luns, decembro 13, 2010

"Unha traxectoria con varias frontes", sobre Germán Castro Tomé -‘Man’ Castro-, no 5º Aniversario de Lefre de Caldereta, Decembro 2010



GERMÁN CASTRO TOMÉ : Unha traxectoria con varias frontes

Profesional

Desde moi novo sentese atraído polo xornalismo. Aos 19 anos (1963), mentres cursaba estudos de bacharelato converteuse no correspondente de La Voz de Galicia para as parroquias de Esmelle, Covas e Papoi. No ano 1969 nacía o Ferrol Diario e os seus responsables ofreceron a Man Castro a corresponsalía das parroquias costeiras, invitación que aceptou.

Até 1974 en que se incorporou como profesional ao Ferrol Diario, Man Castro abordou tamén o campo do xornalismo deportivo e chegou a coordinar a área de deportes de Ferrol e comarca en El Ideal Gallego. Asi, pois, no ano 1974 dá o salto a Ferrol Diario deixando a súa condición de amateur. Dirixía naquel momento o xornal o burgalés David Curral Bravo. Na redacción: Arturo Lezcano, Mario Couceiro, Andrés París Rico, Manolo Folla e Vicentón (V icente Alfonso Castro). Entre os estreitos colaboradores, José Manuel Orriols e Antonio Martínez Barcón (Ambar). Nada máis integrarse no cadro de xornalistas, a Man confióuselle unha das parcelas máis delicadas: a información socio laboral. Seguiamos na ditadura, aínda que estabamos nos estertores do franquismo, e había que abordar o feito informativo con gran sutileza e cantidade de recursos na linguaxe para sortear a censura. E é sabido que os foros e asembleas dos traballadores desa época, en xeral todo o movemento obreiro, tiñan un discurso de claro contido político no marco da loita pola democracia e as liberdades.
Transcorren os anos, prodúcese a transición e empezan a soprar malos ventos para o futuro de FD. Pouco antes de pechar o entón El Norte de Galicia, Man, despois de pelexar o indecible pola supervivencia do rotativo como logo veremos, decide embarcarse en toda unha aventura: El Faro de Vigo.

Por aquel entón non estaba prohibida a concorrencia nos xornais. Man, ademais de prestar os seus servizos en El Norte de Galicia, levaba tamén a corresponsalía principal de El Faro de Vigo. Pero aquilo da corresponsalía principal non lle parecía ambicioso e nin curto nin perezoso foise un día a Vigo, a falar cos donos do xornal, quen lle deron luz verde para pór en marcha unha delegación en Ferrol, que se montaría nun baixo da propiedade de Man Castro, ma rúa Pintor Máximo Ramos na que por aquel entón vivía o xornalista. Nesta singradura, contou coa colaboración de xornalistas tales como Juan Barro, García Lastra, Eladio Meizoso, Antonio Aneiros, José Carlos, etc, logrando que no espazo de dous anos, El Faro de Vigo tivese unha importante presenza en Ferrol, cun paquete significado de subscritores.

No ano 1984 foi captado por La Voz de Galicia, para a delegación de Ferrol. Este foi o máis longo percorrido que Man Castro fixo nun mesmo medio. Dezaseis anos. Ao pouco de chegar á La Voz foille ofrecida a posibilidade de marcharse á zona de Barbanza para abrir unha delegación e así tamén promocionarse profesionalmente. Man declinou a invitación. As circunstancias persoais polas que atravesaba nese momento desaconsellaron o seu desprazamento e xa non se movería de Ferrol. En pouco máis de tres lustros, o xornalista cubriu con éxito distintas áreas de información: desde a parcela municipal, pasando pola laboral e económica, saúde e educación, etc. Colaborou igualmente na cadea RadioVoz, da que era propietaria La Voz de Galicia.

E así chegamos ao ano 1999 no que é chamado por quen fora o seu director en La Voz, Juan Ramón Díaz (nese momento ostentando a dirección de El Ideal Galego), para pór en marcha o Diario de Ferrol. Unha vez máis, Man ponse a proba e decide navegar contra corrente. Todo o mundo desaconsellaba a operación. Dicíanlle de todo, que estaba tolo, que a sociedade ferrolá non ía responder, que non entendían que se marchase dun gran medio como La Voz de Galicia, que o novo xornal duraría menos que un paquete de pipas á porta dun colexio, que lle ían a chamar a folla parroquial e que era un demérito para o xornalista, en fin, toda serie de lindezas. Man optou por porse a coraza e crendo firmemente na viabilidade do proxecto e nas súas propias forzas para derrubar as murallas do escepticismo, puxose ao choio. O resultado, á vista está. Un xornal consolidado nun curto espazo de tempo, un xornal de prestixio con peso nas institucións, un xornal que é a referencia como prensa local e un cadro de xornalistas feito á imaxe e semellanza do seu director, equipo que logrou implicarse no seu traballo e cobrar un gran prestixio profesional . E o que non ten volta de folla, un xornal cun nivel de beneficios moi digno, cun volume de negocio moi interesante, dentro do grupo ao que pertence, que é o grupo La Capital.

O museo de xornalismo, as multitudinarias galas anuais dos Premios Diario de Ferrol, o Foro Ferrol Futuro, promocións que nalgún momento chegaron a esgotar edicións e diversas iniciativas máis complementaron a saída diaria á rúa do produto principal, o Diario de Ferrol, empresa que Man Castro abandonaba para disfrutar da súa xubilación o día 1 do pasado mes de setembro.
Ao longo de todo este tempo, en diferentes etapas, desempeñou tamén as corresponsalías en Ferrol de La Región (Ourense) El País, Radio Nacional de España e foi crítico deportivo da desaparecida Hoja del Lunes da Coruña.

Afiliado á Asociación de Prensa da Coruña desde hai 25 anos, pertence á Federación de Asociacións de Prensa de España (FAPE) e Federación Internacional de Xornalistas. No ano 1989 recibiu o Premio Luís Tilve (IV edición) cun traballo titulado “A relación entre partidos e sindicatos nas sociedades democráticas europeas”.

O compromiso

Man Castro conxugou ao longo da súa vida o compromiso persoal co exercicio profesional. E neste sentido podemos falar dun percorrido por tres frontes: veciñal, cultural e sindical.
O movemento veciñal é talvez o que menos practicou -suponse que non había tempo para máis-, pero algunha experiencia conta tamén na súa traxectoria. Sendo aínda estudante, xunto cun equipo de persoas das tres parroquias, foi cofundador do Club Asociación de Covas, Esmelle e Marmancón, cuxo obxectivo era que estas tres localidades abandonasen rivalidades veciñais e sumasen forzas para conseguir melloras para todos. A experiencia tivo unha curta vida.

Finalmente, coincidindo cun tempo en que os seus pais fixaron, provisionalmente, a súa residencia en Covas, Man, xunto a outros veciños desta parroquia, puxo en marcha un equipo de fútbol.

Área cultural

Onde se vai a empregar a fondo Man é na área cultural. Na década dos setenta organizaba unhas ceas de fin de ano con asistencia de persoal dos distintos medios de comunicación e nesas ceas creou a marca de ferrolán do ano. Haberá que lembrar que o primeiro distinguido foi Gonzalo Torrente Ballester e o segundo Ricardo Carvalho Calero. Os xornalistas ferroláns foron os primeiros en reivindicar a vida e obra destes dous paisanos, naquel momento un tanto esquecidos. Por esas datas se refundaba o histórico Ateneo Ferrolán do que tamén foi socio fundador e membro dunha das primeiras directivas. Unha década longa despois, ano 1987, Man Castro promove unhas sesións de debate entre os compañeiros /as das que nace O Club de Prensa de Ferrol que vai presidir nos próximos anos. Desde esta plataforma, o xornalista ferrolán, promoveu iniciativas tan destacadas como o certame de fotoperiodismo galego, Galicia en Foco, a revista de pensamento e cultura FerrolAnalisis, que afortunadamente sobreviven tantos anos despois, a Revista Oral da que se fixeron dous ciclos en épocas distintas e outras actividades algunhas das cales teñen vixencia actualmente. Man abandonada a presidencia do Club de Prensa no 1999 cando se puxo á fronte do Diario de Ferrol.

O sindicalismo

Antes de incorporarse á profesión en Ferrol Diario, Man Castro irrompeu no mercado laboral, concretamente en Peninsular Maderera onde espertou a súa conciencia como traballador.
No libro que Enrique Barreira escribiu sobre o conflito dos anos setenta desta empresa, Man Castro subliñaba “Até entón era un novo produto da ditadura, como tantos outros, que non abrira os ollos ás circunstancias políticas e que non sentía a necesidade de comprometerme na loita pola liberdade e a democracia?.

Pois ben, foi aquí, superada unha longa e histórica folga, cando empezou a exercer o sindicalismo como membro dos chamados xurados de empresa. Ese compromiso tivo continuidade máis adiante por mor do seu ingreso en Ferrol Diario. Foi no momento en que CCOO instaba á loita desde dentro para desaloxar aos verticalistas do aparello sindical. Man Castro, comulgando coa devandita estratexia, presentouse candidado á presidencia do entón chamado Sindicato de Prensa e Artes Gráficas, resultando elixido fronte ao candidato oficialista. Máis adiante, xa na democracia, cando as cousas empezaron a pintar mal para Ferrol Diario, os compañeiros elixírono para que dirixise as accións a emprender en defensa do xornal e, por tanto, dos postos de traballo. De novo emerxe baixo as siglas de CCOO e protagoniza unha intensa e desesperada batalla que o leva a encabezar xestións ante os organismos oficiais, entrevistándose cos titulares da Deputación Provincial, Goberno Civil, Alcaldía de Ferrol, entre outras actividades nas que se pode incluír unha convocatoria que fixo á Mancomunidade de Municipios da Ría de Ferrol para expor aos alcaldes da zona a agónica situación de Ferrol Diario. Liderou tamén mobilizacións na rúa e numerosas actividades tendentes a concienciar á cidadanía da importancia que tiña para a cidade e a súa comarca aquel medio de comunicación.

O homenaxeado daría unha tregua ao exercicio sindical ata que xa en La Voz de Galicia, década do noventa, é elixido como independente nunha candidatura de UXT delegado dos traballadores da redacción de Ferrol describindo unha traxectoria que ten como fitos importantes a creación dun comité provincial formado por Ferrol, Santiago e Carballo para o que foi elixido presidente e desde este órgano inspirou e puxo en práctica un comité intercentros que tamén acabou presidindo. Con este movemento, Man Castro conseguía que os traballadores da periferia estivesen representados en pé de igualdade, con voz e voto, en todas as negociacións de La Voz de Galicia. Era aínda presidente dos Intercentros cando foi chamado para pór en marcha Diario de Ferrol.

A Fundación 10 de marzo, sendo secretario de CCOO de Galicia, Xesús Díaz, distinguiuno no Día Da Clase Obreira Galega en marzo de 2000, sendo xa director de Diario de Ferrol, “pola súa loita en defensa dos traballadores, o seu rigor informativo e o seu labor no campo da cultura e recuperación da memoria histórica da cidade”, segundo argumentou naquel momento a citada Fundación.


Rúa do Sol, 224-230, 1º B.
15401 Ferrol 
CIF:-G-70027909
________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon