Mobilización en contra da amortización de 51 postos de traballo no C.E.E. Terra de Ferrol
O luns día 21 de Febreiro, a Xunta de Galiza convocou a Comisión de Persoal para tratar a amortización de 51 compañeir@s do CEE Terra de Ferrol. Isto significa que estamos diante do maior despedimento colectivo realizado polo Goberno de Feijoo ao servizo da súa política privatizadora de servizos públicos. Esta xuntanza celebrase no Edificio da EGAP en Compostela, no Polígono de Fontiñas, ás 10 da mañá. A esa mesma hora, a CIG realizará unha concentración diante do propio edificio, para o cal, necesitamos a colaboración de todos aqueles que poidan acoder. A CIG poñerá un bus para garantir o transporte con saída o luns 21 de Febreiro ás 8.15 h. do CEE Terra de Ferrol, con parada na Avda. Esteiro (fronte ao Sindicato), Caranza e Fene.
Estes postos de traballo, explican dende a CIG-Administración Autonómica, “sobran” segundo a Xunta despois de que a administración decidira dividir xurídica e fisicamente un único centro en dous: o Terra de Ferrol. Este quedaría como público, mentres que o Souto de Leixa sería privatizado.
O día 15 de Febreiro publicábase no DOG a formalización do contrato de xestión do centro Souto de Leixa por case 6 millóns de euros á empresa Clece S.A. “O resultado desta operación é doarlle á empresa de Florentino Pérez un centro feito con cartos públicos e 6 millóns de euros para xestionalo. As consecuencias son a privatización dun servizo público, o deterioro do servizos prestados aos usuari@s, nenos e nenas discapacitad@s, que ven como diminúe o persoal que os atende, e 51 despedimentos de traballadores e traballadoras con sobrada experiencia e coa condición de empregados/as públicos/as”, denuncian.
A este respecto, critican a falsa política de austeridade do Partido Popular, que consiste en limitar o gasto no capítulo de persoal reducindo emprego público “para darlle eses cartos a empresas privadas. Consiste en deteriorar os servizos públicos para logo xustificar a súa privatización”. Dende a CIG-Autonómica subliñan que os 51 postos de traballo que pretende amortizar a Xunta, súmanse aos case 200 empregos que o goberno do PP ten amortizado nestes anos de mandato.
Así mesmo, censuraron o “indigno papel de CCOO” que se negou a participar na mobilización convocada pola CIG e UGT diante da Escola Galega de Administración Pública, e a que o Comité de Empresa de persoal laboral de Educación na provincia da Coruña tivese a súa reunión na EGAP en Compostela, coincidindo coa Mesa Xeral, en solidariedade cos compañeir@s despedid@s”.
AGARDAMOS A VOSA SOLIDARIEDADE COAS COMPAÑEIRAS E COMPAÑEIROS DO TERRA DE FERROL
A CIG-Saúde solidariza-se coas compañeiras e compañeiros do "Terra de Ferrol" e fai un chamamento para participar na concentración deste Luns 21 de Febreiro en Compostela, diante do Edificio da EGAP en Compostela, no Polígono de Fontiñas, ás 10 da mañá.
Enviado por:
cig-saude.asf@sergas.es
-cig-saude.asf@sergas.es-
18 de fevereiro de 2011 18:50
www.cig-saude.org/ferrol____________________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon