Por Xavier Vence Deza [*]
21.06.2011
Acúsase ao movemento 15-M e aos acampados das prazas de non ter sido quen de ofrecer solucións ben trabadas á crise económica e á crise política. Acúsaselles tamén de caer vítimas dun asamblearismo anarcoide e carecer de portavoces e interlocutores representativos cos que poder dialogar. Esas son as dúas razóns aducidas para xustificar o autismo das institucións e dos partido maioritarios.
Certo que esa forma de organización e o feito de que o propio movemento se considere en proceso de maduramento non facilita a interlocución, pero resulta aínda máis certo que non houbo ningunha tentativa por parte do goberno central ou dos autónomos de ir ao seu encontro. En todo caso, nin a desculpa da atomización, nin o asamblerarismo poden xustificar o autismo institucional. Os chamados mercados son ben máis opacos, anónimos e desconcentrados e, en cambio, non hai dificultade para captar as súas mensaxes e mesmo para obedecelos ao pé da letra.
O movemento dos cidadáns anónimos, dispersos ou concentrados nas prazas, ten mensaxes ben nítidas. Mesmo formuladas por escrito en forma de táboas reivindicativas. O problema non é que se resistan a elixir portavoces cos que falar, o problema real é que non se queren escoitar e entender. A súa mensaxe é xustamente a antítese e a negación dos mercados. Son as voces dos cidadáns atomizados que se enfrontan ao poder económico concentrado e escondido detrás dos grandes fondos de investimento e dos grandes bancos. As institucións políticas, os grandes partidos do poder escolleron bando. Todo o poder para os mercados, oídos xordos para a cidadanía. De aí a indignación. Algúns apóñenlles que as súas reivindicacións son algo naïf ou utópicas; desde logo non máis naïf que crer que poñendo todo ao servizo das finanzas se vaia fortalecer algún día o sistema produtivo.
Os gobernantes e os dirixentes políticos dos grandes partidos parecen crer que a súa responsabilidade histórica é obedecer as demandas das grandes finanzas (até vender como “éxito” –Feijóo dixit– a entrega dunha caixa de aforros a fondos americanos). Definitivamente, non son conscientes da envergadura das consecuencias. As demandas das finanzas, que se plasman hoxe no chamado Pacto do Euro, supoñen tal debilitamento da capacidade produtiva en toda a periferia europea e tal debilitamento da demanda e dos servizos públicos que condenan boa parte da poboación europea á exclusión completa e a outra parte a un retroceso vertixinoso do seu nivel de vida e, sobre todo, a un negro panorama para a súa vellez e o futuro dos seus fillos. O desmantelamento dos servizos do benestar, o ensanchamento da fenda das desigualdades e das bolsas de pobreza só pode traer consigo o esborroamento das institucións que pilotan o sistema, poñendo en grave perigo o futuro da democracia e, desde logo, a calidade da mesma.
Pasado un mes de acampadas sen ofrecerlles ningunha interlocución, esa xente nova –tratada con certa condescendencia como inxenuos e simpáticos– decide expandirse e ir directamente ao encontro das institucións e dos responsábeis políticos. Entón xa non poden ignorarse nin despacharse con declaracións de cínica simpatía e empeza a construírse o discurso da demonización, erguendo a pantasma da violencia.
A mensaxe de fondo dese movemento espertou simpatía nunha grande parte da poboación; a súa frescura e orixinalidade facilitoulle un tratamento mediático que lle permitiu romper certas barreiras que agarrotan as organizacións políticas e sindicais que viñan erguendo a bandeira anti-neoliberal. O reto dese movemento, agora que o tratamento mediático vira cara a súa estigmatización, está en ser quen de, sen perder frescura, abrir pontes de colaboración con todas as demais forzas sociais e políticas coas que comparten obxectivos fundamentais para erguer un amplo e plural movemento de contestación á terceira e agresiva onda de reformas neoliberais aquí e en toda Europa: o Pacto do Euro.
Publicado n'O Xornal de Galicia - 20.06.2011
[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ... .
________
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
Home
Indignadas e Indignados
Xavier Vence Deza
#15-M, mercados e Pacto do Euro, ... Por Xavier Vence Deza
martes, xuño 21, 2011
#15-M, mercados e Pacto do Euro, ... Por Xavier Vence Deza
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan martes, xuño 21, 2011
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
1 comentarios so far
Maxistral esta exposición, Sr. Vence. Sinto que non nos coñezamos persoalmente, máis có seu permiso, tentarei que o seu texto chegue a certa xente coñecida, que curiosamente, manifesta ese tipo de autismo incomprensiblemente mimético có poder. Máis aínda, cando sae da boca dun traballador. Falo de un, máis sei duns cuantos. Mestura entre aborrecidos, aborregados, desilusionados, cegos, xordos e zombis. Toda unha fauna social en verdade, que é imperativo espertar para que se vaian arrimando a esta loita que é UNHA GUERRA sen matices. Non a guerra de trincheiras, baioneta e bótate ao monte. Pero si unha nova guerra e non menos demoledora. Ficade como imos caendo. Realmente, para que se han molestar en botarnos os cans armados con lume, cando poden "amparados pola Lei" botarte da casa, deixarte sen choio, esnaquizar o propio orgullo e sumirte na depresión e a enfermidade. Igual, ate agardan que algúns rematemos tirándonos dunha ponte sen apenas sinalar có dedo aos auténticos criminais. ISTO É MOI FODIDO porque teñen tódalas armas: Comezando polo exercito, a policia, os políticos e os grandes partidos, os xuíces, as máis grandes empresas, tódolos medios de comunicación, case que en absoluto… o dominio da enerxía e a escaseza de alimentos (por si nos parecía pouco). E seguro que me esquezo de alguén, como algún cidadán ben despistado.
POR FAVOR, quero ver xente que non trague con todo. Conciencia e crítica. Saúde.
jdFerro
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon