mércores, outubro 05, 2011

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e outras entidades cidadás denuncian no día de hoxe -ante a Fiscalía Anticorrupción- as estrañas exportacións que veñen realizando desde Reganosa

Tags

Ante o novo negocio de Reganosa o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, denuncia ante a opinión pública e ante a Fiscalia Anticorrupción o perigoso actuar de Reganosa que ven a aumentar o potencial perigo que xa de por si representa a propia instalación da Planta de Gas no concello de Mugardos, e a perigosa navegación pola canle da Ría e a posterior descarga, de buques gaseiros con miles de toneladas de GNL, no peirao de punta Promontorio. Agora hai que somar a carga, en Reganosa, de gas natural licuado -LNG- por parte doutros buques que teñen que saír cos tanques cheos pola canle da Ría. Máis non é só o asunto da súa perigosidade, senón que se producen descargas e cargas de buques sen lóxica aparente, polo que puideran respostar a negocios pouco claros que só son posíbeis se os custos os pagamos tod@s.

Nota de Prensa e denuncia ante Fiscalía Anticorrupción.

NOTA DE PRENSA

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e outras entidades cidadás denuncian no día de hoxe -ante a Fiscalía Anticorrupción- as estrañas exportacións que veñen realizando desde Reganosa.

No día de hoxe atópase atracado nas instalacións de Reganosa o buque gasero "SCF Polar" [de máis de 42 anos de antigüedade], cargando 30.500 m3 con destino a Arxentina. Este mesmo gas foi descargado onte polo "Catalunya Spirit", que o transportou desde Trinidade e Tobago. Este gas por tanto cruzará por dúas veces o océano Atlántico, antes de alcanzar o seu destino final.

Neste ano desde Reganosa saíron un total de 357.400 m³ de GNL o que equivale a 2,5 veces o consumo doméstico de Galicia de todo o ano 2010.

Características do buque:
Nome: SCF Polar - Ano construcción: 1969 - Bandeira: Liberia -  Eslora:- 243.34 m
Manga: 34.04 m - Puntal: 21.2 m - Calado: 10.03m - Capacidade: 71.500 m³ - Destacar antigüedade: 42 anos. Carga: 68.000 m³ -




Blog solidario coa veciñanza de Meá
Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
http://comitecidadan.org


Información baseada na enviada polo:

Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
5 de outubro de 2011 16:44
___________________

Anexo.-

Achegamos copia da denuncia.

Á Fiscalía Especial para Delitos Económicos Relacionados coa Corrupción

R/ Manuel Silvela Nº 4
28010 Madrid


Humberto Fidalgo Couce con DNI ..... e con domicilio a efectos de notificación en ...., membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a defensa da Ría de Ferrol, Vicepresidente de ADEGA-Trasancos, Manuel A. Rodríguez Carballeira con DNI ..., Coordinador do Comité Cidadán e Dª. Luz Mariña Torrente López, DNI ...., con domicilio a efectos de notificación en ...... , en representación da Plataforma de Veciños O Cruceiro de Mehá, de CIF ..... actuando na súa representación,

EXPOÑEN:

Na planta de regasificación localizada no concello de Mugardos, situada no interior da Ría de Ferrol e propiedade da empresa REGANOSA, veñen producindo descargas de gas natural licuado procedentes de buques que importan o gas dos países produtores. Inmediatamente despois da descarga, este gas é novamente embarcado en buques para ser exportado a outros países.

Relación de operacións (segundo datos do xestor do sistema gasista e rexistro de entradas):

1.- Nos días 14 e 15 de febreiro de 2011 o buque "Cheikh o Mokrani" procedente de Alxeria descarga 72.500 m³ de gas natural. Dous días máis tarde atraca en REGANOSA o buque "SCF Polar" que entre os días 18 e 20 de febreiro carga 64.100 m³ de gas e trasládaos ao porto de Xénova (A Spezia- Italia).

2.- O 27 de abril o buque "SCF ARTIC" entrou en Reganosa, onde estivo unha semana atracado sen movementos de carga rexistrados. Entre os días 1 ao 4 de maio cargou un total de 70.400 m³ e partiu rumbo a Xibraltar onde permaneceu dando rodeos e/ou fondeado durante máis de dúas semanas. Finalmente o día 21 de maio entra na planta de Huelva e descarga 11.300 m³ e sae o 22 de maio, rumbo Atlántico Sur.

3.- Entre os días 13 e 14 de maio do 2011 o "NORMAN LADY", procedente de Trinidade eTobago, descargou 36.000 m³ e nos días seguintes (do 14 ao 16) o mesmo barco cargou 57.300 m³ e saíu rumbo ao Atlántico Sur.

4.- Os días 15 e 16 de setembro, o buque "LNG OGUN" descarga 142.800 m³ de gas natural licuado procedente de Nixeria. Dous días máis tarde, entre os días 17 e 20 de setembro o barco "BRITISH MERCHANT" realiza a carga de 135.100 m³ de gas natural licuado, saíndo de REGANOSA con destino Kuwait.

5.- Día 03 de Outubro, o "Catalunya Spirit" descarga 99.800 m³ de gas natural licuado procedente de Trindade-Tobago. O día seguinte o SCF Polar carga 30.500 m³ con destino a Arxentina.

Á parte destas cargas, houbo algunha posta en frio de tanques, como é o caso do "EXCALIBUR" que o 18 de agosto de 2010 utilizou 3.200 m³, fornecidos desde os tanques de Reganosa.

Resulta difícil explicar que un Estado netamente importador e dependente do gas natural como é España proceda a exportar estas cantidades de gas a outros países. Aínda é máis difícil explicar que resulte máis rendible aos importadores de Italia, América ou Kuwait, que o gas natural procedente de Alxeria ou Nixeria teña que desviarse da súa ruta e realizar un longo percorrido para facer unha escala na Ría de Ferrol, onde será descargado na planta REGANOSA e transvasado a un novo buque antes de chegar aos países de destino despois dunha longa travesía.

A planta de regasificación de Reganosa (como todas as plantas de gas españolas) pertence ao Sistema Gasista e é unha actividade regulada polo Estado. O cal significa que a construción, mantemento e gastos de operación destas infraestruturas gasistas son pagadas polos consumidores españois, ao considerar que están a prestar un servizo ao conxunto do estado.

A canle de acceso á Ría de Ferrol ten unhas difíciles condicións de navegabilidad (longo, sinuoso, estreito e de calado limitado) o cal obriga para estas operacións de entrada/ saída e de carga/descarga en REGANOSA a utilización de: 4 remolcadores, dous prácticos de porto e a presenza constante dun remolcador mentres os barcos gaseros permanecen atracados na planta. Supón todo iso un alto custo económico, un alto consumo enerxético e unha porcentaxe de perdas do gas transvasado. Ademais, por motivos técnicos, a carga dun buque é máis lenta (2 ao 3 días) que a descarga (unhas 12 horas), polo que o custo repercutido ao sistema é maior nas operacións de carga. Son as operacións que implican maior risco e cuxos gastos deben soportar economicamente os consumidores do sistema gasista de España, a través das tarifas do gas para uso doméstico, que sofren periódicas subidas do prezo.

Esta trasfega de importacións-exportacións de gas non representa ningún servizo, nin beneficio para o estado español, provocando un maior número de entradas e saídas de gaseros cargados, e por tanto maior probabilidade de que ocorra un accidente.

A proximidade da planta aos núcleos urbanos, a ausencia dun plan de emerxencias para estes buques supón un incremento do perigo para a numerosa poboación que a rodea.

Descoñecemos o tratamento fiscal que se poida estar a aplicar a estas operacións de importación e exportación, pero pomos no seu coñecemento que nas instalacións de "Forestal do Atlántico", anexas a "Reganosa", no ano 1997 xa se produciu unha importante fraude fiscal relacionada coa exportación fraudulenta de miles de toneladas de gasóleo e que a día de hoxe -despois de 14 anos- aínda segue sendo instruído no xulgado de Ferrol. O grupo Tojeiro é o accionista maioritario das dúas instalacións.

SOLICITAMOS

A esta Fiscalía que investigue as exportacións de gas natural licuado que se realizan desde a planta de regasificación de REGANOSA polo prexuízo que poidan estar a producir ao erario público, polo grave perigo ao que expoñen á poboación e que investigue quen son os operadores beneficiarios destas operacións.

Ferrol, 5 outubro de 2011

Humberto Fidalgo Couce - Vicepresidente de ADEGA-Trasancos

Manuel A. Rodriguez Carballeira - Coordinador do CCE

Dª. Luz Marina Torrente López - Plataforma de Veciños O Cruceiro de Meá

________________

Enlace relacionado:

"Reganosa: Vellas mentiras e novos negocios", ... comunicado público do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
___________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon