mércores, novembro 23, 2011

Anuncian o alleamento e aluguer dunha treintena de locais de propiedade pública da Xunta en Esteiro - O Grupo Municipal de Esquerda Unida denuncia a medida que non fai caso a un acordo plenario no que se solicitaba ceder os inmobles para fins de utilidade social ou pública

O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA DENUNCIA QUE A XUNTA DE GALICIA VENDA E ALUGUE OS INMOBLES DE ÁLVARO CUNQUEIRO

O PP ALLEA UNS ESPAZOS QUE SON NECESARIOS PARA ATENDER DIVERSAS INICIATIVAS SOCIAIS DA CIDADE

Esquerda Unida quere denunciar o alleamento e aluguer dunha serie de locais situados en Álvaro Cunqueiro e Avenida de Vigo por parte da Xunta de Galicia, nunha decisión economicista que pecha un abano de posibilidades e necesidades que ten a cidadanía de Ferrol. A Xunta vende ou aluga unha treintena de locais, negando a nosa cidadanía a cesión destes espazos públicos, para simplemente tentar facer negocio con eles. Quizabes a Xunta tente reactivar o negocio do ladrillo a conta de deixar sen opcións a unha serie de necesidades e utilidades para a nosa cidade. Así se publicaba onte no DOGA nos anuncios da administración autonómica.

En outubro de 2009 o noso Grupo Municipal presentara unha moción en relación con estes locais pedindo que se negociase coa Xunta a súa cesión a este concello para empregalos en tarefas de utilidade pública e social. A moción aprobouse coa abstención do PP. Lamentablemente nen os gobernos municipais, o anterior do PSOE nen o actual do PP, fixeron ren para facer realidade unha moción que servía aos intereses da nosa cidadanía ao proporcionar espazos públicos para desenvolver iniciativas sociais ou públicas.

A nosa organización denuncia a intención da Xunta de especular con locais públicos que poderían cumprir funcións de utilidade pública e social. Queremos pór como exemplos o posible traslado a estes espazos do Museo do Xogo Popular, hoxendía sito no colexio público de Esteiro. Ou a realidade de entidades sociais que necesitan un espazo para realizar actividades. Sen esquecer que nalgún intre haberá que proceder a descentralizar administrativamente os servizos do concello e que para entón sería ben dispor nun barrio da importancia de Esteiro de inmobles públicos para atender a tal finalidade. Pedímoslle cordura e rectificación ao PP.

O Grupo Municipal de Esquerda Unida demanda unha rectificación da Xunta de Galicia, de xeito tal que se cedan unha serie de locais para usos públicos e sociais para o concello de Ferrol. E xa que logo, reclamamos do Goberno Municipal que negocie coa Xunta de Galicia esta petición aprobada polo Pleno do concello de Ferrol a proposta de EU.

Ferrol, mércores 23 de novembro de 2011

GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/


Enviado por:

Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
23 de novembro de 2011 14:01
Prezadas/os amigas/os: remitimos unha denuncia do Grupo Municipal diante do anuncio publicado no DOGA de onte no que se anuncia o alleamento e aluguer dunha treintena de locais de propiedade pública da Xunta en Esteiro, facendo oídos xordos ao acordo do Pleno de Ferrol de outubro de 2009 para ceder os inmobles de Álvaro Cunqueiro para fins de utilidade social ou pública dende o concello. Anuncio da Xunta que se produce co silencio cómplice do Goberno Municipal. Saúdos, Ramiro Marier
______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon