literatura e música) que se realizarán até o 30 de Decembro en diferentes espazos expositivos da cidade actividades culturais coa Cultura da Paz como centro. Entre outras, están confirmadas, a exposición "Sarajevo: o último asedio. 1992-2008", de Gervasio Sánchez (Centro Cultural Caixanova); a exposición do mesmo autor "Serra Leoa, guerra e Paz" (Museo do Pobo Galego); as exposicións “A violencia no Cómic” e “Literatura infantil e xuvenil antibelicista” (Biblioteca Ánxel Casal); o ciclo “Cine e Dereitos Humanos”, no marco do Festival Internacional Cineuropa (Teatro Principal); o Festival Mundial da Paz, con Juanes e Miguel Bosé entre outros (Multiusos do Sar); a actuación da World Peace Orchestra, ... A información ira-se actualizando na web: www.foro2010.org.

Para máis información do evento:

SECRETARÍA XERAL DO FORO 2010
Rúa do Valiño, 13-1o
15707 Santiago de Compostela
Teléfonos: 981 554 053 / 981 561 956
www.foro2010.org | E-mail: paz@sgep.org
________________

Enlace relacionado:

Fórum Mundial de Educaçom
___________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon