martes, xaneiro 25, 2011

Programa especial seguimento da Folga Xeral en Rádio FilispiM, este Xoves 27 de Xaneiro


Este Xoves 27 de Xaneiro de 2011, Rádio FilsipiM emite un programa especial dende as 8:00 h. da manhá, seguimento da FOLGA XERAL na nosa comarca.

Todas as voces, as incidencias, minuto a minuto en Rádio FilispiM, 93.9 FM.

Participa chamando ao teléfono de directo:

981 37 10 40

Lembra,  este xoves 27 de Xaneiro a partir das 8:00 da manhá, todo o que tés que saber da Folga Xeral, está en Rádio FilispiM, a radio na rúa. Fai-te oir!!!



Descargar o audio

Radio Filispim, a radio libre e comunitaria da Terra de Trasancos

http://opaii.blogspot.com/
___________

2 comentarios

Por un modelo económico socialmente xusto e ecoloxicamente
Martes, 25 de Xaneiro do 2011
Verdegaia apoia a Folga Xeral convocada para o próximo 27 de xaneiro en Galicia en defensa do sistema público de pensións e do emprego con dereitos. O paquete de reformas laboral, das pensións e das caixas de aforro que se están a executar ou a formular desde o Goberno estatal do PSOE, seguindo o catecismo neoliberal partillado tamén polo PP, afondan na inxustiza social e na insustentabilidade ecolóxica características do actual modelo de produción e consumo. Verdegaia apoiará todas as mobilizacións cidadás que, como esta, contribúan á procura dun novo modelo de vivir e convivir sustentábel, xusto e pacífico.

As reformas xa en curso ou anunciadas, e en particular a das pensións, obedecen aos ditados dos mercados financeiros e non farán senón incrementar o seu poder, en detrimento dos intereses da maioría social e da democracia. Os vaticinios alarmistas de colapso do sistema público de pensións, baseados en estudos financiados pola banca privada, e o recorte do mesmo que propón o Goberno do Estado, favorecen os plans privados de pensións. Estes son unha das grandes armas da especulación financeira. Unha parte moi importante dos fondos que nutren a especulación coa débeda pública, cos prezos dos alimentos ou das materias primas nos mercados de futuros, ou coas cotizacións das distintas moedas, proveñen destes milleiros de millóns de euros que conforman os planos privados de pensións. Isto non só ten repercusións sociais negativas senón tamén ambientais, pois constátase que a expansión dos activos financeiros á que asistimos a escala global nas últimas décadas xera unha capacidade de compra sobre o mundo que está a intensificar a extracción de recursos naturais e a xeración de contaminación, contribuíndo á crecente degradación ambiental.

Aínda que a loita contra os recortes sociais é motivo máis que suficiente para respaldar unha folga xeral, os temas ambientais non deben ser, ao noso ver, alleos á convocatoria, pois a deterioración social e a ecolóxica son froito das mesmas políticas, afunden as súas raíces no mesmo sistema económico capitalista, e deben abordarse conxuntamente. A crise que atravesamos vai moito máis aló do económico, é tamén unha crise ambiental. Estamos superando os límites ambientais do noso planeta, saturamos aire, auga e solo de contaminantes, e dilapidamos os recursos básicos enerxéticos e materiais. A perigosa mudanza climática en marcha e a perda acelerada de biodiversidade son signos evidentes do esgotamento da Terra.

A forma en que está a ser afrontada a crise económica desde o Goberno estatal e a Xunta de Galicia favorece a deterioración social e ambiental. Non podemos ficar impasíbeis vendo como se reducen os orzamentos públicos destinados á protección social, á mellora ambiental, ou ao impulso das renovábeis, como se consolida un sistema fiscal pouco progresivo e favorecedor do uso ineficiente dos recursos naturais, como non se renuncia á construción de insustentábeis infraestruturas de transporte con escasa utilidade social e elevado custo (incrementado e trasladado ao futuro co sistema de colaboración público-privada), como se subvenciona o carbón ou a compra de coches, ou como non se recortan de forma drástica os gastos militares, por destacarmos só algúns exemplos de accións socioambientalmente irresponsábeis.

Esiximos políticas cara á sustentabilidade, a implementar desde o ámbito local ao global. Nos países chamados desenvolvidos necesitamos decrecer o consumo de materiais e enerxía para adaptalo, con criterios de xustiza social, á capacidade de sustentación do planeta. Temos que ir cara a unha mudanza do mix enerxético para que sexa 100% renovábel. Cómpre un modelo agroalimentar centrado en circuítos curtos e no cultivo ecolóxico. Tamén diminuír a mobilidade motorizada e o número de vehículos privados e potenciar os modos de transporte máis eficientes. Estas e outras mudanzas deben facerse con políticas públicas que protexan os dereitos laborais, que garantan un sistema público de pensións redistributivo e solidario, que impulsen novos depósitos de emprego sustentábel -de acordo co principio de "transición xusta" para evitar os custos sociais derivados da necesaria e urxente transformación ecolóxica do modelo produtivo-, que repartan o traballo, que distribúan de forma equitativa a renda, que creen unha banca pública ética, que garantan unhas relacións económicas internacionais xustas, que eliminen os paraísos fiscais, ou que combatan a economía somerxida e a fraude fiscal.

Non vale calquera forma de saír da crise. Non valen políticas laborais que nos devolvan ao século XIX. Non valen políticas económicas que menosprecen a crítica situación ambiental para dar prioridade a un modelo que atende os intereses dunha minoría e aboca a Humanidade ao colapso. Só o colectivo, a solidariedade e a equidade permitirannos construír unha alternativa a este sistema destrutivo.

Xustiza social, xustiza ambiental, vida digna e natureza viva para nós e para os demais, para

hoxe e para mañá!


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon