E xa van 79, os buques cargados con miles de toneladas de Gas Natural Licuado -LNG/GNL- que entran na nosa Ría.
Onte, coincidindo coa preamar diúrna, sobre as dúas da tarde, entraba na Ría de Ferrol o "LNG Rivers", con unhas 60.000 toneladas de GNL para a ilegal e perigosa Reganosa. Neste caso foi unha arribada, pois o destino do buque non era a regasificadora de Mugardos, senón a de Bilbao, máis Reganosa solicitou a transferencia do buque para a súa planta por problemas de seguridade do sistema. Un buque que tiña programada a súa chegada a Mugardos o 1 de Decembro [1], por problemas "imprecisos", non o podía facer até o vindeiro 7 de Decembro. Reganosa alertou ao Xestor Técnico do Sistema, de que as malas condición meteorolóxicas previstas poderían atrasar o buque aínda máis. Na súa solicitude de subministro ao Xestor falaba de que "podería atrasar a súa descarga considerando as condicións meteorolóxicas anunciadas para ese día. Tendo en conta os horarios de mareas para os días seguintes e as limitacións portuarias, podería suceder que non fose posible a descarga de devandito buque até o próximo 11 de decembro" [2]. A propia Reganosa recoñece as dificultades climáticas, limitacións portuarias, ... e condicionantes naturais que impiden un normal tránsito de buques no Golfo Ártabro para entrar na Ría, pola localización da planta regasificadora en Punta Promontorio, no concello de Mugardos.
A Xestora Técnica do Sistema, advirte da necesidade de conceder esta solicitude da Dirección da planta de gas de Mugardos, alegando que de non face-lo así, a situación dos niveis de gas na planta e o atraso na chegada do buque contratado, "conduciría a unha parada inevitábel da emisión da planta de REGANOSA por esgotamento das existencias de GNL en tanques".
Aínda que isto sexa algo previsto polo Xestor Técnico e a propia lexislación estatal especifica para o sector gasístico, non deixa de ser unha excepción que se repite, e xa non digamos o recoñecimento que fai a Dirección da planta regasificadora, das dificultades e deficiencias que amosa pola súa localización xeográfica no corazón da nosa Ría. E, ademais, o que significa que 1 de cada 4 buques teña que atrasar a súa entrada na Ría por mor das malas condicións meteorolóxicas reinantes no Golfo Ártabro durante moitos días do ano. Engadese a isto o perigo de manobrar uns buques, polo xeral de grande porte, e unhas características determinadas que teñen os metaneiros, nas proximidades da boca da Ría, cos grandes perigos que hai cos fondos rochosos e as correntes mariñas. E para proba, as dificultades que tivo este mesmo buque que entrou onte, o "LNG Rivers", o 2 de xullo de 2008, cargado con case 60.000 toneladas de GNL, ... cando "o vento sopraba do sur e había mareira no mar. O buque que aínda non tiña os prácticos a bordo achegaba-se perigosamente á costa. A enfilación para poder entrar na Ría de Ferrol non era a correcta, e tanto o vento como o mar abatían cada vez máis ao buque contra a Punta Coitelada. Neses momentos logran subir a bordo dende un remolcador os prácticos do Porto de Ferrol e inician unha perigosa manobra virando en redondo. Catro remolcadores permanecían a expectativa, pero sen ter suxeito ao buque. O gaseiro na súa virada pasa moi perto da costa, a menos de 300 metros, e case por riba dos baixos das 'Merloeiras'" [3].
Como ven sendo habitual o Comité Cidadán de Emerxencia respostou a entrada na Ría do "LNG Rivers", cunha concentración sonora, na Praza Amada García, diante do Edificio Administrativo que a Xunta de Galicia ten en Ferrol. A pesares do vento, chuvia e frio, un grupo importante de persoas secundaron á chamada do Comité, para amosar a denuncia e protesta contra o despropósito gasístico de Reganosa que xa de por si só representa un grave perigo, este aumenta exponencialmente cando un buque cargado con miles de toneladas de GNL, entra polo angosto, sinuoso, estreito, longo e de fondos rochosos, canle da ría de Ferrol, para logo pasar máis de 24 horas descargando no pantalán do Porto de Punta Promontorio. Que no caso de emerxencia, o buque, non podería saír a mar aberto nen polos seus propios medios [como sinala a lexislación de seguridade], nen con axuda até a próxima marea diúrna, e xa non digamos se as condicións meteorolóxicas son adversas, con fortes ventos, pouca visibilidade, .... A Autoridade Portuaria ten previsto segundo o regulamento [4] elaborado pola Capitanía Marítima de Ferrol que, en caso de emerxencia, o buque vaia a uns poucos metros, no fondeadoiro de Santa Lucia, onde non hai suficiente calado para elo, novo despropósito e grande irresponsabilidade.
[1] Nota de Operación nº 31 - 30.11.2010, emitida polo Xestor Técnico.
[2] Nota de Operación nº 31 - 30.11.2010, emitida polo Xestor Técnico.
[3] Información detallada:
- Ártabra 21: Gaseiro en perigo
- Ártabra 21: Escritos dirixidos á Ministra de Fomento, ao Director Xeral da Mariña Mercante e ao Capitán Marítimo de Ferrol: incidente do LNG Rivers
Enlace relacionado:
Ártabra 21: O "LNG Rivers" ten pensado arribar a Ferrol, este Venres 3 de Decembro, con miles de toneladas de GNL para Reganosa - O Comité Cidadán, diante deste feito, convoca unha nova acción de denuncia e protesta
Fonte da Galería Fotográfica: Susete'70
_____________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon