A Unión Comarcal organiza un percorrido en barco pola ría para simbolizar o drama da emigración e unha asemblea aberta no Cantón de Molíns
A Unión Comarcal da CIG de Ferrol anunciaba en rolda de prensa esta mañá os actos que vai desenvolver nos vindeiros días con motivo da campaña nacional “Si, existen alternativas. En defensa do emprego e dos servizos públicos”. A Unión Comarcal ten organizada unha “marcha” simbólica en barco pola ría, para representar a problemática do desemprego que deixa a emigración como única saída, unha asemblea aberta e unha xornada dedicada á mocidade .
Os voceiros Comarcais da CIG de Ferrol, Xesús A. López Pintos e Manel Grandal, foron os encargados de dar a coñecer a campaña que a central nacionalista está a desenvolver e que dá continuidade ás mobilizacións realizadas antes do verán na defensa do emprego e dos servizos públicos.
Alén da axitación nos centros de traballo que xa se está a realizar, a Unión Comarcal ten programado para o martes 18 de outubro unha rechamante mobilización. Ás 11:30 horas sindicalistas e delegados/as da central concentraranse no Peirao de Curuxeiras, equipados coas súas respectivas maletas, para tomar un barco co que percorrerán os peiraos e estaleiros da ría de Ferrol. A idea é simbolizar a problemática sociolaboral que vive a comarca e denunciar a falta de alternativas económicas que teñen convertido á bisbarra nunha das zonas con maiores taxas de desemprego do estado. “A única saída que nos queda é a emigración”, criticaron os responsábeis da CIG de Ferrol.
Con esta mobilización preténdese levar tamén a mensaxe da campaña a todos os concellos da ría e concienciar á cidadanía da necesidade de loitar por un novo modelo económico e social que permita unha saída á crise favorábel á clase obreira.
Ao día seguinte, 19 de outubro, ás 19:00 horas, terá lugar no Cantón de Ferrol unha asemblea aberta a toda a cidadanía na que participarán os voceiros comarcais da CIG de Ferrol e o Secretario Xeral, Suso Seixo, para explicar os obxectivos da campaña e as alternativas defendidas dende a Confederación Intersindical Galega. Durante o acto tamén se proxectará o vídeo-documental “A crise, o sistema e a soberanía” realizado pola CIG. No caso de que o tempo non acompañe, dende a CIG de Ferrol informaron que a asemblea será trasladada até o centro social de novacaixagalicia.
Xornada para a mocidade
A mocidade tamén terá o seu día dentro do calendario de actos programado pola comarca. Será durante a tarde do xoves 20 de outubro. Aínda que falta por concretar o espazo exacto, a CIG-Mocidade anima á xente nova á amosar a súa creatividade participando na pintada de graffitis alusivos á temática da campaña “Si, existen alternativas”. Ademais, vaise facer un reparto de panfletos específico para os mozos e as mozas en formato de banda deseñada.
Manifestación en Compostela
Este programa de mobilizacións enmárcase no calendario de actos que a central sindical está a realizar por todo o País con motivo da campaña “Si, existen alternativas. En defensa do emprego e dos servizos públicos”, que culminará o vindeiro 23 de outubro cunha manifestación en Compostela, ás 12:30 horas, que sairá dende a Alameda.
Fonte: Avantar
________________________
1 comentarios so far
Por que se fai coincidir un acto da CIG coa presentación do programa electoral do BNG?
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon