[Membro de Unidad Militar de Emerxencia en Barajas. Foto: Bernardo Pérez]
O desafío dos controladores aéreos paralizou o pasado venres o tráfico aéreo no Estado español. Isto supuxo un feito sen precedentes na democracia española coa declaración do Estado de Alarma e a militarización das torres de control.
Os controladores pasaban desa forma a depender dun coronel e se non se presentaban ao seu traballo ou se presentaban, pero non o realizaban, podían ser acusados de sedición e xulgados polo código penal militar que establece penas de cárcere para ese delito. Dese xeito o Goberno conseguiu que durante a ponte máis longa do ano, os controladores regresasen aos seus postos de traballo e o tráfico aéreo volvese aos poucos á normalidade.
Os controladores son considerados un colectivo de traballadores privilexiados cun soldo medio de 240 mil euros ao ano, é dicir, 20 mil euros ao mes. Un soldo máis alto que a media dos controladores europeos que cobran 110 mil euros ao ano. O Goberno di que non tolerará os privilexios dese colectivo, pero hai que recordar que eses privilexios foron outorgados e mantidos por Gobernos.
AENA, a entidade pública, aínda que o Goberno acaba de anunciar a súa privatización, de Aeroportos Españois e Navegación Aérea, critica a menor produtividade dos controladores españois con respecto aos europeos.
Os controladores quéixanse dos decretos do Goberno aumentando as súas horas laborais. César Cabo é o Portavoz da Unión Sindical de Controladores Aéreos.
O Goberno dixo que o estado de alerta durará 15 días e que os españois poderán viaxar con normalidade durante os Nadais.
Pero buscando reflexións críticas a todo o sucedido, algúns analistas estiman que, deixando ao carón os elementos máis obvios -desproporción absoluta da protesta, afección masiva á cidadanía, militarización inédita do tráfico aéreo-, cabe preguntarse quen gañou e quen perdeu nesta refrega, porque quizais esta reflexión ofreza moitas pistas para iluminar o ocorrido.
O plante sorprendeu pola súa dimensión e impacto, pero non pola súa realización. Representantes dos controladores levaban semanas ameazando publicamente con que estaban concluíndo a súa cota de horas de traballo anual e deixarían os seus postos cando o esgotasen. O Goberno español coñecía esta situación e sabía ademais que o decreto aprobado o venres, en véspera da ponte festiva, sería entendido por este colectivo extremadamente corporativista como unha provocación definitiva. A pesar diso, decidiu aprobalo.
Curiosamente, ao mesmo tempo validaba un novo paquete de recortes sociais e privatizacións pola crise, coa supresión do subsidio de 426 euros aos parados de longa duración como medida máis sanguenta. Tres días despois, o conflito aéreo que inevitablemente copou toda a información fixo que o Goberno español non só salga indemne desta nova agresión ás clases baixas, senón que apareza ata como defensor dos intereses do groso da cidadanía ao conseguir que os controladores volvan aos seus postos, aínda que fose manu militari.
Parece claro que quen realmente perdeu son os máis de 600.000 afectados. Tamén os controladores que non mediron as súas forzas, nin ante a sociedade nin ante o Goberno. Pero non son os únicos. Por exemplo, os sindicatos estatais quedan baixo sospeita: as súas réplicas a recortes sociais moi graves e que si afectan a unha gran masa cidadá non chegaron nin de lonxe ao impacto do plante dun sector vip e minúsculo como o dos controladores. Nunca crearon "estado de alarma".
Outros, como o Colectivo Laboro de asesoramento para traballadores, pregúntanse e se todos fixesen como os controladores? Este colectivo sinala que o Goberno acaba de estrear o "Estado de Alarma" ante o que realmente temen: unha mobilización.
Aquí o que lles importa de verdade non é que os controladores aéreos sexan ou non uns "privilexiados". O que lles importa é que están unidos. O Colectivo Laboro pregúntase que pasaría se mañá puxésense de baixa ou non traballasen TODOS os camioneiros de España? E os limpadores? E os condutores de autobuses? E os dependentes do comercio? E os profesores? E os médicos? E os vixiantes e gardas xurados? E os informáticos? E os electricistas? Todos eles realizan funcións das que dependen servizos esenciais. Teñen privilexios intolerables? Os militarizarían tamén? Sería sedición? Porían a un Coronel en cada Centro Comercial? Que pasaría se os mobilizados estivesen unidos como os controladores? Pódenos despedir a todos?
Iso é o que de verdade queren impedir empezando polos controladores. Que todo siga máis ou menos como está é o único e verdadeiro obxectivo esencial que están perseguindo nesta crise. Non hai que mirar o dedo, senón a Lúa á que sinala. Non hai que ver as árbores, senón o bosque.
A única forma que tiveron de vencer, de momento, aos controladores foi a militarización, é dicir a ameaza directa con penas de prisión. Como nos bos tempos. Non se supón que traballar en España é libre? Non se supón que se non traballas despídenche e xa está? É que vai ser obrigatorio traballar en España baixo as súas condicións? Ata onde van chegar? Que ninguén dubide, di o colectivo Laboro, que van chegar ata onde faga falta. Esaxerado? Fai 48 horas parecía unha película de Harrison Ford que o Goberno militarizara os aeroportos e que en España se volvese a falar de delito de sedición; ollo, presuntamente cometido non por militares nin policías... senón por traballadores.
Fálase dos "intolerables privilexios" dos controladores. Pero ninguén se pregunta como que intolerables? Eses privilexios non están nalgunha normativa que alguén asinou? Hai leis ou convenios vixentes intolerables? Por que son intolerables os soldos dos controladores, pero non o son os soldos de moitos banqueiros, cargos políticos e dirixentes de grandes empresas, que son moi superiores en moitísimos casos?
Fonte: masvoces.org
06.12.2010
Audio publicado en Más Voces : www.masvoces.org
Enviado por:
Damch GZ
-damchgz@gmail.com-
9 de dezembro de 2010 20:36
_____________________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon