Por Amadeo Varela [*]
26.09.2011
De vez en cando, os responsables da Planta de Gas de Mugardos, aparecen nos medios de comunicación acompañados de grupos de invitados, para louvar as excelencias das instalacións e dos seus sistemas de seguridade e, os beneficios que estas aportan a Galicia e a os galegos. Un día son os alumnos dun colexio, outro os compoñentes dunha coral ou rondalla, outro un grupo de profesores, ou de deportistas, ou calquera outro colectivo, que son utilizados como propaganda gratuíta, como unha demostración da bondade e eficiencia da planta. A min paréceme que toda esa “parafernalia” propagandística é froito da mala conciencia de aqueles que saben que as cousas fixéronse mal e incluso diría que ilegalmente.
Eu non entro a discutir temas dos que non teño suficientes coñecementos, pero hai detalles que non precisan de títulos universitarios para poder opinar con certas garantías. Por exemplo, se Reganosa é boa para os galegos, a min aínda non me chegaron os beneficios, aínda que si me chegou a preocupación; se alguén opina que o impacto ambiental non é negativo, ou non sabe o que é ambiental, ou cre que a xente é parva; e se alguén di que non é perigosa, que me explique por que en USA e en Italia negan os permisos para semellante industria e por que un de cada catro buques gaseiros tiveron que pospoñer a súa entrada na ría polas difíciles condicións marítimas. Por outra parte, pregunto eu: ¿A Planta de Gas fora da ría, non sería igual de boa para os galegos?
Entendo que tras toda esa propaganda agáchase un solapado intento de descualificar a aqueles que, insistentemente, fan oír a súa voz reclamando o traslado de Reganosa para fora da ría. Hai sitio mellor para poñela e eles sábeno. Polo tanto, que deixen de intoxicar á opinión pública, porque o pobo de Ferrol é apático e resignado e aguanta, como si estivese durmido todo o que lle botan, pero non é parvo e puidera ser que se canse de tanta tomadura de pelo. Claro que iso é bastante difícil, así que seguiremos dicindo que chove mentres… Oxalá que non sexa unha traxedia o que nos faga espertar.
[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida".) publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
____________
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
luns, setembro 26, 2011
Propaganda, ... Por Amadeo Varela
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan luns, setembro 26, 2011
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon