xoves, xuño 02, 2011

Sobre as eleccións: A esquerda a Praza e o Palacio, ... Por Alexandre Carrodeguas

Por Alexandre Carrodeguas [*]
02.06.2011


As eleccións do pasado 22M devolven o concello de Ferrol á dereita do PP. Retomamos o péndulo no que se ten convertido a representación municipal desde as primeiras eleccións do 79. Neste caso mais que unha vitoria do PP, deberíamos falar dunha auto-derrota da chamada esquerda institucional. Aparte de factores alleos a nosa cidade, enmarcados no contexto xeral da crise económica, a chamada esquerda fai tempo que ten perdido a conexión coa realidade que queremos transformar.

O chamado "povo de esquerdas" ou non existe ou esta desmobilizado, non existe no sentido de que non esta constituído como tal, os que loitamos por políticas emancipadoras non podemos só apelar a un electorado nunhas eleccións concretas. Senón que teríamos mais ben de axudar a constituír ese "movemento" para poder logo representalo nas institucións. Ese movemento político sería o dos que buscan unha sociedade decente, na que as xentes non teñan que subordinarse para ter o simple dereito a poder vivir.

Cando a esquerda chega ao "palacio" e o non ter os "ancoraxes" na praza, acaba fagocitada pola lóxica institucional, pasando a formar parte do aparato de poder, da chamada "clase política". Por iso e moi importante a formación dese suxeito constituínte, desa esquerda encarnada que se vai auto-construíndo; nos centros de traballo, nas escolas, nos bairros, etc. Que por "programa" non leva unha formula allea o propio movemento real, senón algo que se vai construíndo a través das necesidades cotiáns "vividas" como necesarias. Polo tanto a nosa tarefa non sería a a construción dunha sigla determinada que funcione a modo de ferramenta puntual, como a auto-constitución dese novo "povo de esquerdas", que lle dispute a hexemonía a dereita.

A dereita disputa a hexemonía ideolóxica a través de moitos medios, mediáticos, relixiosos, empresariais.etc

Esta hexemonía como pensaba Gramsci ten que ser disputada por esa "plebe" que traballa por un outro mundo posible.

Temos que construír esa esquerda coa inmensa maioría dos traballadores, dos autónomos, dos pequenos propietarios e tendeiros, dos pequenos empresarios, etc., sexa mulleres ou homes.Temos que saír da relación endogámica entre militantes de grupos de esquerda e percatarnos de que as consignas que moitas veces utilizamos carecen de enganche coas experiencias, as preocupacións, e os padecementos enormes, reais, das nosas xentes que viven e traballan por saír adiante. Cando o sistema lles pecha todas as portas.

Por iso temos que saír xa aos barrios e iniciar a reflexión común, todos e todas xuntos, sobre as condicións que permitan esa outra sociedade política decente; na que a xente teña dereito a unha sanidade sen demoras, a unha escola pública sen discriminacións, a pensións dignas, a emprego, a ter cubertas as necesidades mínimas en calefacción, auga potable, electricidade, roupa, cultura … a non sentirse humillados polas administracións e as empresas. Cousas polo demais evidentes, que nestes tempos que se aveciñan se converten en revolucionarias. ¡Que tempos estes en que hai que loitar polo evidente¡

A esquerda ten sufrido unha gran derrota, temos que ser conscientes, estamos atravesando a travesía do deserto e non temos pois un movemento real organizado. Pasolini era o que falaba sobre o palacio e a praza, somos conscientes de que a nosa praza esta disgregada, atomizada, fragmentada; temos ingredientes pero non callan para facer a "maionesa necesaria", pero tamén sabemos que esta na nosa man, non hai ningún determinismo que nolo impida.

Sabemos que o programa temos que construílo partindo das necesidades inmediatas da xente e dos seus problemas cotiáns, que a xente e que ten que organizarse xa "capilarmente" como un tecido social alternativo. O capitalismo é xa unha cultura, non só é un sistema económico, e mudar unha cultura é algo moi de longo alcance e debe facerse a nível concreto neses barrios, nesas fábricas, neses lugares onde fai tanto tempo que non vamos. Poño o exemplo de Mehá en Mugardos, da loita contra a planta de gas: na parroquia que está máis preto da planta os veciños apenas estaban organizados, cada un estaba na súa casa vendo a televisión. Nesta cultura consumista e individualista que padecemos. Pois ben, a partir do inicio da loita creouse unha asociación de veciños, fixéronse debates e charlas e hoxe existe alí unha pequena comunidade de iguais. A partir dunhas necesidades sentidas, dunha loita concreta, dunha análise concreta, foron chegando a unha análise máis xeral encarnada e sentida.

Polo tanto o obxectivo é encarnarnos nesa democracia real que reivindica o movimento do 15-M, a praxes creadora dunha esquerda que sexa de loita e de goberno, que non sexa comisaria do poder económico, que non rompa o vínculo entre representante e representado, que fomente unha nova cultura democrática de vida. Este é o obxectivo político primordial, verdadeiramente democrático, ademais, no que participen as maiorías desposuídas e garantes da verdadeira democracia:

Por estes obxectivos loitan tamén en Ferrol os colectivos que van organizar en Ferrol no próximo setembro o Forum social Galego.

Fagamos camiño agardando novos maios, nestes caso maios floridos. Vémonos nas prazas.

EN LA PLAZA (Vicente Aleixandre)

No es bueno
quedarse en la orilla
como el malecón o como el molusco que quiere calcáreamente imitar a la roca.
Sino que es puro y sereno arrasarse en la dicha
de fluir y perderse,
encontrándose en el movimiento con que el gran corazón de los hombres
palpita extendido.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista ecoloxista e político de Ferrol Terra.

Enviado por:

Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
1 de junho de 2011 15:45
_____________________

1 comentarios so far

completamente de acordo co artigo.

a miña única dúbida é que non creo nos partidos existentes. Os seus obxectivos, tacticismos e estructuras de poder actúan en como freo do cambio político. Limitanse, dende a súa orixe, ao xogo institucional, sen cuestionar as estruturas capitais do estado (o exercito, a policía, os xuices, a administración, a propiedade privada...) nin sequera tensionando estas estruturas ate os límites da constitución hoxe vixente.

Cambiar a correlación de forzas está da nosa man se queimamos a lá partidaria e comezamos de cero.

ánimo, saúde e sorte.


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon