martes, decembro 28, 2010

A Xunta incrementa os equipamentos do Souto de Leixa nas vésperas de entregar a súa xestión a Clece e executar 54 despedimentos


O Comité Intercentros do Persoal Laboral da Xunta rexeita a privatización deste centro asistencial de Ferrol

O Comité intercentros do Persoal Laboral da Xunta de Galiza vén de emitir un comunicado de rexeitamento á decisión do goberno galego de privatizar o centro asistencial Souto de Leixa, en Ferrol. A Xunta adxudicou por sete millóns de euros a xestión das instalacións á empresa Clece, e ten previsto despedir a 54 traballadores e traballadoras que até o de agora atendían aos usuarios e usuarias deste centro.

A continuación reproducimos o contido do comunicado:

O comité intercentros da Xunta de Galiza, máximo órgano de representación dos/as empregados/as públicos no que ao seu ámbito laboral se refire, emite o seguinte comunicado:

O comité intercentros da Xunta de Galiza, no que están presentes as organizacións sindicais CCOO, UXT, CIG e CSIF, manifesta a súa total oposición contra a decisión da Consellaría de Traballo e Benestar de proceder á privatización do centro asistencial Souto de Leixa do Ferrol.

A decisión de peche deste centro, contradi as promesas electorais do PP, de mellorar os servizos públicos. Constitúe un exemplo mais da súa posición en materia social.

Souto de Leixa do Ferrol ofrece un servizo público de calidade que da resposta as necesidades de 170 persoas maiores de 21 anos, con trastornos condutuais diversos e unhas necesidades educativas especias.

A privatización proposta polo goberno significa que unhas instalación públicas serán entregadas a unha empresa privada. A empresa privada ten obxectivos de lucro polo tanto os obxectivos relacionados coa prestación social quedan relegados a segundo plano.

Que supón esta privatización para os cidadáns e cidadás?
  • A perda dun servizo social gratuíto
  • O pago de mais de 200 € o mes polos servizos, antes gratuítos.
  • O pago dun servizo de transporte que antes era gratuíto
  • A necesidade de aumentar o número e importe das pensións de invalidez o das axudas da dependencia para afrontar estes importes, que pagamos todos.

Que gana a sociedade con isto?
  • Que unha sociedade anónima teña garantidos uns beneficios económicos sen asumir risco empresarial, sen desembolso de capital.

Pero non so se lle entrega a CLECE unhas infraestruturas e uns servizos, ademais en vésperas de consumarse a privatización, auméntanse a dotación de equipamentos. Dotacións que até agora foron denegadas. E ademais, CLECE recibe case sete millóns de euros para a xestión do centro no período 2011-2013.

Rexeitamos que se lle entreguen unhas instalacións e unhas dotacións públicas a unha empresa privada para o exercicio do capitalismo, en detrimento da prestación social da que son merecedores, cando menos, as persoas máis desfavorecidas e necesitadas.

E que pasa cos traballadores/as públicos que viñan atendendo a estes asistidos? Todos/as á rúa. Cincuenta e catro traballadores/as a engrosar as listas do paro para axudar a redondear os cinco millóns de todo o Estado. Traballadores/as formados/as, experimentados/as e que eran o referente diario destas persoas con trastornos físicos e psíquicos, que eran parte da súa familia. Algúns traballadores/as veñen traballando cos mesmos usuarios/as até 20 anos continuados.

Con esta privatización, a Consellaría de Traballo e Benestar externaliza parte da súa principal competencia. Imaxinade que a Universidade, especializada na formación, decide externalizar algún dos seus títulos, por ex. Medicina, para entregarlla a unha empresa multiservizos como a do presidente do Real Madrid.

Non á privatización. Non ao despedimento de 54 traballadores e traballadoras.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2010.

Fonte: Avantar
_______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon