xoves, marzo 03, 2011

“Indignádevos!”, o opúsculo de Stéphane Hessel, en Galego, xa á venda nas librarias

Tags


“... Deséxovos a todos, a cada un de vós, que teñades razóns para vos indignar. É algo precioso. Cando algo nos indigna, como a min me indignou o nazismo, tornámonos militantes, fortes e comprometidos; unímonos a esa corrente da historia, e a gran corrente da historia desenvólvese grazas a cada un de nós. E esa corrente encamíñase cara a unha maior xustiza e unha maior liberdade, pero non á liberdade incontrolada do raposo no galiñeiro. Eses dereitos, cuxa Declaración Universal se redactou en 1948, son universais. Se atopades alguén que non goce deles, compadecédeo e axudádeo a acadalos”.

“... Hoxe en día, os motivos para indignarse poden parecer menos claros ou o mundo demasiado complexo. Quen manda? Quen decide? Non sempre é doado distinguir entre todas as correntes que nos gobernan. Xa non é cousa dunha pequena elite cuxas accións comprendemos con claridade. O mundo é vasto, e percibimos con facilidade a súa interdependencia. Vivimos nunha interconectividade coma nunca antes existiu. Pero neste mundo hai cousas inaceptábeis, e para velas cómpre mirar e buscar”.

“... O pensamento produtivista, impulsado por Occidente, levou o mundo a unha crise da cal hai que saír mediante unha ruptura radical coa fuxida cara a diante do «cada vez máis», no eido financeiro e tamén no eido da ciencia e a tecnoloxía. Xa vai sendo hora de que prevaleza a preocupación pola ética, a xustiza e o equilibrio, pois ameázannos riscos sumamente graves que poden pór fin á aventura humana nun planeta que esta pode deixar inhabitábel para o home”.

Stéphane Hessel

Indignádevos!”, o opúsculo de Stéphane Hessel do que se venderon máis de dous millóns de exemplares en Francia, tamén se pode ler en galego. O escritor Manuel Rivas asina o prólogo desta obra directa, reivindicativa e axitadora, cuxo autor, un veterán supervivente da barbarie nazi, se dirixe -aos seus recios 93 anos- á sociedade en xeral, e á mocidade en particular, para que reaccione ante a inxusta realidade social, económica, política e medioambiental.


__________________

Enlace relacionado:

Ártabra 21: “Indignádevos!”, o opúsculo de Stéphane Hessel do que se venderon preto de dous millóns de exemplares en Francia e que vai saír publicado nunha vintena de linguas, poderase ler en galego coa edición que está a ultimar o selo editorial FAKTORÍA K para que estea no mercado nos primeiros días de Marzo
____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon