sábado, marzo 12, 2011

Islandia: A revolución silenciada

Tags


De xeito recente, sorprendéronnos os acontecementos de Tunisia que desembocaron na fuxida do tirano Ben Alí, tan demócrata para occidente até antonte e alumno exemplar do FMI. Porén, outra “revolución” que ten lugar desde fai dous anos foi convenientemente silenciada polos medios de comunicación ao servizo das plutocracias europeas.

Ocorreu na mesmísima Europa (no sentido xeopolítico), nun país coa democracia probabelmente máis antiga do mundo, as orixes da cal se remontan ao ano 930, e que ocupou o primeiro lugar no informe da ONU do Índice de Desenvolvemento Humano de 2007/2008. Adiviñades de que país se trata? Estou seguro de que a maioría non ten nin idea, como non a tiña eu até que me decatei por casualidade (a pesar de estar alí no 2009 e o 2010).

Trátase de Islandia, onde se fixo dimitir un goberno ao completo, onde se nacionalizaron os principais bancos, onde se decidiu non pagar a débeda que estes crearon con Gran Bretaña e Holanda por mor da súa execrábel política financeira e onde se acaba de crear unha asemblea popular para reescribir a súa constitución. E todo iso de forma pacífica: a golpe de cazola, berros e certeiro lanzamento de ovos.

Esta foi unha revolución contra o poder político-financeiro neoliberal que nos conduciu até a crise actual. Velaquí por que non se deron a coñecer apenas estes feitos durante dous anos ou se informou frivolamente e de esguello: Que pasaría se o resto de cidadáns europeos tomasen exemplo? E de paso confirmamos, unha vez máis por se aínda non estaba claro, ao servizo de quen están os medios de comunicación e como nos restrinxen o dereito á información na plutocracia globalizada de Planeta S.A.

Esta é, brevemente, a historia dos feitos:
  • A finais de 2008, os efectos da crise na economía islandesa son devastadores. En outubro nacionalízase Landsbanki, principal banco do país. O goberno británico conxela todos os activos da súa subsidiaria IceSave, con 300.000 clientes británicos e 910 millóns de euros investidos por administracións locais e entidades públicas do Reino Unido. A Landsbanki seguiranlle os outros dous bancos principais, o Kaupthing o Glitnir. Os seus principais clientes están nese país e en Holanda, clientes aos que os seus estados teñen que reembolsar os seus aforros con 3.700 millóns de euros de diñeiro público. Daquela, o conxunto das débedas bancarias de Islandia equivale a varias veces o seu PIB. Doutra banda, a moeda cae e a bolsa suspende a súa actividade tras un afundimento do 76%. O país está en bancarrota.
  • O goberno solicita oficialmente axuda ao Fondo Monetario Internacional (FMI), que aproba un empréstito de 2.100 millóns de dólares, completado por outros 2.500 millóns dalgúns países nórdicos.
  • As protestas cidadás fronte ao parlamento en Reykjavik van en aumento. O 23 de xaneiro de 2009 convócanse eleccións anticipadas e tres días despois, as cazoladas xa son multitudinarias e provocan a dimisión do Primeiro Ministro, o conservador Geir H. Haarden, e de todo o seu goberno en bloque. É o primeiro goberno (e único que eu saiba) que cae vítima da crise mundial.
  • O 25 de abril celébranse eleccións xerais das que sae un goberno de coalición formado pola Alianza Social-demócrata e o Movemento de Esquerda Verde, encabezado pola nova Primeira Ministra Jóhanna Sigurðardóttir.
  • Ao longo do 2009 continúa a pésima situación económica do país e o ano pecha cunha caída do PIB do 7%.
  • Mediante unha lei amplamente discutida no parlamento proponse a devolución da débeda a Gran Bretaña e Holanda mediante o pagamento de 3.500 millóns de euros, suma que pagarán todos as familias islandesas mensualmente durante os próximos 15 anos ao 5,5% de xuros. A xente vólvese botar á rúa e solicita someter a lei a referendo. En xaneiro de 2010 o Presidente, Ólafur Ragnar Grímsson, négase a ratificala e anuncia que haberá consulta popular.
  • En marzo celébrase o referendo e o NON ao pagamento da débeda arrasa cun 93% dos votos. A revolución islandesa consegue unha nova vitoria de forma pacífica.
  • O FMI conxela as axudas económicas a Islandia á espera de que se resolva a devolución da súa débeda.
  • A todo isto, o goberno iniciou unha investigación para dirimir xuridicamente as responsabilidades da crise. Comezan as detencións de varios banqueiros e altos executivos. A Interpol dita unha orde internacional de arresto contra o ex-Presidente do Kaupthing, Sigurdur Einarsson.
  • Neste contexto de crise, elíxese unha asemblea constituínte o pasado mes de novembro para redactar unha nova constitución que recolla as leccións aprendidas da crise e que substitúa á actual, unha copia da constitución danesa. Para iso, recórrese directamente ao pobo soberano. Elíxense 25 cidadáns sen filiación política dos 522 que se presentaron ás candidaturas, para o que só era necesario ser maior de idade e ter o apoio de 30 persoas. A asemblea constitucional comezará o seu traballo en febreiro de 2011 e presentará un proxecto de carta magna a partir das recomendacións consensuadas en distintas asembleas que se celebrarán por todo o país. Deberá ser aprobada polo actual Parlamento e polo que se constitúa tras as próximas eleccións lexislativas.
  • E para terminar, outra medida “revolucionaria” do parlamento islandés: a Iniciativa Islandesa Moderna para Medios de Comunicación (Icelandic Modern Media Initiative), un proxecto de lei que pretende crear un marco xurídico destinado á protección da liberdade de información e de expresión. Preténdese facer do país un refuxio seguro para o xornalismo de investigación e a liberdade de información onde se protexan fontes, xornalistas e provedores de Internet que aloxen información xornalística; o inferno para EEUU e o paraíso para Wikileaks.

Pois esta é a breve historia da Revolución Islandesa: dimisión de todo un goberno en bloque, nacionalización da banca, referendo para que o pobo decida sobre as decisións económicas transcendentais, encarceramento de responsábeis da crise, reescrita da Constitución polos cidadáns e un proxecto de blindaxe da liberdade de información e de expresión.

Falóusenos disto nos medios de comunicación europeos? Comentouse nos repugnantes faladoiros radiofónicos de politicastros de medio pelo e mercenarios da desinformación? Víronse imaxes dos feitos pola TV? Claro que non. Debe ser que aos Estados Unidos de Europa non lles parece suficientemente importante que un pobo colla as rendas da súa soberanía e plante cara á enxurrada neoliberal. Ou se cadra temen que lles caia a cara de vergoña ao quedar unha vez máis en evidencia que converteron a democracia nun sistema plutocrático onde nada cambiou coa crise, excepto o inicio dun proceso de socialización das perdas con recortes sociais e precarización das condicións laborais. É moi probábel tamén que pensen que aínda quede vida intelixente entre as súas unidades de consumo, que tanto gustan en chamar cidadáns, e teman un efecto contaxio. Aínda que o máis seguro é que esta calculada minusvaloración informativa, cando non silencio clamoroso, se deba a todas estas causas xuntas.

Algúns dirán que Islandia é unha pequena illa de apenas 300.000 habitantes, cun armazón social, político, económico e administrativo moito menos complexo que o dun gran país europeo, polo que é máis fácil organizarse e levar a cabo este tipo de cambios. Porén, é un país que, aínda que teñen gran independencia enerxética grazas ás súas centrais xeotérmicas, conta con moi poucos recursos naturais e ten unha economía vulnerábel cuxas exportacións dependen nun 40% da pesca.

Tamén os hai que dirán que viviron por encima das súas posibilidades endebedándose e especulando no casino financeiro como o que máis, e é certo. Igual que o fixeron o resto dos países guiados por un sistema financeiro liberalizado deica o infinito polos mesmos gobernos irresponsábei e suicidas que agora botan as mans á cabeza. Eu simplemente penso que o pobo islandés é un pobo culto, solidario, optimista e valente, que soubo rectificar botándolle un par de collóns, plantándolle cara ao sistema e dando unha lección de democracia ao resto do mundo.

O país xa iniciou negociacións para entrar na Unión Europea. Espero, polo seu ben e tal e como están a poñerse as cousas no continente coa praga de farsantes que nos gobernan, que o pobo islandés complete a súa revolución rexeitando a adhesión. E oxalá ocorrese o contrario, que fose Europa a que entrase en Islandia, porque esa si sería a verdadeira Europa dos pobos.

Fonte: Nosinmibici - 23.01.2011

Enviado por:
xose manuel sanxoan
melsanxoan@gmail.com-
11 de março de 2011 00:12
___________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon