luns, febreiro 21, 2011

Diferentes colares, ... por Xosé María Dobarro Paz

Por Xosé María Dobarro Paz [*]
21.02.2011

Onte mesmo, Rodríguez Zapatero falaba de que había que conservar a memoria. É moi importante, efectivamente, mais non só a que pode favorecer os seus intereses persoais e partidarios, senón tamén a que non lles interesa.

Aló polos anos finais da década dos sesenta ou nos primeiros da dos setenta –non fun quen de fixar con maior precisión as datas nin coa axuda dalgún amigo, colega daqueles tempos– andaba pola Facultade de Filosofía e Letras compostelana un rapaz de Vigo chamado Xosé Humberto Baena, Píter Baena. Lembro ter coincido con el naqueles corredores do que hoxe é Facultade de Historia, mais o trato foi tan escaso como superficial. Aínda que tres ou catro días máis vello ca min (ambos de outubro do 50), penso que ía algún curso por detrás e axiña lle perdín a pista. Dei con ela algúns anos despois en tráxicas circunstancias. Baena, despois dunhas rapidísimas actuacións xudiciais e un xuízo cheo de ilegalidades –no marco legal daquel tempo– fora condenado a morte xunto a outras dez persoas vinculadas á ETA e ó FRAP (Frente Revolucionario Antifascista e Patriótico). Finalmente, o goberno conmutaría seis penas –Hubo clemencia” titulaba a prensa– e confirmaría cinco, executadas o 27 de setembro de 1975, entre elas a do militante do FRAP vigués, malia que ninguén aportou proba ningunha da súa participación nos feitos que se lle apoñían. A confirmación das condenas a pena de morte tomouse, por unanimidade, no Consello de Ministros celebrado o 26 de setembro, presidido por Franco. Constituído o 11 de marzo de 1975, este goberno foi o decimoquinto (e derradeiro) de Francisco Franco, que duraría ata a morte do ditador, e que, sen solución de continuidade, daría paso ó primeiro goberno monárquico presidido por Juan Carlos de Borbón, tal como no seu día decidira o defunto Xefe do Estado. Case tal como non hai moito quixo facer Hosni Mubarakxefe máximo dun partido pertecente á Internacional Socialista– co seu fillo en Exipto.

Dese goberno, que tiña como presidente a Carlos Arias Navarro, formaban parte, entre outros, o lugués Antonio Carro Martínez, Cruz Martínez Esteruelas ou o veterano José Solís Ruízquen xa en 1963 asinara a pena de morte de Julián Grimau–, que viña de substituír ó falecido Fernando Herrero Tejedoro grande valedor de Adolfo Suárez– á fronte da Secretaría Xeral do Movemento. Como rara avis é quen non quere deixar a teta do poder, tanto Arias Navarro –coñecido como “carnicerito de Málaga” por participar na morte de máis de 4.000 persoas condenadas nos consellos de guerra cando era fiscal–, como Carro e como Martínez Esteruelas foron candidatos nas listas de Alianza Popular nas primeiras eleccións. Dos tres só saíu elixido, por Lugo, Antonio Carro (recuncaría en catro lexislaturas máis). Pero tamén concorreron e acadaron escanos por AP ministros doutros gobernos franquistas que tamén asinaran penas de morte soadas, nacidas en xuízos do máis ilegal e trapalleiro (velaí o fusilamento de Julián Grimau o 20 de abril de 1963), como Gregorio López-Bravo ou Manuel Fraga Iribarne. Tamén foron deputados por AP Laureano López Rodó e Gonzalo Fernández de la Mora, así como Pío Cabanillas Gallas pola UDC quen tamén sería ministro de diferentes carteiras. Con estes antecedentes non é de estrañar que seguisen reprimindo, sen pudor ningún e ó mellor estilo franquista, mais, iso si, so a denominación de demócratas. O pasado –sen memoria e non con ela, como di que quere o actual señor presidente– quedou borrado. Como tamén se pretende borrar (non sei se o señor Rodríguez Zapatero terá a intención de lembralo con frecuencia) o pasado dos GAL (Grupos Antiterroristas de Liberación), creados e actuantes durante gobernos presididos por Felipe González, dos que, como é sabido, formou parte Alfredo Pérez Rubalcaba, primeiro como secretario de Estado e logo como ministro. O actual vicepresidente, xa que logo, algo ten que recordar de todo aquilo.

Non se entende moi ben, pois, que ó ministro do Interior se lle antolle que a nova formación política vasca Sortu non é outra cousa que unha continuación de Batasuna, controlada, ¡como non!, por ETA. Se os ministros de Franco se tornaron da noite para a mañá demócratas ¿por que non van poder facelo os que no seu día estiveron en Batasuna? O curioso é que a inmensa maioría dos partidarios da non legalización de Sortu non son vascos nin viven nin viviron no País Vasco. Alí, fóra do PP, a situación vese de moi diferente maneira.

[*] Xosé María Dobarro Paz -Ferrol 1950, é catedrático de Lingua e Literatura Galega na Universidade da Coruña, escritor e activista político de esquerdas.

Publicado no xornal comarcal Diario de Ferrol - 20.02.2011
________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon