domingo, maio 01, 2011

O País das Desfeitas, ... por Manuel Miragaia Doldán

Por Manuel Miragaia Doldán [*]
01.
05.2009

Con só dous millóns oitocentos mil habitantes existe un país que conta con tres aeroportos a menos de cento cincuenta quilómetros de distancia entre eles. Para o seu funcionamento achéganse xenerosas axudas de diñeiro público a liñas de baixo custo. Uns políticos visionarios cren que, malia o próximo AVE, deben ampliar pistas e terminais. Aínda que o país perda arreo poboación está ben que manteña tres, porque Avilés e O Porto, como son outros países, á forza teñen que ficar moi lonxe. Ademais, os mozos e mozas galegos que emigran terán que dispor de aeroportos perto das súas casas para cando veñan visitar á familia.
Tamén nese maravilloso e portentoso país, os seus espelidos políticos decidiron que tivese na súa costa norte, a menos de quince quilómetros de distancia entre eles, dous magníficos e custosísimos portos exteriores, un xa hai anos rematado, mais sen acceso terrestre, e outro aínda en construción. Seica cando os acaben seguirán á espera de carbón para queimar nas térmicas próximas, que xa non chegará, e sen outros proxectos para lles dar utilidade aos seus dilatados peiraos.

Nese exótico país procúrase que a xente viva absorbendo contaminación e desfrutando de perigos. Por iso no réxime pasado instalouse unha celulosa e unha refinaría de petróleo pegadas ás casas de dúas cidades. E para lle dar a todo o conxunto máis emoción, os seus eminentes políticos permitiron hai poucos anos que se instalase noutra localidade unha grande planta de gas, á que chegan enormes buques gaseiros navegando por unha ría sinuosa.
Como había que ser xeneroso cos outros países e agasallalos con postos de traballo, estes lúcidos dirixentes políticos impulsaron reconversións industriais, deslocalizacións e peches de explotacións gandeiras, desertizando o medio rural e converténdoo nun verde eucaliptal. Para que preocuparse da produción interna de alimentos se se podían mercar foráneos nos supermercados? Sobraba xente nas aldeas e a súa vida era anticuada. O moderno, o desenvolvido e o “guay-del-Paraguay” era transformarse nun precario urbano castelán-falante.
Nese portentoso país, fartos da natureza, alcaldes superdotados deseñaron cidades coa máxima concentración europea en grandes superficies comerciais –o pequeno comercio non daba para as campañas electorais–, cubríndoas, no canto de arboredo e xardíns, con afoutas torres de vivendas, rúas e máis beirarrúas.

E como do que se trataba era de non seren menos, sen teren servizos de tren de proximidade nas áreas metropolitanas, lanzáronse co apoio de todos os políticos sen excepción á construción do AVE, pois había que establecer dúas viaxes rápidas por día co centro do Estado, aínda que se destruísen vales e montañas, se incomunicasen unha beira coa outra ou se utilizasen as vías do tren convencional pechando estacións.

Nese país de lenda non podía faltar un presidente con soños funerarios faraónicos, ao que ninguén lle quixo parar os pés a tempo, que teimou na tolería de facer unha inútil e gravosa Cidade da Cultura. Compría gastar os fondos europeos en todo, agás en mellorar o tecido produtivo e o Estado de benestar.

A ese país devandito de continua irracionalidade non se lle pode denominar Galiza, senón de xeito máis acaído o país das desfeitas sen fin.


Artigo publicado en varios medios de comunicación entre os que están: Galicia Hoxe e Diario de Ferrol.

[*] Manuel Miragaia Doldán [A Coruña, 1958], Profesor, Filósofo e Escritor. É Licenciado en Filosofía pura pola Universidade de Santiago de Compostela e diplomado en Maxisterio por Ciencias Sociais, é especialista en lingua galega e diplomado en galego pola Escola Oficial de Idiomas da Coruña. Na actualidade, traballa como profesor no IES “Alfredo Brañas” de Carballo. Realizou diversos traballos de investigación e innovación educativa, impartiu cursos e actuou en diversas ocasións como conferenciante e en recitais de poesía.

Desde 1976 escribe habitualmente artigos en galego en diversos medios de comunicación: El Ideal Gallego, El correo Gallego, A Nosa Terra, Man Común e fundamentalmente en La Voz de Galicia, xornal no que leva colaborando desde 1979. Escribiu crítica literaria e política, comentarios sobre eventos históricos e temas de educación, entrevistas, etc. Durante varios anos, mantivo neste xornal a sección humorística “A Revolta” e posteriormente o epígrafe “Xanela aberta” ata o ano 2000. Na actualidade escribe semanalmente no xornal “Galicia hoxe”, baixo o epígrafe “Vento fresco”, artigos que tratan sobre aspectos destacables da sociedade contemporánea desde unha perspectiva galega e de crítica intelectual. Publicou os libros Xénese e apocalipse, Edicións do Castro (1981, poesía) e Manual para escritores e outras sátiras, Ed. Toxosoutos (1997, narrativa). Ademais, traduciu sete libros ó galego e publicou ensaios en diversas revistas como “Arco da vella” (“Nós, os heterodoxos”) e “Agalia” (“A realidade portuguesa no pensamento galeguista”). Continúa producindo obra poética e narrativa.

Fonte: galegos.info



Enlace de interese:

Esta é unha entrevista actual datada no mes de Xuño deste ano 2009, onde se pode apreciar o compromiso e o pensamento do Profesor, Filósofo e Escritor: Conversas Contemporáneas

___________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon